Tomar os ceos, tomar Ferrol

TomarFerrolAs vindeiras eleccións municipais do 25 de maio de 2015 marcarán un cambio histórico no noso país. Non só na idea de que a Segunda República e a Transición saíron deste tipo de proceso electoral ou por un previsible xiro á esquerda, senón pola aplicación da Reforma Local implantada polo Partido Popular, cuxo principio regulador -introducido na reforma do artigo 135 da Constitución e continuada na Lei 2/2012- é supeditar absolutamente toda a acción das Administracións Locais ao pago da débeda producida pola avaricia da banca e das grandes inmobiliarias.

Así, con esta reforma local a dereita provoca un cambio de modelo de Estado, que busca concellos tutelados dende o Ministerio de Facenda e dende as deputacións provinciais. Que, en base á chamada “estabilidade orzamentaria” e ao “déficit cero”, poñen no mercado a maior parte dos servizos e patrimonio municipal posibles, para participar na conformación dunha nova burbulla económica, que agora ten como eixos as administracións máis próximas aos cidadáns e á que, en primeira instancia, recorren ante a crise.

Tampouco hai que desdeñar que converten aos funcionarios municipais en fiscalizadores da acción política e social dos seus alcaldes e alcaldesas, e aos presidentes das deputacións en alcaldes de facto, dos concellos de menos de vinte mil habitantes. Practicamente as competencias municipais en materia de servizos sociais -que xunto coa educación e a saúde pasan a ser competencias da Comunidade Autónoma- quedan reducidas á mera avaliación e información de situacións de necesidade e de exclusión social, sen capacidade ningunha de intervención.

O obxectivo é ben claro. Dar carta de natureza a novas privatizacións en favor das grandes empresas, coa escusa da estabilidade orzamentaria, onde, por exemplo, un dos grandes negocios vai ser o mercado da auga.

A oposición do conxunto da esquerda á reforma local, así como a rectificación do Partido Socialista sobre a modificación do tristemente famoso artigo 135, deberan ser o eixe dun gran acordo que aparte ao PP da maioría das Comunidades Autónomas e da maioría dos concellos en maio de 2015. Mais os sectarismos mutuos, as claves orgánicas internas e os xogos de restas electorais -entre os partidos de esquerdas- poden acabar dando alento á dereita baixo formatos diversos.

Sería de sumo interese un acordo que devolva a autonomía aos concellos. Tomar os concellos para facer política e democracia en favor da cidadanía, e polo tanto, unha certa insubmisión institucional fronte aos partidarios da ditadura económica; unha auditoría da débeda que diferencie a lexítima da producida pola acción dos mercados; a recuperación dos bens públicos e dos servizos externalizados (auga, lixo, dependencia…) e dos propios concellos como motor económico sostible; transparencia e loita contra a corrupción. Unha nova institucionalidade democrática que devolva plenos abertos, orzamentos participativos e implementar a participación colectiva e individual da veciñanza. Garantir as finanzas dos concellos e o recoñecemento do principio de subsidiariedade, onde as administracións superiores so xestionen aqueles servizos que non se poden resolver a escala municipal.

Ferrol

Un dos grandes laboratorios deste cambio de tendencia será o Concello de Ferrol. Veremos se o Partido Popular -fortemente desgastado, afectado polo presunto financiamento irregular da Pokémon, da Gürtell, sen líderes de referencia- logra reverter a perda do goberno municipal. Que papel terán as novas dereitas xa presentes en Ferrol: UPyD, Cidadáns ou Vox? Logrará a Marea Ártabra ir alén do teito de EU? Como vai a reorganizarse o nacionalismo, Anova, BNG? Que vai pasar co círculo local de Podemos?

En todo caso, é evidente que son e serán os erros da esquerda, principalmente do Partido Socialista, determinantes no resultado do 25 de maio. E será a capacidade de presentar listas electorais con persoas con credibilidade, cun programa común da esquerda que sirvan como base dun modelo municipal alternativo. Ferrol xogarase nin máis nin menos que ter futuro neste século XXI ou acabar sendo aldea. Hai unha oportunidade de tocar o ceo e sumarnos á tendencia de cambio, que necesitamos aqueles que sufrimos a crise.

Publicado no número 37 de Razón Socialista, segundo semestre 2014, editada pola Asociación Cultural Fuco Buxán.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s