Stefan Zweig

Hai un relato breve deste escritor austríaco, onde describe a súa viaxe a Alxeria e a súa relación cun camareiro mozo italiano analfabeto. O cal produce nel un fondo estupor, porque nunca coñecera a ninguén que non soubera ler. Seguramente, similar ao que sentín eu, cando me contaban a de xentes que mandan audios polo “WhatsApp” por estar na mesma situación.

E como poder imaxinar a situación dunha persoa que non sabe ler? Esta mesma pregunta que facíase Zweig ten plena vixencia se, ademais, a acompañamos por toda esa xeira de “analfabetos funcionais” que non entenden o que len ou, simplemente, desbotan os libros e toda a súa capacidade creativa e crítica que estes dan a cada lectora, a cada lector.

A virtude da lectura radica na necesidade de usar a nosa cabeza para entender e ver alén de nós mesmos. É un antídoto contra a manipulación. Fainos libres e, talvez, produce unha chaga na alma que obriga a seguir buscando máis e máis respostas. Imaxinan que asalten o seu fogar – como pasoulle a Zweig – para facer desaparecer os libros da súa biblioteca? Imaxinan un mundo sen libros? Pegados ás pantallas do nosos teléfonos móbiles, vendo ducias de vídeos curtos que só pretenden a nosa indolencia?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/stefan-zweig-5327362

Xohana Torres

As cousas hai que dicilas como son. “As poetas da colección Salnés”, editado por Galaxia, traballo de Patricia Arias Chachero, debe ser considerado un agasallo a Ferrol. Permítenos traer a colación outra vez a Xohana Torres. Ela tan vinculada á nosa cidade que normalmente se lle coñece como a poetisa ferrolá.

Xohana Torres forma parte desta publicación, porque foi a primeira muller que publicou na emblemática Editorial Galaxia (“Do Sulco”, 1957), que celebra agora os seus setenta e cinco anos de existencia.

Xohana foi alumna de Carvalho Calero e será unha ferrolá por sentimento e corazón. Coa súa decisión de ser unha escritora en galego, formará parte de todo ese mundo de resistencia cultural ao uniformismo nacional-católico, machista e desigualitario que supuxo a ditadura.

Patricia Arias di de Xohana Torres que é una poeta diferente, cunha forte personalidade, dunha sólida formación e cunha capacidade estética moi particular. Que vive con autenticidade. E así, comparte espazo con Carme Kruckenberg, Pura Vázquez, Manuela Couto e Anne Marie Morris. As poetas do Salnés. Na súas páxinas tamén atoparemos referencias a persoas, tan achegadas a esta comarca, como Rubia Barcia e Ernesto Guerra da Cal.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/xohana-torres-5298358

Os libros arden mal

Levaba bastante detrás del. Nestes tempos comeza a ser difícil atopalo, pero como di o seu autor, Manuel Rivas, “os libros hai que agardar por eles”. Tiven que esperar a unha libraría de Vigo. Supoño, ademais, que unha nova impresión sería moi custosa polas súas setecentas cincuenta páxinas. Esta primeira edición vén cunha tarxetiña con anotacións do escritor, con referencias a García Lorca e Ánxel Casal e á queima de libros acontecida en agosto 1936 na Dársena da Coruña. En Ferrol, pasou o mesmo nesa data na entón coñecida como “Praza Roxa”, por ser alí onde acababan as grandes manifestacións da cidade nesa época. Hoxe, xa esquecido ese nome é agora, simplemente, a praza do Marqués de Amboage.

Outro dos libros que quixera para á miña biblioteca é “Lo que Varguitas no dijo”, cuxa autora Julia Urquidi foi a primeira esposa do recentemente falecido Vargas Llosa. Aquel primeiro matrimonio vai ser a inspiración para unha das grandes novelas do peruano: “La tía Julia y el escribidor”. Este autor, a pesar da distancia ideolóxica, resúltame unha referencia fundamental na literatura contemporánea actual. Entre outros libros del gardo, con moitas notas propias, “La tentación de lo imposible”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/libros-arden-mal-5272463

A primavera nos libros

Cada quen é como é, saiban que asocio o bo tempo e a primavera – e iso que a previsión meteorolóxica é outra – ás feiras do libro, e na nosa cidade, esta semana teremos a primeira delas, para despois ir pasando polo conxunto de Galicia. Así que, de algún xeito, a primavera comeza en Ferrol.

O avance do programa deste ano da Feira de Ferrol permite saber que por aí van pasar amigos como Miguel Castro (La Cuadrilla de las olas rotas), Antón Cortizas (Palabras como moscas), así como Llerena Perozo (Os anos tranquilos) e Ana Varela (Runrún). Estas últimas dúas amosan a importancia da literatura galega feita por mulleres nestes anos, máis se o comparamos coa etapa da Transición e as primeiras décadas da Autonomía.

Unha das persoas que foi abrindo camiño para toda esta xeira de creadoras literarias, María Xosé Porteiro, estivo recentemente no Ateneo Ferrolán, presentando “As benfaladas”. Moitos apuntes fixo. En especial sobre Cuba, Concepción Arenal e a asociación “Hijas de Galicia”, a emigración das galegas prostituídas, e a participación da loita feminista contra a escravitude.

Si, a primavera está nos libros. Fáganme caso: pasen esta fin de semana polo Cantón, que hai Feira do Libro en Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/primavera-nos-libros-5263752

O “Runrún” de Ana Varela

Acaba de chegar a todas as librarías do país. E quen subscribe esta columna xa ten na man esta primeira novela da naronesa Ana Varela, premiada anteriormente co XXI Certame Francisco Añón e o VI Premio Gonzalo López Abente, ambos os dous de poesía.

A miña primeira achega á súa obra foi en “Onde nacen as hedras” (Editorial Xerais) e tiven a enorme sorte, de que xunto con Henrique Dacosta, quixera ela participar na presentación do meu segundo poemario “Terra e Mar” na Libraría Galiano de Ferrol.

Agora, Ana publica esta primeira narración coa Editorial Galaxia, na sección Ronsel que busca dar cabida a “novas voces e novas temáticas das nosas letras”. Non lles vou destripar o argumento do libro. Iso si, recoméndollo encarecidamente. A maiores, vou “apropiarme” dunhas letras da autora escritas no meu exemplar do seu segundo poemario: “porque nacemos como as hedras, entre as pedras da casa, que caen e aínda así sobrevivimos”. A vida é isto e escribir é sobrevivir buscando a esperanza do futuro.

Xa saben que os bos acontecementos hai que compartilos, saudar con alegría que sexamos unha terra, neste caso, de creadoras e aos máis que seguros éxitos dunha novela como esta de “Runrún”. Parabéns Ana.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/runrun-ana-varela-5043441