Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Represión brutal en Ferrol

Cando saía do traballo, foi na Radio Galega onde por boca do periodista ferrolán Pichi Varela, souben que os aplausos dos concentrados diante do Xulgado ao Patrón Maior, Bernardo Bastida, e un pequeno empuxón serviron de escusa á policía para cargar brutalmente contra os cidadáns.

É lamentable que Reganosa este a conseguir que os poderes públicos sigan as súas consignas. E cométese un grave erro xudicial e a indefensión dos cidadáns, contra os abusos empresariais e das administracións.

Levamos anos de xulgado en xulgado, cos recursos contra a instalación da planta de gas, e nunca vimos que se actuara coa mesma contundencia contra as ilegalidades de Reganosa e os seus cómplices. A prisión incondicional decretada contra o Patrón Maior, non polo acontecido cos gaseiros, senón por outros procesos que seguen abertos, amosa que a operación política contra os defensores da vida e da nosa ría estaba ben planificada.

Ao igual que a operación militar que onte mércores deixou illada a ría de Ferrol. En todo caso, o achegamento das barcas ao gaseiro, xa atracado no peirao da planta de gas, amosa, unha vez máis a falta de seguridade para as persoas. Onte, dirixentes sindicais evidenciaban a non existencia dun Plan de Emerxencia para a poboación, e que desde a regasificadora din que é competencia da Xunta de Galicia.

Pero, está claro que nesta loita os argumentos técnicos, medio ambientais, de defensa da nosa ría e das nosas vidas, non van valer nada, ou iso queren. Teñen decidido que debemos fincar os xeonllos ante Reganosa. Só unha axeitada e fría resposta cidadá pode poñer as cousas no seu sitio, sobre todo porque hai quen quere provocar unha saída irracional á situación, violentando o estado de dereito.

Para este domingo está xa convocada unha manifestación, ás doce do mediodía, para esixir que a planta de gas sexa traslada ao Porto Exterior, en defensa dos dereitos fundamentais, entre eles o dereito a vivir sen perigos, de solidariedade con Bernardo Bastida.

Ao saír do traballo, compañeiros meus comparaban o acontecido con Marzo do 72. Probablemente, pouco teña que ver. Máis, é a referencia dunha loita democrática contra as inxustizas e de defensa da democracia, cando ademais os poderes públicos teñen abandonados aos cidadáns.

Moita calma. Esta é unha loita moi longa, que deberemos saber gañar a pesar dos atrancos e as provocacións. Calma, moita calma. Usemos a cabeza.

 

Fotos

Enlace Audio Radio Galega 30maio2007

En español

Na ría de Ferrol: ¡Bastida Liberdade!

Bastida retidoCheguei hai pouco do Cuartel da Garda Civil, situado no barrio de Canido, onde teñen detido ao Patrón Maior da Confraría de Pescadores, Bernardo Bastida. Xa sabedes que os cidadáns da ría de Ferrol foron quen de deter a entrada ilegal dun novo gaseiro para Reganosa, o Mourad Didouche, que agora está fondeado na ría de Ares, co obxectivo de intentar asaltar a ría ferrolá na tarde de mañá.

Aínda que xa un está curtido nestas lides, sigo sorprendéndome de cómo aqueles que tiñan que defendela legalidade vixente en materia de seguridade marítima e a vida dos cidadáns, convértense en forza de choque dos intereses espúreos dun grupo de depredadores económicos que lle importa un carallo o respecto aos dereitos cidadáns.

Hoxe houbo represión tanto no mar, como en terra. As grandes barcazas da Garda Civil intentaron tirar ao mar á xente que ía nas pequenas embarcacións que frearon a entrada ilegal do gaseiro, e en terra fun testemuña en primeira persoa de cómo as forzas policiais agredían, persoas maiores a maioría, que só estaban a aplaudir e recibir aos traballadores/as do mar e aos dirixentes cidadáns que chegaban ao embarcadoiro. Unha mágoa que isto pase en democracia.

Alí estábamos un fato de xente pacífica que non somos precisamente un problema de orde público. Cidadáns sen adscricións, membros das asociacións ferrolás, coñecidos militantes nacionalistas como Luísa Sabio, de esquerda unida e do partido socialista. Xente pacífica que defenden a legalidade vixente en materia de seguridade e o seu dereito a non ter ameazada a súa vida.

A Policía Nacional detido a Bastida, e curiosamente levouno ao cuartel da Garda Civil en Canido. Non detiveron nin aos dirixentes do Comité Cidadán, nin a Yolanda Díaz voceira de Esquerda Unida, que baixaban das embarcacións. Supoño que é unha estratexia para dar a impresión de que esta é só unha loita dos mariscadores. Equivócanse, esta é a loita dun pobo contra os que ameazan a nosa vida e incumpren a legalidade vixente en materia de seguridade e medio ambiente.

“Compañeiro” Ameijeiras: ¡así non se fan as cousas! Deben saber os irresponsables políticos que dan cobertura ás ilegalidades de Reganosa que están asumido a peor herdanza do fraguismo. Asumen unha grave responsabilidade persoal, están encadeándose ao que pase coa planta de gas. ¿Estades dispostos a asumir un accidente grave na ría de Ferrol por culpa da tolemia de Reganosa?

Isto non será esquecido polos cidadáns, e máis pronto que tarde terán que dar conta das súas accións.

Así que: ¡Planta de Gas fóra da ría de Ferrol! ¡Bastida Liberdade!

Para máis información, pincha aquí.

 

Post Data: Xa hai unha nova convocatoria para mañá ás 3 da tarde (ver aquí). ¡Se podedes, ide!

Nota do 30 de maio: Concentración no Porto ás tres da tarde. Déixovos cunha serie de fotos que acabo de subir á páxina do Comité Cidadán feitas o día 29.