Cultura ao chou?

É certo que o actual goberno municipal comezou o seu mandato cunha proposta moi interesante arredor da figura de Gonzalo Torrente Ballester. Agora, a novidade está na recuperación dos premios Carvalho Calero. Pero, a xestión municipal esixe moito máis.

Unha das cousas que quedou listo do mandato municipal anterior é o Plan Estratéxico de Cultura. Dicíase, entón, que se “avogaba por unha política cultural baseada en tres piares metodolóxicos: participación cidadá, planificación estratéxica e transversalidade”. Ferrol foi a primeira cidade galega en presentar unha proposta neste senso.

No mundo cultural ferrolá fálase moito de ordenar e racionalizar. É certo que coa cantidade de ofertas que hai neste ámbito, con deixar facer ás diversas entidades culturais, o Concello podería dicir que xa ten xestión. Mais, hai que dar un salto cualitativo que precisa de planificación e consensos. Só desde a participación efectiva poderemos integrar a pluralidade de voces ferrolás. Así como dotar de continuidade á acción cultural municipal alén dos ciclos políticos locais. Tras todo este tempo “madurando”, igual estaría ben implementar e aproveitar as sinerxías que pretendía o Plan Estratéxico de Cultura.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cultura-ao-chou-5342696

Un café

Permítanme comezar, esta miña primeira columna do novo ano, falando dun tema evidentemente menor, pero que forma parte do noso xeito de entender a vida. Ese simple feito de tomarse un café, nunha cafetería ou na casa.

Non sei se algunha vez, que estiveron sentados nunha cafetería, especularon coa idea de saber cantas xeracións pasaron por ese mesmo lugar, tomaron un café, con quen o compartiron e de que falaron?

Hai quen di que o café comezou como un rito relixioso persoal, que permitía unha maior concentración no estudio da palabra divina, para pasar posteriormente a esas primeiras cafeterías que servían como escusa para poder relacionarse. Así o rito persoal acabou sendo da colectividade. En Europa, desde o século XVI, de cando os turcos case ocupan a Viena de entón.

O certo é que o café é desde hai moito unha forma de cultura. Incluso, arredor del na casa e acompañados de familia e amigos, como un ritual comunitario, faise o loito por alguén querido. E no caso das cafeterías, elas son centros sociais, artísticos e intelectuais. Lugares de actividade política e comercial. Como proba, dicirlles que en cafeterías desta cidade, quen subscribe esta columna fundou dúas asociacións e unha revista.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cafe-5129511

Pudor

Teño que agradecerlles que se acheguen para dicirme o que opinan das miñas “Letras de Cambio”.

Polo que parece, tanto “O espello roto” como “Turismo de masas” tiveron algún que outro lector ou lectora.

Outras veces, no pasado, atopeime con xente que dicía que seguía o que eu escribo (un nunca sabe que repercusión pode ter, se é que existe tal).

Teño que dicirlles que cada vez que isto pasa o pudor é a miña primeira resposta instintiva. Son consciente das miñas propias limitacións. Máis, como dicía Umberto Eco que hai unha infinidade de lecturas posibles, sempre teño a dúbida de acertar ou non co expresado.

A linguaxe non é un medio de comunicación entre moitos. É a base de toda a comunicación, é dicir, o fundamento mesmo da cultura en sentido amplo.

Así, pretendo ser xusto e transparente, pero ás veces erro ou, simplemente, cada quen entende as cousas, en función da súa propia experiencia vital, se deixo indebidamente aberta algunha fiestra.

O privilexio de escribir e verte publicado leva de seu un feixe de responsabilidades. Comezando pola confianza que depositan en ti, o Diario de Ferrol e os propios lectores do xornal. Talvez, por iso penso que cada frase pódoa escribir mellor.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pudor-4953994

Dostoievski en Ferrol

Pasar por Pessoa é o que ten. A case obriga de saír cun libro, por moi pequeno (en tamaño) que este poida parecer. Así chegou ás miñas mans outro de Fiodor Dostoievski con dous relatos: “Novela en nove cartas” e “O grande inquisidor”.

Teño, non sei até que punto lenda urbana, a idea da existencia dunha biblioteca itinerante, que a principios do século pasado, existía nos estaleiros de Ferrol. Dicíanme que grazas a iso, os traballadores do naval de entón coñecían aos escritores clásicos, tanto franceses como rusos. O certo que ben preto, chegando case a Amboage, tiña sede o Círculo Obreiro de Cultura con máis de nove mil volumes na súa biblioteca. Esta destruída inmediatamente polos integristas católicos e falanxistas en 1936.

Tamén, hai quen contoume que, nos tempos da ditadura, de xeito clandestino seguía a circular outra biblioteca no estaleiro da antiga Bazán. Si, as letras entraban con sangue, mais ao mesmo tempo sementaban ventos de liberdade e subversión.

Con estes vimbios son normais as achegas da cidade do mar á historia grande do país. A existencia dunha clase traballadora ilustrada e cunha forte aprendizaxe nos máis variados oficios, explican unha parte esencial do ser ferrolán.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/dostoievski-ferrol-4900965

Unha historia que contar

Hai unha íntima relación entre escritura, literatura e periodismo. Sei que non digo nada novo, mais ás veces convén lembralo. O asunto é ter talento que, necesariamente, debe unirse á disciplina e á longa paciencia. Sen a suma destes elementos, non seríamos conscientes da importancia da liberdade. Incluso cando a escrita é pura ficción, esta só amosa a insatisfacción que temos co mundo realmente existente que, como todos vostedes saben, este último está construído sobre as ruínas da mentira.

Lembren que escribir e ler son xeitos de protesta, por iso un libro, un xornal son tan perigosos para a orde establecida. Lembren que os grandes movementos de liberación humana saíron da capacidade de poñer as súas reivindicacións en negro sobre branco, e sempre acompañados dun xornal que facía de voceiro. A escritura, en todas as súas facetas, é o camiño que temos para superar as nosas eivas e chegar á fraternidade.

Así, esta capacidade da escrita fixo que tanto a literatura como o xornalismo, sexan un xeito de resistir, de avanzar na adversidade, de sutil protesta, de escapar e debuxar outro mundo mellor. Agora ben, como dicía hai pouco Paula Carballeira, no Foro Galego Literario de Valdoviño, o importante é ter unha historia que contar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/unha-historia-contar-4667782