Do debate parlamentario do pasado 17 de febreiro hai que salientar tres cousas: a) evidencia as dificultades para acadar un Pacto de Estado que contribúa a unha saída progresista á crise económica – social que padece España; b) Rajoy recoñece a súa incapacidade para liderar unha alternativa democrática fiable; e c) Pepe Blanco é hoxe un dos grandes valores políticos do Goberno Zapatero.
A dereita española, aposta outra vez máis, pola estratexia de esperar a que se pudra a situación e co Partido Socialista se enfronte coa súa base social. Non hai que esquecer que precisamente a abstención dos votantes socialistas situados máis á esquerda foi o que lle permitiu a Aznar ser presidente de 1996 ao 2004.
Redundando nesa estratexia do PP hai que entender a solicitude de Mariano Rajoy ao Grupo Parlamentario Socialista para que cese ao Presidente Zapatero. É un recoñecemento expreso da súa incapacidade para liderar unha alternativa crible, mais tamén, sérvelle para seguir escondendo que a dereita española aposta por unha saída á crise segundo o modelo ultraliberal letón.
Un dos problemas para ese Pacto está en que hai que ten decidido que para saír da crise, esta a paguen unicamente os traballadores, reducindo salarios, pensións, precarizando máis as relacións laborais, cuestionando os fundamentos do Estado de Benestar. Reducindo en definitiva a Democracia. Temos unha dereita, que incapacitada para reivindicar o franquismo, reclámanse “pro-chinos” na súa proposta de modelo político e social e dun capitalismo de estado que lles permita uns bos negocios sen riscos.
Estamos ante á crise social española máis importante desde 1936. É evidente que o Goberno Zapatero fai fronte aos seus efectos sobre o emprego, intenta renovar o modelo de crecemento económico e defender os avances sociais e así como, afortalar o noso sistema de protección social no curto e longo prazo. E isto fíxose máis visible, fundamentalmente, coas políticas expansivas – clásicas da socialdemocracia keynesiana – tras a saída do ex Ministro Pedro Solbes.
Mais hai algunhas nubes que poñen en dúbidas o devir futuro da política económica e social do Partido Socialista. Sendo consciente, ademais, de toda a presión mediática dos sectores ultraliberais que parecen facer mella no noso Goberno. Financial Times, The Economist, ou Davos, non son máis que voceros de aqueles que provocaron esta crise mundial e que, sen sequera desculparse, pretende agora impor unha saída inxusta, que beneficie aos especuladores e as grandes multinacionais responsables do acontecido.
O debate plantexado sobre o modelo de pensións, a reforma laboral, o plan de austeridade e a redución do déficit poden interferir na comunicacións entre os socialistas, os seus votantes, os movementos sociais e o propio apoio dos sindicatos de clase (UGT e CCOO).
O que está a chegar aos cidadáns é a contaminación neoliberal destes debates. Estamos onde a dereita quere. Cuestionar a viabilidade das pensións ou propor o retraso da xubilacións aos 67 anos, non só é insolidario, senón que desde o punto de vista da economía política, erróneo.
Para garantir o sistema público de pensións e a protección social debéramos partir de que temos que reducir a altísima cota de parados, incorporar a metade das mulleres que están fóra do mercado laboral, da necesidade dunha evolución positiva da inmigración; estes tres elementos garantizan o relevo xeracional por moitos xubilados que poidan haber no futuro. A isto hai que ter en conta o propio aumento da futura produtividade da nosa economía. É dicir, o sistema ten garantías sobradas, senón se cuestiona o seu carácter público e solidario inter – xeracional.
Hai dous xeitos de crecer economicamente. Ou ben os beneficios empresariais quítanse de traspasarlles rendas do traballo, unido á baixa cualificación e unha gran precariedade laboral, como pretende a dereita española; ou ben, cambiamos o sistema produtivo, a prol dunha alta regulación laboral, loita contra a precariedade, altos salarios e alto valor engadido. Neste último caso, o exemplo está ben claro nos países nórdicos, que son os que mellor están a responder á crise.
Mais, somos un dos poucos países que o seu sistema social básase nas cotizacións e unha forte presión fiscal sobre os traballadores e as clases medias, fronte a necesidade de que as clases altas, as grandes empresas e fortunas tributen en función da súa riqueza. Os cidadáns do Estado “socialista” de Oregón nos EEUU acaban de aprobar unha suba dos impostos para as rendas altas, e con elas están a financiar o 5% dos servizos sociais.
A volta ao dogma neoliberal do déficit do 3%, a redución da inversión pública, do emprego público, supón unha renuncia a combater a crise económica, sendo un incentivo para outra fase de inmersión na crise económica. Hai quen non quere entender co gasto social é unha inversión produtiva que estimula a demanda e reforza a cohesión social e democrática.
En 1993 Felipe González gañou as súas derradeiras eleccións. Lembraredes aquelo de “entendín a mensaxe”. Curiosamente, o que despois fixo foi contraditorio. Nomeou a Pedro Solbes – que supuxo a ruptura definitiva coa etapa iniciada en 1982 de políticas expansivas e redistributivas – e pactou con CiU. O resultado final foi o primeiro triunfo do PP de Aznar. En 1996, a esquerda quedou na casa.
Vaise repetir este proceso? De momento estamos ante unha errónea volta aos dogmas neoliberais do Plan de Estabilidade da Unión Europea e cos cantos de serea por parte de CiU e o PNV. É ben certo que a marxe de manobra é curto – estamos cun parlamento español máis á dereita co anterior – pero, a senda neoliberal levaría ao PSOE a repetir os erros e a experiencia de 1996.
É evidente, que había un acordo tácito entre o movemento sindical e o Goberno Zapatero; durante o semestre español da UE non ía haber mobilización, mais isto mudou. As mobilizacións de decembro de 2009 foron unha chamada á orde á dereita, á patronal e a aqueles sectores socialdemócratas – que hexemónicos na área económica do Goberno – están contaminados polos dogmas ideolóxicos neoliberais. Non hai receitas “técnicas” á crise, hai moita ideoloxía, pura ideoloxía… de dereitas.
Todo isto fai moito máis salientable a presenza na troika, nomeada polo Presidente Zapatero para o Pacto anti crise, do Ministro de Fomento Pepe Blanco que destaca por ser consciente da necesidade das políticas para a xente e ten unha gran intuición política. Sabe que aínda que se fagan as cousas ben as vindeiras eleccións xerais non están gañadas de seu, mais sabe que se outra vez hai unha ruptura entre o partido socialista e a súa base social, volverá a dereita.
Pepe Blanco é un valor seguro: de cara a negociación coas demais forzas políticas; e da necesidade de preservar o discurso social da esquerda. Amosa, por outra banda, que os galegos teñen a maior influenza política que nunha xamais houbo na historia moderna de España.
Debe haber un gran acordo político – social. Equitativo, xusto, viable e responsable. Un acordo para unha saída progresista á crise. E o camiño de saída xira á esquerda.
Grazas polo correo co enlace para achegarnos a este blog. Un saúdo e bo artigo.
Moi interesante o artigo. Noraboa.
O camiño de saída xira á esquerda, e facendo paradas para incorporar e promocionar ideas, falta moita explicación, moita pedagoxía, non hai que ter medo a explicar e comunicar no que se cre (a non ser que sexa demagóxico).
Estou dacordo contigo en que Pepe Blanco é unha garantía nesa comisión, pero hai mais ministros e ministras dentro e fora da comisión, e a eu quixera reivindicar aquí ao ministro Corbacho, que o criticaron por decir que había un 19% de economía sumerxida e resultou que segundo informes da axencia tributaria pode chegar ao 23%.
Saúde.
Pingback: Lecturas interesantes – PSOE Cariño