A Moncloa

Algúns, incautos nós, tiñamos unha certa expectativa coa reunión entre o Presidente Zapatero e os principais responsables financeiros, bancarios e das grandes empresas da construción. Esperábamos que se reclamara deles a súa solidariedade contra a crise, porque estes tamén son os principais responsables da profundidade da mesma. Mais, a festa vai continuar para eles.

Resulta que a resposta á crise non vai ser un programa de eficiencia económica e democrática…

Ler máis en Galicia Hoxe

Cidadáns vs Especuladores

O 23 de setembro presentouse ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya unha denuncia na que se solicitaba a investigación sobre as accións especulativas dunha serie de axentes inversores, que moitas veces son aseguradores e cualificadores dos riscos financeiros sobre á débeda pública dos Estados, e como así está a pasar coa débeda pública española, dende o comezo da crise económica.

Estas accións especulativas estiveron precedidas polas falsas informacións e rumores – amplamente reflectidas na prensa española – sobre a solvencia e a solidez do conxunto da economía española, amparándose na falta de transparencia dos mercados financeiros, a fin de “alterar o prezo das cousas” e así aumentar os seus beneficios de xeito especulativo e fraudulento grazas á depreciación da nosa débeda pública; o que suporía incorrer nun delito catalogado no artigo 284 do Código Penal español.

Outra das cousas interesantes desta denuncia é que está promovida dende a sociedade civil catalá, polo movemento asociativo arredor do Colectivo Inflexió, que naceu recentemente como unha resposta cidadá aos efectos da crise, e que neste caso diríxese fundamentalmente a perseguir xudicialmente aos seus causantes. Un exercicio democrático contra a especulación.

Esta iniciativa tamén terá a súa continuación en Galicia. Estase a preparar unha denuncia similar por parte dos movementos sociais do país, entre eles pola asociación Fuco Buxán, radicada na comarca ferrolá. Entidade claramente vinculada á esquerda socio-cultural e que tamén entenden da necesidade da implicación directa dos cidadáns na procura dese outro mundo que é posible.

Enlace a Galicia Hoxe

Rectificación

Alén do baile intencionado das cifras, está claro que o 29 de setembro é un éxito da Democracia. Aqueles que querían simplemente o enfrontamento – entre o partido socialista e a súa base social – fracasaron. Os traballadores expresaron o seu rechazo ás medidas neoliberais e á reforma laboral, cunha cuadratura do círculo. Cunha forte contestación ao Presidente Zapatero, esixiron a súa rectificación en materia económica e social; sinalaron aos causantes da crise e pediron un xiro á esquerda. Perden, polo tanto, os tiburóns financeiros, a dereita e o lobby liberal incrustado no Goberno socialista.

O éxito do 29S foi posible polo traballo en común de UGT, CCOO e CIG. Alén dunha simple suma puntual de forzas, deberan confluír en manifestacións conxuntas e unidade de acción nas empresas. Unha esixencia estratéxica para a defensa do mundo do traballo.

Que sentido ten o diálogo social, sen rectificación na política de Zapatero e tamén, na parte que lle corresponde á Xunta de Galicia? A precariedade retrae da participación social aos sectores máis débiles dos traballadores, pero é máis forte a indignación do conxunto da cidadanía. A reforma laboral, e o saqueo das pensións, da sanidade e da educación públicas non serán de balde. Hai e haberá contestación democrática. Os campos están perfectamente delimitados: Democracia vs. Liberalismo.

A sociedade, coa súa participación á calor da Folga Xeral do 29S, sentenza que hai unha saída progresista á crise. Zapatero debe rectificar, depende do seu reencontro coa esquerda social, política e sindical.

Enlace a Galicia Hoxe