Unha representación do Comité Cidadán está desde onte pechada na casa do Concello. Trátase de denunciar a situación na que desde o 9 de maio de 2007, atópase a ría e a cidade de Ferrol, ante a ameaza para a vida e o medio ambiente que supón Reganosa. Unha planta de gas que carece da obrigada Declaración de Impacto Ambiental e xa ten en contra dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Reganosa é perigosa, ilegal e ademais, non é legalizable. Un accidente ou atentado terían consecuencias catastróficas para nós. Lembro as declaracións do xa falecido Xeneral Gabeiras o 8 de setembro de 2001, presidente de honra do Comité Cidadán de Emerxencia, falando de que por mor da planta de Tojeiro, éramos obxectivo preferente dos terroristas. A este último faltoulle tempo para tildar a Gabeiras de tolo; o 11 de setembro Al Qaeda tiraba abaixo as Torres Xemelgas de Nova Iork.
A todo isto hai que sumarlle o pacto á siciliana firmado polo entón Presidente da Xunta, Manuel Fraga, onde esta comprometíase a pagar a falta de beneficios económicos á Reganosa do peto de todos os galegos. Reganosa é un ruinoso negocio, na actualidade está ao 30 % da súa capacidade nominal. Orza e Feijoó tamén son culpables.
A estas alturas os tres partidos galegos con representación no Parlamento de Galicia teñen responsabilidades nesta desfeita. Se un só dos grupos parlamentarios houbera pedido a planta de Reganosa fóra da ría de Ferrol, hoxe esta non estaría hoxe en Mugardos. Os cidadáns de Ferrolterra así o saben.
Agora pretenden voar o canle de entrada á ría para facilitarlle o paso aos gaseiros, máis terán que seguir a facelo coa preamar. Seguen a transportar gas por estradas en camións cisterna; e pretenden ampliar a capacidade de regasificación da planta á espera de que o Goberno central lle permita a Reganosa alimentar o sistema gasístico estatal, ante a falta de clientes galegos.
Pero, o certo é que desde a Consellería de Pesca se lles dixo aos mariscadores que non sementaran preto dos Castelos, sinxelamente van voar os seus fondos mariños, que son Rede Natura.
Ademais, o apoio político a Reganosa impide que outros operadores poidan ofertar proxectos industriais de desenvolvemento sostibles para Galicia. A proposta do superporto Ártabros como entrada de mercadorías entre América e Europa, como porto refuxio e cunha proposta de planta de gas superior a Reganosa, e cumprindo coas normativas de seguridade e legais, está á espera de mellores tempos. Polo tanto, ninguén pode dicir que non hai alternativa a Reganosa, que é unha cuestión de “patriotismo”, que este é un movemento de “non no meu patio traseiro”, de falta de solidariedade co país. Antes e agora, a isto chamábase “caciquismo”.
O 8 de xuño hai manifestación en Ferrol. Contra a maior agresión medio ambiental que sufre Galicia. Contra Reganosa, contra o desamparo no que estamos os cidadáns.
O domingo 8 de xuño, ás 12 horas acudide ao Porto de Ferrol. Contra Reganosa. Por dignidade do pobo galego. Planta de Gas, fóra da Ría de Ferrol! En defensa da vida, da ría e da legalidade!
Ver Boletín do Comité Cidadán.