O pasado venres 26 de marzo unha multitude de veciños de Ferrol ateigamos os espazos da nova Praza de España, algo repetido nos días sucesivos. Iso foi unha mostra, máis que evidente, da necesidade que tíñamos de recuperar e rehumanizar este sitio tan singular. Se ben o vento frío e as choivas, xunto co mal tempo político, pretendían que isto non acontecera, as xentes desta cidade puxeron as cousas no seu sitio.
O Alcalde Vicente Irisarri finalmente tivo neste día tres puntos a favor: a propia inauguración, o sobresemento xudicial da súa casa que pecha a campaña de desprestixio que algúns pretendían como vinganza pola actuación de firmeza urbanística da actual Corporación, e curiosamente, o conxunto da oposición quedaron – por sobreactuación – fóra de xogo ó non estar presentes.
O asunto do famoso spa, se ben debe ser resolto con luz e taquígrafos precisamente por unha política de transparencia na xestión municipal, é un elemento secundario. Os catro grupos da Oposición confundiron aos partidos coa Institución municipal e os tempos políticos. A súa obriga era estar na Praza de España. Eles tamén son representantes desta cidade e non sen entende a súa ausencia. Corren ademais o risco de abonar a idea de que non están para sumar e axudar na gobernabilidade de Ferrol.
Esperemos que nun futuro próximo a esquerda plural – socialistas, esquerdistas e nacionalistas- poida dar unha imaxe dun mínimo de coincidencias, e non deixar espazos gratuitos ás dereitas.