Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Novos tempos para Narón

Acadada a elección na Agrupación Socialista de Narón da súa candidata á Alcaldía, Catalina García Blanco, merece este feito ser salientado polos cambios que se aveciñan na vida municipal deste Concello.

Katy cos veciñosCoñezo á nova candidata dende hai anos. Pero, adianto que este é un artigo obxectivo, fronte ao que poderíase pensar. Recentemente, xusto antes da celebración dun acto sobre Palestina, organizado por Fuco Buxán na Galería Sargadelos, presentábaa eu ao deputado socialista por Barcelona, Jordi Pedret, dicíndolle que sendo o PSOE, unha formación política moi complicada, sempre tivo a sorte de que en tempos difíciles se achegaban a el persoas de valía, que viñan a aportar e non buscaban o seu medre persoal, senón que tiñan unha forte vocación por transformar a sociedade, de traballar polos demais. É este, tamén o caso de Katy.

Seguir lendo

Comeza a Homenaxe galega a Díaz Pardo. ¡Participemos nel!

portadatarxetaisaac.jpg

Este venres comeza en Ferrol, organizado pola Asociación Cultural Fuco Buxán a Homenaxe de Galicia a Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.

Conta esta homenaxe coa colaboración das Consellerías de Cultura, Economía, Presidencia e Política Territorial. Así como, dos Concellos de Ourense, Narón, Santiago, Lugo, Pontedeume, A Capela, Fene, Valdoviño, Mugardos, Neda, Verín, Cariño, Oleiros e as concellerías de cultura de Ferrol e A Coruña. Tamén colaboran Caixanova, Caixa Galicia, Autoridade Portuaria Ferrol – S. Cibrao, Igape, Fimo e a Cofraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol.

Os actos programados, no mes de Febreiro, por Fuco Buxán son:

8 de febreiro: inaguración dunha Exposición Antolóxica no Centro cultural Torrente Ballester, ás 20.30 horas. Na que se recolle a rica traxectoria vital de Díaz Pardo, xunto a Luis Seoane, no Laboratorio de Formas.

9 de febreiro: Mesa Redonda. Na sede da Fundación Caixa Galicia en Ferrol, 20 horas. Coas intervencións de Xosé Luis Axeitos (coordinador), Manuel Aznar Soler, Xosé Neira Vilas e Camilo Díaz.

23 de febreiro: Mesa Redonda, sede da Fundación Caixa Galicia, en Ferrol, 20 h. Coas intervencións de Euloxio Ruibal (coordinador), Fermín Bouza, Andrés Varela e Fernando Salgado.

Os actos programados, no mes de Marzo, por Fuco Buxán son:

2 de marzo: Acto Central de Homenaxe a Isaac Díaz Pardo, no Teatro Jofre de Ferrol, a partir das 19.30 horas.

Coas intervencións dos poetas: Salvador García – Bodano, Eva Veiga, Xosé Leira, Laura landeira, José Viale Moutinho e Rosa Méndez.

Actuación Musical de Milladoiro.

A continuación celebrarase unha cea. Podedes ver máis información na páxina de Fuco Buxán.

8 de marzo: Clausura da Exposición Antolóxica no Centro Cultural Torrente Ballester.

Sobran argumentos para o por qué desta Homenaxe a Isaac Díaz Pardo.

 

Despido arbitrario na empresa Emte Service (Tarragona)

¡Pola readmisión inmediata do ferrolán Ánxel Malde!

Chegoume a través dun traballador de Navantia Ferrol o que está a acontecer cun xoven ferrolán, que coñezo desde que este era un neno, e que emigrou hai un tempo a Tarragona.

Dínme que no pasado mes de xaneiro, a empresa Emte Service, auxiliar do sector da petroquímica tarraconense, despideu arbitrariamente a este xoven traballador, alegando “unha inasistencia ao posto de traballo”, sendo a auténtica razón que Ánxel é un traballador molesto para a empresa, polas súas protestas constantes e a denuncia xudicial que presentou contra da empresa por prestamismo laboral.

Anxel é un exemplo máis dos abusos, da precariedade á que están sometidos miles de traballadores subcontratados, que operan para as compañías principais como un obreiro máis, pero cuns dereitos e unhas condiciones de trabajo moi inferiores. Así mesmo é un exemplo da necesidade de agrupar a todos os traballadores para loitar contra a precariedade laboral e os abusos patronais.

Tamén podedes expresala vosa solidariedade con Ánxel Malde

O Goberno español toma medidas contra o amianto

Hoxe no telexornal de TVE 1, saía unha noticia que reflectía a problemática do amianto en España. A orixe está nunha pregunta parlamentaria do BNG, onde o Goberno daba unha resposta en camiño de suprimir o amianto no país e paliar no posible os seus efectos sobre a saúde.

Cartel 4-7-2001As imaxes e as entrevistas que emitían desde a televisión pública eran tomadas en Ferrol. Van seis anos desde ca Asociación Fuco Buxán iniciara a campaña contra o uso do amianto e reclamando medidas sanitarias e sociais contra a súa enfermidade o asbestos. Lembro que esta foi unha iniciativa de Rafael Pillado, un referente tanto histórico como actual na loita pola transformación democrática da sociedade.

Rafael, coma unha boa parte dos traballadores da antiga Bazán, hoxe Navantia Ferrol, vive nun edificio da propia cooperativa destes traballadores. Foi el, sempre atento ás cuestións sociais, quen visualizou as, ata entón mortes silenciadas dos traballadores da Bazán polo asbestos, transformándoa nunha cuestión de primeira orde na comarca. E que despois, tivo tanto eco no Estado. Hoxe o que se avanzou neste campo ten moito que ver coa mobilización social en Ferrolterra. Salientar, tamén, a inestimable axuda do doutor Carlos Piñeiro, o seu compromiso, a súa entrega, tamén foi, e sigue sendo un dos baluartes desta loita.

Desde Fuco Buxán fixemos as primeira xornadas o 4 de xullo do 2001, no Centro Cultural Carballo Calero en Ferrol. O acto presentado polo propio Pillado, contaba ademais, coa presenza de Piñeiro, de Carlos Cárcoba (do Gabinete estatal de saúde laboral de CC.OO.), e con representantes locais do conxunto do movemento sindical.

Lembro, aínda as acusacións de “determinadas persoas” que nos acusaban de causar “alarma social”. Pero, o certo é que máis de vinte mil traballadores desta comarca están afectados en maior ou menor medida, a maior bolsa de afectados de Europa. Moitos morreran nos vindeiros anos. Merecen un tratamento médico e social adecuado, eles e as súas familias.

Quizais, o traballo desenvolvido neste eido é dos un que máis orgullosos estamos en Fuco Buxán. Sabíamos perfectamente que o problema superaba a nosa capacidade, que non podíamos dedicarnos, como este asunto require, de xeito adecuado. Por iso, apostamos porque os propios afectados se organizaran. Daquela inquedanza xurdiu a Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA), hoxe integrada a nivel estatal en AVIDA, e que están a desenvolver un papel fundamental na defensa dos dereitos dos afectados. O conxunto das Administracións deben aumentalo interese  e os medios neste asunto. Está claro que o require.

Parabéns, AGAVIDA.

¿Vivendas para traballadores?

Os propietarios dos trinta e seis pisos, que no barrio de Caranza, na cidade de Ferrol, se viron afectados pola tormenta tropical “Gordon” decidiron ir pola vía penal contra a construtora e os promotores da cooperativa de vivendas. Vivendas de Vitra FerrolACS, foi quen levou adiante as obras de construción baixo o patrocinio de Vitra – GPS (Vivendas para traballadores, de CCOO). Cando aínda non foron avaliados todos os danos ocasionados polo “Gordon”, quedan os coches e as vivendas veciñas, os cooperativistas falan xa de máis de setecentos mil euros, so na parte que lles corresponde a eles. 

Quedaron sen tellado, a auga anegou todos os edificios, afectando aos ascensores, as paredes, ao sistema eléctrico, aos garaxes… e para máis inri, ninguén queríase facer cargo. Lamento a situación destas persoas. Son traballadores e non merecen que as súas inversións e desexos dunha vivenda digna se vexan truncadas. Pero, tamén lamento a actitude dos promotores. Eles tiñan que ter unha actitude moito máis acorde coas siglas históricas que representan. 

Hai que facer unha reflexión no conxunto do movemento sindical, de por qué iniciativas que son boas para o conxunto dos traballadores quedan escaralladas deste xeito. O sindicalismo de renuncia dun modelo solidario a favor da asunción dos parámetros da “liberdade de mercado”, están no fondo desta pésima xestión. Cando se utilizan os mesmos parámetros cas propias empresas acaban sucedendo cousas como estas.

O acontecido amosa un deterioro da práctica sindical que debilita as posicións dos traballadores. Afecta ademais ao conxunto dos sindicatos, que hoxe en día teñen, basicamente, os mesmos plantexamentos e xeitos de actuar. Quen ninguén tire a primeira pedra, porque lla poderían devolver acrecentada.

Unha volta ás orixes, de traballo por e para os traballadores, debera facilitar outro sindicalismo que é posible.