A outra muralla

As obras en Irmandiños, que están reformando a entrada do acceso principal dos vehículos ao recinto militar, acaban de deixar ao descuberto unha parte da muralla orixinal do século dezaoito. Todo indica que Defensa vai na liña de restaurar a muralla e integrala na nova reurbanización, que se está a acometer. Iso é facer o correcto.

En setembro fará dous anos, que o actual equipo de goberno de Ferrol decidiu o tapado expeditivo de aquel tramo correspondente á antiga muralla medieval, a carón da Praza Vella. Nin a Dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia foi quen de dicir algo. Desde a concellaría de Urbanismo deixaban, para un futuro indeterminado, a posibilidade de facer algún tipo de intervención que puxera en valor este ben cultural.

Mais, a data de hoxe, ningunha autoridade local ou autonómica ten presentado plan de recuperación da vella muralla medieval de Ferrol. Todo indica que se aposta polo esquecemento? Non hai capacidade de xestión, nin un proxecto que permita recuperala ordenando a vida cotiá? Tan difícil é?

Nada teñen que dicir desde Patrimonio Histórico? Non cren que sería un valor máis, na aposta a prol da candidatura de Ferrol a patrimonio mundial ante a Unesco?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/outra-muralla-5334736

De Ferrol á Unesco

Un dos grandes éxitos, no mandato anterior, foron as campañas e os esforzos para promover a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial ante a Unesco. Un traballo entón desenvolvido pola concelleira socialista Eva Martínez.

Hai que lembrar que este reto colectivo compromete, de xeito moral, a todos os grupos municipais. Que conta co apoio dos cinco anteriores alcaldes que precisamente a mencionada concelleira, activista sociocultural no 2018, aglutinara nun acto público no Antigo Hospicio: Xaime Bello, Juan Juncal, Vicente Irisarri, Jorge Suárez e ao propio José Manuel Rey (daquela conselleiro na Xunta de Galicia).

Tampouco hai que esquecer o compromiso acadado polo ex alcalde Ángel Mato do conselleiro de cultura Román Rodríguez, no 2020, para a promoción da candidatura, sendo o actual alcalde testemuña directa do acordo.

Sería moi interesante continuar nesta senda. Desenvolver un novo plan específico que retome un feixe de actividades de cara á complicidade da cidadanía e das entidades ferrolás. A promoción alén das Pías e sentar xa as bases do órgano de xestión da candidatura ante a Unesco que – obrigatoriamente – ten que ter á cidade naval, á Armada, así como a outras administracións.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-unesco-4738876

Tapado expeditivo

Recoñezo o meu estupor, ante a última actuación do actual equipo de goberno de Ferrol. O tapado expeditivo dos restos, do que parece ser parte da antiga muralla medieval, a carón da Praza Vella, amosa un xeito moi preocupante de xestionar a cidade ante o afán de priorizar o tráfico rodado. Pódense entender as molestias para a cidadanía directamente afectada, pero a obriga de todo gobernante solvente é non caer no populismo simplón e buscar solucións axeitadas e en tempo prudencial. Isto último é xestión.

Teño curiosidade por saber se este “incidente” conta cos parabéns tanto do concelleiro de cultura, o señor Ponte Far, como da concelleira de Patrimonio Histórico, a señora Carmen García. Imaxinan que ante as dificultades que ten a Biblioteca Municipal, alguén decide soterrar os seus libros? Son conscientes do dano que pode ter para a imaxe exterior da cidade, así como para a candidatura de Ferrol ante a Unesco, esta actuación contra da muralla medieval?

Que dicir do papel xogado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia? Como mínimo, o seu papel debera ser moito máis “conservador”, en sentido estrito. Renunciar a un papel dinámico, en defensa do legado histórico, non é de recibo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/tapado-expeditivo-4423354

Barcos de papel

Persistir. Xa saben aquelo de quen a persegue a consegue. Por iso é tan importante seguir coa promoción da candidatura “Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración”. E as novas cinco iniciativas que propón a concelleira Eva Martínez van nesa liña. Pero, permítanme pararme nunha que pode parecer a máis cativa, a confección de barquiños de papel para, desde unha situación axeitada, botalos ao mar coas mensaxes da cidadanía.

E permítanme unha confesión: gústanme. Non sei se é algo que queda do neno que hai moito tempo atrás fun. Pero, si. Eu era de barcos de papel que botaba en calquera charco da rúa da miña casa. Supoño porque teñen a virtude de levar como tripulación os soños. E Ferrol necesita tamén soñar, porque para chegar a algures, antes hai que saber dos mares que levaranos a bo porto. Si, o Ferrol da Ilustración e do Patrimonio Mundial da Unesco. Somos o que soñamos e o camiño que facemos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/barcos-papel-3580700