Ferrol non é galega?

Estes días vimos, como a conferencia dos presidentes autonómicos de Galicia, Castela-León e Asturias, reclamaban ao goberno de España unha maior implicación e aposta polo “Corredor Cantábrico”, que pretende modernizar o ferrocarril para o transporte de mercadorías cara a Europa. Petición atendida de xeito parcial co nomeamento do comisionado estatal, cando aínda estaban abrindo a quenda das primeiras intervencións neste evento.

Esta cuestión sinala a visión que ten a Xunta de Galicia. Deixa fóra do corredor ás cidades de Ferrol e Lugo, así como ao norte galego. Na memoria está aquela proposta non atendida do que fóra enxeñeiro naval e profesor de economía aplicada, Manuel Casal Pita, dun tren circular que si comunicaba as sete grandes cidades galegas.

O alcalde Ángel Mato foi o primeiro en saír a defender a necesidade que temos de formar parte dese corredor atlántico. Igual Rey Varela poderíalle preguntar ao presidente da Xunta se Ferrol non é Galicia? Todo isto porque Rueda, coma Feijoo, é só un representante dunha dereita coruñesa incapaz de sumar sinerxías coa comarca de Ferrolterra. O cal explica que, como contrapartida, converteran á cidade de Vigo na capital económica de Galicia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-non-e-galega-4159888

Camiños de ferro

O deseño das infraestruturas responde sempre aos intereses económicos, pero tamén ideolóxicos. Non é algo irrelevante, nin vén “porque agora tocaba”. Vén isto a conta porque os Verdes alemáns acaban de facer unha proposta para unir 200 cidades europeas con 40 liñas de ferrocarril e os seus pretendidos homólogos españois de “Más Madrid”, súmanse sen máis a esta proposta.

Basicamente, a proposta para a península exclúe ás comunidades de Cantabria, Asturias, Castela – León e Galicia e non respecta a decisión estratéxica do goberno portugués de priorizar o Eixo Atlántico, reforzando así o proxecto “aznariano” que buscaba o efecto aspiradora de recursos para Madrid, quebrado coa crise do 2008. Calquera tipo de integración territorial debe asumir a pluralidade peninsular. O corredor cantábrico e o eixo atlántico – con Ferrol de vértice – forma parte de todo proxecto de país que mereza tal nome.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3169385/caminos-ferro

A quinta provincia

Vén de presentarse o informe do Consello Económico e Social de Galicia, referente á rede básica transeuropea de transportes de mercadorías, iso si coa descualificación do Eixo Atlántico. O máis salientable, desde a perspectiva ferrolá, é o “Corredor do Cantábrico”, que conectaría por ferrocarril todo o área de Coruña – Ferrol e Asturias, así o noso porto exterior tería unha conexión terrestre axeitada con Europa e Portugal.

A proposta, de momento, é “un simple acto preelectoral”. Observando, o deseño das grandes infraestruturas galegas, vemos un norte cuxa marxinación empeza coa navallada da Autovía do Cantábrico por Vilalba. Unha verdadeira quinta provincia, que está en ningures, con decisións implementadas por Gobernos de Feijóo e Rajoy. Todo é Coruña, Vigo e saída vía Monforte. Nós, somos unha quinta provincia que nin ten corredor cantábrico, nin -de facto- pinta nada no Eixo Atlántico.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-quinta-provincia/20190220191517248787.html

http://www.ces-galicia.org/publicacions/informes/galicia-na-rede-b%C3%A1sica-transeuropea-transporte-mercador%C3%ADas-retos-estrat%C3%A9xicos

https://gal.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1329364/informe-xunta-sobre-corredor-atlantico-parece-feito-alumno-bup-di-vazquez-mao-eixo-atlantico

https://www.diariodeferrol.com/articulo/galicia/fomento-destinara-370-millones-euros-ano-cuadrante-noroeste-corredor-atlantico/20190220214916248838.html