Hoxe no telexornal de TVE 1, saía unha noticia que reflectía a problemática do amianto en España. A orixe está nunha pregunta parlamentaria do BNG, onde o Goberno daba unha resposta en camiño de suprimir o amianto no país e paliar no posible os seus efectos sobre a saúde.
As imaxes e as entrevistas que emitían desde a televisión pública eran tomadas en Ferrol. Van seis anos desde ca Asociación Fuco Buxán iniciara a campaña contra o uso do amianto e reclamando medidas sanitarias e sociais contra a súa enfermidade o asbestos. Lembro que esta foi unha iniciativa de Rafael Pillado, un referente tanto histórico como actual na loita pola transformación democrática da sociedade.
Rafael, coma unha boa parte dos traballadores da antiga Bazán, hoxe Navantia Ferrol, vive nun edificio da propia cooperativa destes traballadores. Foi el, sempre atento ás cuestións sociais, quen visualizou as, ata entón mortes silenciadas dos traballadores da Bazán polo asbestos, transformándoa nunha cuestión de primeira orde na comarca. E que despois, tivo tanto eco no Estado. Hoxe o que se avanzou neste campo ten moito que ver coa mobilización social en Ferrolterra. Salientar, tamén, a inestimable axuda do doutor Carlos Piñeiro, o seu compromiso, a súa entrega, tamén foi, e sigue sendo un dos baluartes desta loita.
Desde Fuco Buxán fixemos as primeira xornadas o 4 de xullo do 2001, no Centro Cultural Carballo Calero en Ferrol. O acto presentado polo propio Pillado, contaba ademais, coa presenza de Piñeiro, de Carlos Cárcoba (do Gabinete estatal de saúde laboral de CC.OO.), e con representantes locais do conxunto do movemento sindical.
Lembro, aínda as acusacións de “determinadas persoas” que nos acusaban de causar “alarma social”. Pero, o certo é que máis de vinte mil traballadores desta comarca están afectados en maior ou menor medida, a maior bolsa de afectados de Europa. Moitos morreran nos vindeiros anos. Merecen un tratamento médico e social adecuado, eles e as súas familias.
Quizais, o traballo desenvolvido neste eido é dos un que máis orgullosos estamos en Fuco Buxán. Sabíamos perfectamente que o problema superaba a nosa capacidade, que non podíamos dedicarnos, como este asunto require, de xeito adecuado. Por iso, apostamos porque os propios afectados se organizaran. Daquela inquedanza xurdiu a Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA), hoxe integrada a nivel estatal en AVIDA, e que están a desenvolver un papel fundamental na defensa dos dereitos dos afectados. O conxunto das Administracións deben aumentalo interese e os medios neste asunto. Está claro que o require.
Parabéns, AGAVIDA.