Vivir en Ferrol?

Agora non hai unha oposición, como no mandato anterior, que poida tumbar as iniciativas do grupo de goberno, grazas á súa maioría absoluta. Pero, a propaganda non soluciona os problemas cotiás da cidadanía ferrolá. Nin tampouco o anuncio da reurbanización de grandes áreas como a do Sánchez Aguilera que, no mellor dos casos, comezará coa vindeira convocatoria electoral municipal.

Este verán vimos como se anunciaba unha suba impresionante dos prezos da vivenda, tanto para a compra como para alugueiro. Dende Canido alertaban de que veciños de toda a vida están a marchar, producindo iso que algúns levamos tempo alertando e que se chama xentrificación. Palabra que non forma parte do vocabulario político local.

Mentres, hai estudantes que están a pagar oitocentos euros por unha habitación individual en Ferrol, tal como recollía este xornal, ou vemos como se revenden inmobles da Sareb – pagada por todos para salvar á banca – a prezos desorbitados. Os únicos proxectos de vivenda alcanzable son anuncios do ministerio de Vivenda, pero que tardarán en ser realidade tanxible. E cal é o aporte das vivendas turísticas? Onde están os seus ocupantes, cun centro da cidade baleiro de turistas neste mes de xullo?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vivir-ferrol-5374146

Amar Ferrol

A cidadanía. Si, tendemos a falar das e dos veciños como se fóramos un só corpo. Como se tiveramos unha vontade única, pero o asunto é saber se cando menos existe algunha, alén de irmos resolvendo o noso día a día, sen comprometernos.

Talvez, a querenza pola cidade quede supeditada á saudade que algunhas persoas poidan ter. Pódese amar un territorio, unha rúa ou unha praza? Xaora, é produto dese romanticismo que agroma en nós, ao menor dos nosos descoidos. Seguramente, para eludir a falta de respostas ante o sentido e os avatares da vida. Así, cada certo tempo pretendemos crer que a cidade soñada xa vén. Que deus cumpre a súa promesa de darnos a terra prometida. Mais, que mudou neste último ano en Ferrol? Os argumentos que nos den só serven para convencer a unha exigua parroquia.

Na recente presentación da Axenda 2030, na sala Carlos III do Museo Naval, o alcalde falaba da peonalización da Magdalena. Houbo quen – na parte participativa dixital – expuxo o seu rechazo á mesma. Eu creo que si, haberá. Pero, non para mellorar a vida das persoas e do comercio local. Senón, para os pisos turísticos que converterán o centro de Ferrol nun parque temático, expulsándonos. Xentrificación chámase.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/amar-ferrol-4848077