Borges, Torrente e máis

Primeiro teño que agradecer que me lean, dicirlles que cando falei de Borges non pretendía facer ningunha traza ideolóxica do autor do Aleph. Limitábame a contar o que me atrae del desde o punto de vista literario e a raíz de varias conversas, que se suscitaron de aquela, dicir que son dos que pensa que as obras – en calquera faceta humana – quedan disociadas da propia personalidade de cada autor. Falar dun creador ou creadora tampouco implica simpatizar coa esta ou aquela ideoloxía, nin xustificar nada.

Debemos queimar a “Divina Comedia” porque Dante era un integrista relixioso? “A democracia en América” pola posición de Tocqueville sobre a escravitude ou polo seu desprezo coa clase traballadora? Debemos culpar a Torrente Ballester por buscar protección ante a represión fascista, ou é moito máis importante a súa obra e a defensa que del fixeron persoas como Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro e Carlos Casares?

Permítanme contarlles que hai pouco puiden recuperar a miña colección das catorce obras de Torrente Ballester. Agora están a carón da súa “Antología de José Antonio” (FE 1940) e de “Gonzalo Torrente Ballester: biografía de un ferrolano” de quen foi profesor meu, José Antonio Ponte Far.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/borges-torrente-e-mais-5050927

Vai de libros

Un sempre pregúntase se realmente hai un lector para cada obra ou, máis ben, se cada libro convértese en moitos, simplemente pola pegada que pode deixar en cada persoa, sen que debamos asumir recibir a mesma influencia. Un libro reflicte o universo socio-cultural e ideolóxico do seu autor, aínda que sexa de xeito inconsciente. Un sistema de valores que acaba salpicando cada páxina que lemos.

Acaso non percibimos isto no “Resistencia” (Xerais, 2002) de Rosa Aneiros? E se imos a obras referentes como a “Democracia en América” de Tocqueville, non somos capaces de ver as súas eivas, cando só dedica un “breve comentario” a unha cuestión transcendental, como o mercado de escravos – capital fundador da revolución industrial inglesa – no desenvolvemento dos EEUU?

Ás veces, tan importante é o que se escribe, como se escribe e o que omitimos. Lectura crítica, para ser libres. Porque incluso os libros “para entreter” transmiten valores. Pero, non fagan caso destas “letras de cambio”. Para a semana pasen pola feira do libro de Ferrol. Xa saben que o peor que pode pasar é que as follas dos libros non teñan as marcas dos nosos dedos. Aínda que sexa por aquelo que dicía Manuel Rivas de que “os libros arden mal”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vai-libros-4786908

Dicotomías

Séneca disertaba sobre como alcanzar a vida feliz, pero tamén foi titor de Nerón e gobernante na Roma do “dereito” de conquista e da escravitude. Alexis de Tocqueville, o gran intelectual da democracia americana, deixou escrito que as ansias de igualdade dos negros levarían a unha guerra de exterminio contra a supremacía branca. Así mesmo, desprezaba á emerxente clase traballadora e os seus desexos democráticos, que eles chamaban socialismo.

Na actual Comunidade de Madrid a Constitución pódese considerar suspendida de facto. A rexión española máis rica é tamén a máis desigual. Ayuso négalles o seu dereito á saúde e mira para outro lado para non ver as ringleiras da fame, atendidas polas asociacións veciñais ante a inacción do seu goberno autonómico. Pero Feijóo, “o moderado”, considera a Pedro Sánchez “traidor” e responsable de todos os males de España.

En Ferrol, a oposición obstaculiza a labor do goberno municipal socialista pero sempre todo é culpa do alcalde Ángel Mato. Incluso de que peche algún comercio, que resulta ser agraciado coa solidariedade do líder da dereita local que tivo na súa man unha maioría absoluta, sen ningún beneficio para a cidade. Será Mato culpable do cambio climático?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/dicotomias-4073241