Paixón e arte

Permítanme desexar que esta Semana Santa contradiga as previsións meteorolóxicas e, as diferentes confrarías, cos seus pasos, poidan saír ás rúas de Ferrol con todo o seu esplendor. Sei que vai soar estraño que un non crente poida ter esta arela, incluso absurdo, que diría Albert Camus, máis non é ningunha novidade que aquí están á par – escusen este atrevemento – tanto a paixón relixiosa como a capacidade de convertela en arte.

Volvendo a Camus, el falaba de que “a arte non pode ser servida por nada tan ben como por un pensamento negativo”. A recreación da morte do Cristo crucificado, as feridas lacerantes, os pés descalzos, a penitencia, o encontro coa madre… toda a traxedia da humanidade, para finalmente converterse nun canto á fe, á esperanza e á propia vida.

Detrás, todo un mundo de traballos minuciosos. Tallas coidadosamente deseñadas e creadas, mantos bordados con tanto esmero e miles de obxectos e detalles que son unha expresión da capacidade do ser humano de darlle aos seus baleiros toda a cor. Así como esa convocatoria que suma xente cristiá, como doutras crenzas relixiosas ou, simplemente, a quen entende a Semana Santa como historia, cultura e arte humana. Profusamente humana.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/paixon-5257212

A medalla

Estes son días de balance tras a Semana Santa. Ferrol estivo de bote en bote. A organización por parte das confrarías e a suma de sinerxías co Concello deu froito. A isto hai que engadir un tempo que quixo apostar pola cidade. Crentes católicos, doutras relixións e non crentes participando e querendo que todo fora ben. Só os reaccionarios de dereita, como os reaccionarios de esquerda, querían unha Semana Santa cutre e chosca.

A medalla da Confraría de Dores ao Alcalde Ángel Mato simboliza a unidade da cidade e o traballo conxunto. A suma beneficia a Ferrol: confrarías, institucións, hostalaría e cidadanía. Semana Santa ferrolá de interese turístico nacional. E moitas ganas de volver a ocupar as rúas. Seguramente hai cousas que este país necesita resolver nun evento deste tipo, quizais un protocolo que reduza a presenza institucional á alcaldía? Pero, é evidente que Ferrol gaña cando sumamos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/medalla-3555253

Ferrol na rúa

Alégrome de que Ferrol teña na Semana Santa as rúas cheas de xente de aquí, de alá e de moito máis lonxe. É bo para a cidade e amosa que si é posible outra dinámica moi afastada do solpor a que nos teñen acostumados determinados políticos e determinados vellos grupos de presión locais.

Para acerto da cidade a suposta cuestión relixiosa, afortunadamente, non esmaga estes días. De feito, creo que o xeito inclusivo vén de que é máis un evento cultural, moi afastado da vella imposición e do control de masas de tempos pretéritos.

Así, á propia Semana Santa súmase unha ampla oferta gastronómica, de ocio e o noso entorno cultural e natural. Iniciativas saídas do propio tecido cidadán. Obviamente, as propias confrarías, ese sector emerxente da nova hostalería ou esas tan aplaudidas como a da Ruta Naval. Imaxinan ter unha empresa municipal que soubera das fortalezas turísticas de Ferrol?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ferrol-na-rua/20190417205720254417.html

Devoción

 

DSC_0666-1

JM Rey en “procesión”…

Non hai devoción. Esa foi a conclusión dunha conversa, entre dúas veciñas, este xoves santo. Resúltame difícil calibrar iso, o que si era evidente, é que unha boa parte dos que “okupamos” Ferrol éramos laicos. É o que teñen os feitos privados, como a fe, cando fanse públicos. Porque, a rúa é de todos.

Quizais son os políticos os que máis participan da confusión. Deben recibir oficialmente ás comunidades presentes na súa sociedade, pero nunca participar como tales nos eventos relixiosos. Así, é de supoñer que o noso alcalde en breve recibirá ás comunidades evanxelistas e musulmáns; levan décadas formando parte da nosa cidade.

O comunitario é que Ferrol estivo estes días con gañas de saír polas rúas, aproveitar o sol e as terrazas. A iso tamén axudou, evidentemente, a nova edición de Equiocio, onde saben moi ben combinar o deportivo co lúdico-infantil.

Enlace a @DiarioFerrol