As xoaniñas voltan

Estamos acostumados a que todo aquelo que ten que ver coa praza de Armas sexa unha disertación bizantina que nunca acaba. Incapaces de subir o nivel de debate e fixar novas metas para a cidade. Un falar sen cancelas que a ningures leva, pero que parece que a algunhas persoas válelles para ditar grosas sentenzas, poñer en solfa este espazo urbano e non solucionar ren.

Primeiro foi que a terra escapaba da propia praza, despois que os tilos estaban afogados e para rematar chegaron os pulgóns. Agora apóstase polas xoaniñas para salvar a saúde da masa arbórea do centro de Ferrol. Unha sinxela solución á marxe de produtos industriais. Mais, a pregunta é se hai un axeitado mantemento ante tantas incidencias, alén de xogar ao despiste coa cidadanía.

Oxalá isto sexa un punto de inflexión na conservación dos tilos da praza de Armas e desoutros espazos verdes da cidade. A integración das xoaniñas, a maiores, é como unha cura de humildade por ser “salvados” por uns insectos. Di o dicionario que como sinónimos temos: barrosiña, coccinela, maruxiña, papasol, papoia, reirrei, voaniña, voíña e xoana. Escollan a que sexa máis do seu agrado. Acaso non parece o episodio dun conto cunqueriano de verán?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-xoaninas-voltan-4960003

O Ferrol máxico

As cidades teñen múltiples facianas, é Ferrol non ía ser menos. Por iso a enorme importancia da profesión periodística que, de algún xeito, ofrece unha síntese que nos permite achegarnos á realidade local. Aínda que só sexa para que a cidadanía poidamos ter unha visión unitaria da cidade.

Pero, a pregunta e se esas realidades múltiples que conforman Ferrol, anúlanse ou van superpostas? Ás veces parecen tramas dunha novela fantástica de Álvaro Cunqueiro ou do realismo máxico de García Márquez. Así á aparente tranquilidade da cidade da Ilustración da Magdalena, o aparcar imposible de Ultramar, a rehabilitación do Recimil con okupas e a multiculturalidade dos Ensanches, acaban anegadas por políticos locais.

Entón, como son posibles estas rupturas no relato municipal a pesar da maioría absoluta? Precisamente por iso. Porque se está nunha narrativa (ou mellor na propaganda) e non na xestión das cousas. A prioridade é vender que, fronte á lentitude da administración local, a noria xira aínda que vaia a ningures, de aí os erros populistas da dereita co salario do alcalde-senador ou a confusión, asalto e caos na mobilidade arredor da praza de Armas. E iso que a oposición política está na espera cortés dos cen días.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-maxico-4390276

Maduren, por favor

En Ferrol hai quen desde a política local segue a vivir nun perpetuo día da marmota. Se non como cualificar as recentes palabras dos dirixentes da dereita local que volven a choricar co aparcadoiro na praza de Armas. Iso si, ocultando que este poderíalle ter custado ao Concello uns seis millóns de euros e, para amortizalo, unha área comercial xusto encima. Revisen as hemerotecas radiofónicas e as opinións dos técnicos.

Sería axeitado deixar de estar á espera coa primeira ocorrencia. Se a oposición leva tres anos a velas vir, non é de recibo. Deberan deixar de provocar este ruído nesta torpe precampaña. Ferrol necesita da competencia propositiva das súas forzas políticas. Crezan, fáganse maiores e maduren por favor. Igual deberan comezar por preguntar nas rúas hoxe peonís polas obras. Igual saberían que, sen coches e sen tráfico, aumentaron as visitas aos escaparates e as compras dos consumidores.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/madure-favor-3745739

De Novo Armas

A verdade que un non deixa de sorprenderse cando saen determinados “debates políticos” no Concello de Ferrol. De verdade que había que levar ao pleno municipal o mantemento ordinario da Praza de Armas? Cuestión que, como moito, dá para tratar en Comisión? Pero, segue a dereita ferrolá sen aceptar que é un erro a súa posición sobre manter, no seu chan, o aparcadoiro?

É certo que hai grupos minoritarios en redes sociais que seguen facendo ruído, pero que realmente, dálles igual este asunto ou outro calquera. Len só o titular da noticia e a partir de aí arde Troia. O problema é que desde a dereita, así, as están alimentando, sen decatarse que están inflando ao seu inimigo pola dereita. Unha mágoa que as Confrarías, por causa do Covid-19, non poidan saír esta Semana Santa á rúa, porque esta nova Praza de Armas adáptase moito mellor ás súas necesidades e acabaríamos, creo, con esta polémica estéril.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2816761/novo-armas

O acerto de Armas

É evidente que a nova fisionomía da praza de Armas é un revulsivo para este espazo, así vemos como en pouco tempo, a pesar da crise sanitaria e económica, estase a encher todos os seus baixos. Á nova cafetería, en breve, sumarase un negocio de perfumería e as oficinas centrais dunha axencia bancaria. Lonxe queda a errónea proposta dun novo aparcadoiro, que segundo os técnicos íannos custar máis de cinco millóns de euros e unha nova concesión, hipotecando Ferrol.

Debemos alegrarnos dos acertos, e se hai problemas momentáneos por un mal rego dos tilos, ou porque tras un temporal mánchase un anaquiño da rúa da Terra, iso non descualifica o acerto do novo deseño de Armas. Deixemos que os que non queren que Ferrol siga adiante teñan o seu penar nas redes sociais, pero é indubidable que para o conxunto da cidadanía, a nova praza de Armas é un acerto. Agora si é un espazo gañado para todas e todos.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/o-acerto-de-armas/20200902023338287349.html