Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Ferrol á esquerda (unha análise rápida)

Logo PSG - PSOEQuero empezar cos parabéns ao meu novo alcalde Vicente Irisarri, a Iván de Fene, a Katy de Narón (¡aguantade as presións de Gato e os seus amigos!), Armada de Cariño… (que perdoen os non nomeados/as).

A verdade que os resultados foron moitísimo mellor do que eu contaba. No post anterior hai evidentemente erros de apreciación pola miña parte. Quizais un exceso de prudencia, levar vinte anos asistindo ás mesas electorais e o clásico intercambio 13/12 entre a dereita e a esquerda ferrolá, fixeron que non captara ben a profundidade do cambio na miña cidade.

¿Que fai que as dereitas, PP e IF, queden fóra de xogo en Ferrol?

1) Reganosa metendo o primeiro gaseiro (anúnciase xa outro para esta tarde, asistide á concentración no Porto de Curuxeiras a partir da 13.30 horas se podedes), e Fuco Buxán coa edición do libro “Muros de Silencio”; meteron no centro do debate electoral os riscos que para a poboación da ría de Ferrol supón a tolemia de instalar a planta de gas en medio dela.

2) Durante todo este mandato o goberno saínte de PP e IF tiveron fronte a eles aos movementos sociais e veciñais: Edificio da Praza de España, Menáncaro, Sartaña…

3) Vicente Irisarri, aparece como un candidato solvente e que lle permite, nun momento de non loitas internas, capitalizar o descontento social, a presenza socialista na Xunta e no Goberno de España.

4) Yolanda Díaz e Esquerda Unida, vinculándose aos movementos sociais e ás demandas sociais, especialmente a oposición contra Reganosa, duplica resultados. (Permitídeme que felicite a amiga Yolanda).

5) Dúas formacións: PP, e neste caso o BNG, que retiraron os contenciosos xudiciais do Concello de Ferrol contra Reganosa son os grandes perdedores. Juncal perde a Alcaldía, e probablemente, tras o resultado do PP na cidade da Coruña a presidencia provincial do partido.

No caso nacionalista, o apoio do ferrolán Paco Rodríguez – secretario xeral da UPG – a Reganosa fai que en Ferrol rompan o seu chan histórico electoral, caendo a dous concelleiros, perdendo tamén a alcaldía de As Pontes, a isto hai que sumarlle a perda de Fene, que xa ten a Iván como novo alcalde in péctore. (Post data: a venda de Astano a “Barreras” non parece que teña moitos seguidores neste concello).

6) No caso de IF, o outro gran perdedor, pagan a súa xestión urbanística no Concello de Ferrol.

Agora, tras o acordo estatal entre PSOE e IU para formar gobernos municipais, obviamente sería desexable reproducilo en Ferrol. Creo que debéramos, se o BNG quere, facer un tripartito unha vez que quede asegurado este novo pacto de progreso na cidade (a suma de PSOE e EU son maioría absoluta).

Apunte final: esta é unha nova oportunidade histórica que os socialistas deberamos aproveitar para defender as nosas posicións de esquerda, de defensa dos cidadáns e desta nosa comarca. Temos votos e forzas para esixir o noso peso específico, igual que os resto das grandes áreas metropolitanas en Galicia. Depende da nosa determinación.

Non defraudemos as expectativas que os cidadáns depositan en nós.

Ferrol, quinielas electorais e resultados abertos

Hai moitas quinielas estes días. As enquisas dos medios de comunicación reflicten que cando menos na cidade de Ferrol os resultados están moi abertos. Con Reganosa no centro do debate electoral, as súas ameazas á poboación e as súas ilegalidades; un vinte cinco por cento de indecisos e moitos que están a mudar de voto.

Segundo esas enquisas, Vicente Irisarri vai ser alcalde polo PSOE, cunha Esquerda Unida da amiga Yolanda Díaz que aínda non tocou teito (xa lle dan que duplica os concelleiros), e que estes días asinaba a súa autoinculpación contra Reganosa.

O que si sabemos é que no BNG teñen asumido a perda da metade dos seus actuais concelleiros. Paco Rodríguez, secretario xeral da UPG e principal valedor no BNG de Reganosa anda histérico. Parece que non lle gusta o retrato que teñen del na sociedade ferrolá e que se reflicte no libro publicado por Fuco Buxán. Paco: Cada un recolle o que sementa.

Dentro do campo da dereita creo que as cousas van estar tamén máis equilibradas, xuntos terán un máximo de doce concelleiros. Juan Fernández e os seus independentes poden acabar capitalizando unha parte do rechazo dos votantes do PP a Reganosa.

En resumo: en Ferrol a dereita pasará a oposición. A esquerda creo que ten asegurada os trece concelleiros necesarios para gobernar.

Con respecto ao resto da comarca creo que Iván Puentes vai ser alcalde de Fene, sendo a lista electoral máis votada. O amigo Iván é todo un descubrimento para o PSOE cos seus vinte e oito anos. Sen dúbida é xa unha figura emerxente no campo socialista, xunto coa candidata do PSOE naronés, Catalina García.

Acto PSOE Narón nas Ferrer�asEn Narón fronte a un Xoán Gato esgotado e cunha deriva dereitista chamada Terra Galega, xunto cunha suba importante para o PSOE (pasará a 3 ou 4 concelleiros), e creo que as demais forzas naronesas tamén mellorarán algo os seus resultados electorais, probablemente asistamos á perda da súa maioría absoluta. Neste Concello vaise abrir unha etapa moi interesante xa que na campaña electoral todas a forzas políticas que compiten co alcalde saínte dixeron que non van pactar con el.

Gato deberá, sendo así, gobernar en minoría e abriríase unha nova cultura política en Narón baseado no diálogo e os acordos múltiples. No resto da comarca, agás Cabanas cunha situación especial, creo que a tónica xeral será para o PSOE repetir resultados ou subas.

En fin, son quinielas e os cidadáns teñen a palabra. Eles deciden.

Palestina desángrase

Abaixo o Muro de IsraelPalestina desángrase. Antonte oía as declaracións de Mr. Pesc, o compañeiro Javier Solana, que pedía aos palestinos a “renuncia á violencia” e a Israel “unha resposta axeitada”.

Indubidablemente, hai que rechazar todo tipo de violencia, sobre todo se hai vítimas civís. Mais, a petición de Solana aos palestinos non deixa de ser unha humillación máis. É como si á muller violada se lle pide que conteña a súa rabia, e aplaudimos ao violador.

Estamos onde estamos por culpa da Unión Europea. Obrigamos aos palestinos a facer eleccións democráticas en condicións infrahumanas e despois non aceptamos os resultados electorais.

Somos copartícipes da limpeza étnica que Israel está a practicar co pobo palestino. Israel, onde a democracia está secuestrada por unha mafia militar – relixiosa, ten decidido que non existe futuro para unha Palestina libre.

Teñen decidido a anexión dos territorios ocupados e de Xerusalem. Cidade onde non só a poboación cristiá e mulsumán, senón os israelitas laicos están a ser expulsados (estes últimos polo aire abafante que destrúe a convivencia e a tolerancia), en favor da colonización ultraortodoxa xudía.

O Muro de Israel é hoxe o seu principal instrumento de colonización, de exterminio, de limpeza étnica. Non se deixa saída aos palestinos. A degradación social na que viven tanto nos territorios ocupados, como nos campos de refuxiados no Líbano, produto do fascismo israelí e da nosa indolencia, está dando lugar a un reforzamento do fundamentalismo, e a aparición de diversos grupos delictivos que se aproveitan da falta de perspectivas.

Hoxe nin Al Fatah, nin Hamás, poden garantir o benestar nin un futuro para o seu pobo. Palestina, é un inmenso campo de concentración, onde os ocupantes israelís xogan á ruleta rusa coas vidas das persoas. No Líbano obrigouse aos palestinos a vivir á marxe, sen traballo, sen dignidade.

O que está acontecendo é o fracaso da política dos EEUU e da covardía da Unión Europea. Senón paramos o xenocidio do pobo palestino, senón paramos a Israel, mañá lamentaremos a nosa traizón aos dereitos humanos, aos valores democráticos e da paz.

Canto tempo tardaremos en caer na barbarie, se xa somos miserables. Miserable Europa.

Por unha ría libre de riscos e recuperada (por Rafael Pillado)

Por primeira vez na historia da nosa comarca, entrou un gaseiro xigante cargado de gas licuado. Unha penetración ilegal no corazón da ría, que sinala os responsables con unha marca vermella para a memoria. Soio a forza desplegada poido impoñelo.

O 7 de abril é xa un día para a historia negra de Ferrolterra. Momento no que a bomba que supón un barco así, deposita o gas nun dos tanques da empresa Reganosa. Xa non é soio un perigo potencial, trátase de unha amenaza real e permanente. Xa naide pode mirar para outro lado, e moito menos, as autoridades.

Sin embargo, o conxunto de ilegalidades que acumula a planta, reforza a nosa convicción de que a oposición a esta barbaridade técnica e xurídica, sairá triunfante. E dende logo, estamos seguros de que a estratexia de feitos consumados, destinada a desmovilizar os timoratos e derrotistas, e mostrar o poder dos promotores, non os librará do peso da xusticia. Tamén David derrotou a Goliat.

E temos que estar orgullosos. Durante dous días, esa peligrosa embarcación foi detida na boca da ría. Como as cadeas de entre castillos pechaban a entrada os ingleses invasores, o gaseiro non poido entrar pola oposición de quenes defendemos a vida, a ría e a legalidade democrática. E moi especialmente, pola acción decidida das xentes do mar.

Unha vez máis, os traballadores do mar, denigrados por algúns, defenderon os intereses de todolos ferrolterrans. Igual que no caso do Prestige, mentras as autoridades estaban de vacacións, mentindo e pasandose a pelota de unhs a outros, os mariñeiros galegos salvaban as nosas costas. No noso caso, se xogaron incluso a vida. E sendo xustos, hai que denunciar as presións a que veñen sendo sometidos, mentras se contamina gravemente a súa fonte de traballo ou se lles negan solucións.

Xa saben hoxe que un conxunto de intereses con moito poder quere espulsalos da ría para garantir o funcionamento de esa bomba.

E tamén necesario valorar hoxe a converxencia que, en torno ó Comité Cidadán de Emergencia, protagonizan diversas asociacións e movementos cidadáns. Dende diversas sensibilidades, prodúcese unha coincidencia no obxetivo de defender un desenrrolo sostible da nosa comarca, que hai que destacar.

Cada vez máis, diante das limitacións que teñen os partidos, sindicatos e algunhas asociacións, xurde a necesidade de defender causas xustas polos cidadáns máis conscentes. É un camiño moi importante, coordinar e intercomunicar todas esas experiencias.

En esta campaña das eleccións municipais, todas as forzas en presencia deben dar a conocer a súa posición sobre este tema trascendente. Non cabe esconderse na ambiguedade irresponsable.

A razón aporta forza, con ela contamos para o presente e o futuro.

 

(Publicado no Diario de Ferrol de hoxe).

 

Unha nova etapa contra Reganosa

Contra o Spirit do Prestige

Unha boa parte dos políticos están moi enfadados con Reganosa. A chegada do Galicia Spirit á ría de Ferrol, sitúa no centro do debate electoral as ilegalidades da planta de gas de Mugardos e a súa ubicación mugardesa. Pensan, que ben puideron esperar a que pasaran as eleccións locais do 27 de maio.

A este tío vivo, súmanse que o Ministerio de Industria confirmou aos avogados do Comité de Emerxencia que Reganosa non ten o permiso de funcionamento, e polo tanto, non pode facer “probas” con gas natural, ata que obteña os permisos correspondentes (se é que os consigue). É dicir, que a Delegación do Goberno, o Capitán Marítimo, o Presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol e o Director da Área de Industria e Enerxía da Coruña, utilizando unha acta irregular, decidiron meter o Galicia Spirit na ría, con grave risco para a poboación e a utilización tanto de recursos públicos como das forzas policiais; por vulnerar o Estado de Dereito (ver para crer).

Desde o nove de maio, a actitude destas irresponsables autoridades provoca un salto cualitativo na ría de Ferrol. Os cidadáns estamos nun perigo permanente de estar afectados por unha explosión que puidera acontecer en Reganosa. Os servizos sanitarios advertiron que en caso de necesidade non hai capacidade para atender as potenciais víctimas. Non hai un plan de emerxencia que informe á cidadanía, que garanta a súa evacuación e a súa vida; quizais, sexa porque é imposible por estar o radio de destrucción dentro de zonas urbanas (corenta mil afectados). A normativa esixe que alomenos este a máis de dous quilómetros. Os núcleos de poboación en Mugardos é de 150 mts. e a cidade de Ferrol está a menos do quilómetro.

Outra das cousas que vimos estes días, é que coa entrada dos gaseiros bloquéase toda a ría. Estes grandes buques necesitan entrar en pleamar, con axuda e a necesidade de medios impide aos demais unha actividade normal; quedando fóra de xogo con baixa mar e sen saída en caso de necesidade ou urxencia.

Por certo, ¿onde estaba o Alcalde actual Juan Juncal estes días? A súa obriga como máxima autoridade local é protexer a vida dos seus veciños. Desde logo o que evidencia os incidentes do Galicia Spirit é que o interior da ría é a peor das situacións posibles. Mentres na Coruña din facer o Porto Exterior para sacar as mercadorías perigosas fóra da cidade, aquí métennos unha regasificadora. Nos EEUU anularon proxectos parecidos, e agora levan as súas plantas a plataformas en alta mar.

O debate non é que está mal feito, pero é unha realidade que non ten revés. A cuestión está en que hai quen xoga á ruleta rusa coas nosas vidas. Que seguen en marcha sete contenciosos contra Reganosa, e que hai outros dous gañados. Indubidablemente, os veciños non podemos estar contentos pola pouca axilidade da Xustiza. Mais, erran aqueles que pensan que os xuíces están por riba da xente, eles saben que teñen que enfrontarse a un lobby mediático financeiro moi importante. ¿Lembrades canto tempo estiveron solos os veciños da rías de Arousa ou Pontevedra?

Os que crían xa gañaran a guerra, erraron. O mesmo mércores nove, nun acto convocado coa omisión dos periódicos, é dicir, co boca a boca, encheu a Aula Magna da Facultade de Humanidades. Presentouse o libro “Muros de Silencio. Corrupción e ameazas na ría de Ferrol. O caso Reganosa”. Este libro fai un recorrido polas ilegalidades de Reganosa, os seus cómplices, así como polo nacemento e consolidación do Comité de Emerxencia. O libro está editado pola Asociación Fuco Buxán.

(Pola parte que me corresponde aparezo como co fundador do Comité, xunto a outros compañeiros en nome de Fuco Buxán. Ademais, de que moitas das fotos son miñas).

Concentración 12 maio 2007Así este sábado 12 xa houbo outra manifestación, que probablemente sería moito maior de ser na mañá do domingo (na Radio Galega falaban de mil cincocentas persoas, as cifras do Comité as elevan a dúas mil). É dicir, Reganosa e os seus cómplices o teñen igual de difícil, cando menos. Con dous graves problemas: hai un amplo consenso cidadán en contra de Reganosa (e agora máis, xogan coa nosa vida) e os dirixentes cidadáns amosaron as súas calidades como líderes sociais (de feito, unha parte fundamental proceden da loita contra a Dictadura). Esta non deixa de ser a loita democrática dun pobo contra os depredadores.

Déixovos tamén 26 fotos (do Galicia Spirit e no Porto de Ferrol) que podedes ver pinchando aquí, no blog do Comité Cidadán de Emerxencia. En fin. Unha nova etapa contra Reganosa… agora con máis razón.

En español