En folga de fame

A carón da praza de España, fronte á porta do Equipo de Valoración de Incapacidades hai un traballador en folga de fame. Coñecerán o que pasa polas crónicas do Diario destes días e polo vídeo da súa filla. Non hai resposta oficial ás súas demandas e o que acontece é unha práctica cotiá, que para nada respecta os dereitos das e dos traballadores e dos pequenos empresarios.

Esta é a outra cara. Hai algunhas semanas o presidente Rueda sacaba peito na loita da Xunta contra o absentismo laboral. Segundo el a situación parte dun abuso por parte de xente que quere vivir sen traballar, claro que non asumía que os principais responsables do absentismo laboral dos traballadores e autónomos en Galicia son precisamente a Administración Autonómica e el como máximo responsable político.

A deficiente xestión do sistema sanitario público, que busca escusas para ese discurso de que as baixas por enfermidade común deben estar en mans das mutuas, así como vivir nun país onde non están recoñecidas as enfermidades profesionais, están no miolo do asunto. Á marxe de que esta deriva tóxica deshumaniza a atención ás persoas e as prestacións autonómicas e estatais. Mentres, traballadores e autónomos, á intemperie.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/folga-fame-5177834

O Ferrol emprendedor

Son dos que pensa que Ferrol vai moito máis aló do que diariamente vaise reflectindo nos medios de comunicación local. Que a cidade realmente existente é a suma dos seus diversos barrios. E aí os múltiples colectivos e tamén as vontades individuais, son quen conforman a cidade real.

Así que debemos poñer en valor a ese colectivos plurais de cidadáns e a esas individualidades con vontade propia e tenaz. Por iso tras a pandemia, que parecía que todo ía quedar afundido, ou con cada crise económica, é salientable observar os sinais que permiten saber se a cidade recupera o seu pulso e oferta á súa cidadanía todas as oportunidades para desenvolver os seus proxectos vitais.

Como exemplo importante e determinante, debemos poñer en valor aos pequenos e medios empresarios, autónomos e autónomas, verdadeiros emprendedores, que teñen un sentimento de orfandade fronte as diversas administracións, e que si aportan ao verdadeiro crecemento de Ferrol e cumpren coas súas obrigas laborais. Moitos deles con décadas de actividade e con biografías contrastadas, non inventadas antonte, nin imposibles, que quizais non enchen páxinas, pero si son parte da economía real e decente desta cidade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-emprendedor-4194981