Cultura ao chou?

É certo que o actual goberno municipal comezou o seu mandato cunha proposta moi interesante arredor da figura de Gonzalo Torrente Ballester. Agora, a novidade está na recuperación dos premios Carvalho Calero. Pero, a xestión municipal esixe moito máis.

Unha das cousas que quedou listo do mandato municipal anterior é o Plan Estratéxico de Cultura. Dicíase, entón, que se “avogaba por unha política cultural baseada en tres piares metodolóxicos: participación cidadá, planificación estratéxica e transversalidade”. Ferrol foi a primeira cidade galega en presentar unha proposta neste senso.

No mundo cultural ferrolá fálase moito de ordenar e racionalizar. É certo que coa cantidade de ofertas que hai neste ámbito, con deixar facer ás diversas entidades culturais, o Concello podería dicir que xa ten xestión. Mais, hai que dar un salto cualitativo que precisa de planificación e consensos. Só desde a participación efectiva poderemos integrar a pluralidade de voces ferrolás. Así como dotar de continuidade á acción cultural municipal alén dos ciclos políticos locais. Tras todo este tempo “madurando”, igual estaría ben implementar e aproveitar as sinerxías que pretendía o Plan Estratéxico de Cultura.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cultura-ao-chou-5342696

Ferrol non ten tren

No seu día foi unha noticia que pasou desapercibida. O Concello de Ferrol, instigado pola Xunta de Galicia, deixou de pertencer ao Eixo Atlántico como “castigo” ás declaracións do seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, contrario á implantación de Altri na nosa Comunidade. Non deixa de ser un símbolo de como faise política no noso país.

O certo é que estamos fóra do corredor ferroviario do Atlántico Norte, que o famoso “bypass” de Betanzos coas outras “melloras” previstas, para a conexión coa Coruña, só gañará dez minutos. Todo para que o porto exterior de Ferrol perda tempo en optimizar a súa potencionalidade. Hai quen non entende que sería moito máis rendible sumar todas as sinerxías.

Quizais, alguén debera – agora que tanto fálase da seguridade global – explicar por que Ferrol, coa principal base naval española, e da OTAN no sur de Europa, non ten as infraestruturas ferroviarias adecuadas e así, tamén, a principal empresa militar como é Navantia. Seguramente, no informe “Armada 2050” deberan dedicarlle un capítulo a isto. O illamento ferroviario de Ferrol non é un problema local, senón de país. Centrado este debate si poderemos facer o deseño do que queremos aportar á construción europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-non-ten-tren-5248710

Vándalos

Levamos tempo sufrindo a falta de educación e ataques constantes á convivencia. Talvez, si hai un paso máis cos ataques que diversos comercios e negocios de hostalaría están a sufrir, especialmente no centro de Ferrol.

Mais, isto vén de lonxe. Resulta moi fácil crear un caldo de cultivo ás actitudes incívicas. Persoalmente, creo que teñen que ver cos dúas cuestións que van entrelazadas. Por unha banda, a degradación de todo o público, incluída a educación e que non é certo que da pandemia do Covid-19 saímos mellor. Hai un plan para degradar as bases materiais da democracia, como escusa para privatizalo todo. Así, cando todo sexa privado, seremos privados de aquelo que facilita a nosa vida e a igualdade da cidadanía.

O outro elemento central está no clima político abonado pola extrema dereita. Hai patente de corso para degradar a convivencia, para faltarlle ao respecto ás persoas. Así, hai quen pensa que todo está permitido, incluído facer dano aos comerciantes e hostaleiros de Ferrol. Evidentemente, a primeira medida é aumentar a presenza policial e poñer aos vándalos a disposición da Xustiza. As outras medidas son de máis longo prazo: recuperar o respecto ás persoas. A vida é traballo e esforzo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vandalos-4484822

Marrocos

Todos acabamos de ver as imaxes dantescas dos efectos do terremoto en Marrocos. Creo que a inmensa maioría compartimos as mensaxes de solidariedade coa súa poboación. Mais, como sociedade, debemos condenar aos elementos da ultradereita e da dereita extrema, que rebentaron o minuto de silencio en Barcelona coas vítimas.

Como país debemos estar agradecidos aos grupos de bombeiros que, desde distintos puntos de España, van a prestar axuda humanitaria e coa decisión do Goberno de Pedro Sánchez de ofrecer a asistencia de unidades da UME e que foi aceptada polo goberno marroquí.

Permítanme unha proposta á actual corporación municipal: que coa participación de todos os grupos políticos municipais co alcalde José Manuel Rey á fronte, recibiran de xeito oficial á comunidade marroquí local, que ademais levan xa moitos anos sendo veciños de Ferrol e con unha primeira xeración xa nacida aquí. Aproveitemos para que eses camiños paralelos que temos, e que rara vez se cruzan, sirvan para coñecernos mutuamente. Deixar de ser uns grandes descoñecidos. Unha sociedade como a ferrolá é tal, cando todos participamos e achegamos os nosos esforzos, visións e necesidades a este proxecto común de cidade en construción permanente.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/marrocos-4435152

Ferrol quere tren

Vanme perdoar estas palabras. Pero, non lles fan caso. Hai queixas porque non avanzamos nos corredores transeuropeos e de mercadorías ferroviarias, e están reivindicativos ante o semestre español da Unión Europea e ante o goberno español, en funcións, de Pedro Sánchez. O certo é que seguen sen existir un verdadeiro plan director e un Atlantic Corridor que falen galego.

A verdade é que á cidadanía do norte de Galicia – de seguir a súa lóxica – debera darnos igual. Non estamos incluídos por unha decisión da Xunta de Galicia e defendida por Miguel Tellado, na anterior lexislatura no Senado español. O norte galego con Ferrol e Lugo estamos excluídos do chamado “Corredor Atlántico Norte”.

Se alguén quere ter cohesionado territorialmente Galicia, debera facelo sumando as áreas de Ferrol e Lugo. Mais, seguro que hai intereses en que o noso porto exterior siga indo de xeito lento e non poida conectarse, vía corredor transeuropeo de mercadorías ferroviarias, con Portugal e co corazón da Unión Europea. Alguén debería contarnos a verdade, explicar porque queren que sigamos coas mans atadas e xogando á pita cega. Construír país non é algo abstracto. Faise coa suma dos seus territorios e das súas potencialidades.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-quere-tren-4403553