Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Contar contos

A Biblioteca Municipal de Valdoviño ten mirada, directa e afectuosa, sobre o faro de Meirás e a ese inmenso mar que baña as praias. É un lugar que fai cultura a carón da auga salgada e as olas que surfean os soños e a luz do Sol. Comprenderán que é unha casa incomparable para o Foro Galego Literario, que está conducido polo mestre de poetas e narradores Antón Cortizas.

Estes días atrás tivemos a fortuna de poder falar dunha das obras deste último: “Tenrura”, editada por Galaxia. Que como di o seu autor, é un libro que tamén poden ler os máis pequenos. Porque se unha cousa quédanos claro, é que a etiqueta de “literatura infantil” non pode ser unha barreira para que todos nos acheguemos a ela. Neste xénero está a estrutura básica e os instrumentos necesarios para poder desenvolver unha grande literatura de calidade. Son unha magnífica ponte inicial ás outras narrativas.

Persoalmente, este encontro literario foi quen de permitirme lembrar aqueles relatos de antes de durmir – que hai moitos anos – eu contáballes ás miñas fillas. E pódolles asegurar que non hai público máis esixente que unhas nenas pequenas. Para min foi unha oportunidade para sentarme e pasar á escrita un de aqueles contos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/contar-contos-5239807

Ruído, son e palabra

Por deformación cultural cremos que primeiro foi a palabra, pero seguramente o primeiro que houbo foi o ruído e despois este deu lugar ao son da música e á palabra. E desde os tempos máis remotos hai unha loita sostida entre ambas as dúas. Tanto que, os instrumentos musicais, eran obxecto de implicacións filosóficas e de intencionalidade política.

Platón desdeña a frauta e a usa para explicar o proceso de dexeneración do pobo ateniense. Incluso considera que este instrumento de vento e outros eran os causantes do deterioro do teatro da súa época. Sendo, así, consecuente coa súa propia cultura grega divididos entre os seguidores de Apolo e de Dionisio. No primeiro caso, consideraban que os instrumentos de corda permitían o uso da voz, a diferencia dos instrumentos de vento que eran manifestacións populares, que levaban á simple procura do pracer e á anarquía.

A hexemonía da palabra e do canto permitían, supostamente, reforzar o adoutrinamento do espírito e do seu carácter aristocrático. Deste xeito nace o “culto” fronte á “cultura popular” Ao final, coma sempre, as palabras nunca son inocuas. Serven para liberar ou para ocultar. Todo depende se están cimentadas na verdade ou na mentira.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ruido-e-palabra-5230552

Sefarad

A terra é única pero os seus destinos son diversos. Pasa o tempo e mentres esta permanece, incluso os pobos que as habitan resulta que van cambiando, tanto de idioma como de crenzas, e convivindo dentro da diversidade. Para entendermos o que somos temos que saber de onde vimos, e ás veces un recibe retornos que non espera.

Cheguei ao andaluz Rafael Cansinos Assens a través do arxentino Jorge Luis Borges. Ambos os dous tiñan especial devoción polos textos xudeus. No primeiro caso, estamos a falar dun español bautizado como cristián, pero de fondas raíces sefarditas. Cansinos vai deixar unha obra como “Las bellezas del Talmud”, habendo unha primeira versión a principios do século vinte.

Como saben o Talmud é o libro hebraico por excelencia, transmitido de xeito oral de xeración en xeración. Perseguido como ningún outro libro, que a diferenza da Biblia nunca foi considerado que estaba concluído. Cansinos amosa como as raíces fondas volven a saír, quizais de xeito inesperado. Houbo un tempo no que a península chamábase Sefarad e sobre ela está hoxe edificada a vida de cada un de nós. Como tamén foi tradutor do Corán -e dado que son as datas- permítanme desexarlles aos musulmáns un feliz ramadán.

https://www.diariodeferrol.com/firmas/manuel-cendan

Residencias de maiores

O tempo pasa e a nosa sociedade ten moitas máis persoas maiores, e o xeito “tradicional” de enfocar os cuidados deste sector da poboación xa non é posible, porque as familias non teñen capacidade para cuidar, xa que deben facer fronte a cubrir as súas propias necesidades diarias. Vivir costa cada día máis.

Tamén constatamos – tras corenta anos de autonomía en mans da dereita – que non hai nin novas prazas, nin novas residencias públicas e as que existen teñen unha serie de deficiencias estruturais que levan décadas sen ser arranxadas, aí está como exemplo a de maiores situada no barrio de Caranza. As novas, ou que están en construción, son privadas con prezos privativos para persoas de clase traballadora e media.

No medio desta situación hai quen está reiventando o papel das deputacións, máis neste eido dos cuidados. Resulta moi interesante que a da Coruña, presidida polo socialista Valentín González Formoso, vén de presentarlle á Xunta un novo modelo de residencia de maiores, de carácter público provincial, que ademais pretende non só dar teito, senón manter ás persoas maiores cos seus lazos afectivos co seu entorno familiar e social vivos. Benvida sexa esta iniciativa da Deputación.

https://www.diariodeferrol.com/firmas/manuel-cendan

Erika

As cidades deben ser para a súa cidadanía. Un lugar para vivir e convivir. Un refuxio e unha fiestra de oportunidades, en liña con iso que se di das “cidades saudables” e aquelo dos famosos “quince minutos”, ese marco temporal na que unha persoa debera poder desenvolver a súa vida.

Pero, tamén para iso son necesarios eses pequenos negocios de proximidade. Verdadeiras empresas tractoras dende o punto de vista social, onde quizais o máis salientable son a súa capacidade de resiliencia, fronte á globalización que deshumaniza os barrios, provoca a xentrificación e fainos estraños na nosa propia cidade.

A tenda de Erika na Magdalena é unha referencia neste senso. Segue a tradición de aquelas tendas de toda a vida e, ao mesmo tempo, é un motor da vida cidadá do barrio. Xunto á calidade dos seus produtos e esa atención personalizada que requirimos todas as persoas. A maiores, ten un escaparate que marca as diversas temporadas e festas gastronómicas, agora ocupado por todos eses ingredientes necesarios para un bo cocido galego. Así, traspasando a súa porta, entramos nun mundo de sabores gastronómicos. Testemuñas directas son esas colas de persoas que, en máis dunha ocasión, fanse neste tramo da rúa.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/erika-5204281

https://www.instagram.com/latiendadeerika/