Levo días reflexionando sobre o que están a escribir os meus amigos Jordi, Iván e , quen aínda non coñezo persoalmente, Fariña sobre as primarias americanas. A min tamén gústame Barack Obama, pero non sei se é efecto do magnífico vídeo feito polo fillo de Bob Dylan, que tedes arriba, ou porque é negro. Quizais, porque representa a esperanza de cambio nos Estados Unidos. Porque, abre a porta á outra América que é posible. Pero, ¿é un vieiro adecuado para as nosas ansias de cambio nos EEUU ou só un espellismo, produto dos mass media e dos nos desacougos?
O certo é que Barack Obama non é de esquerdas. Forma parte das minoritarias clases medias asentadas, el é un representante da minoría de afroamericanos integrados na sociedade oficial americana. A esquerda, ou as diversas esquerdas, como os Socialistas Democráticos dos EEUU, son forzas testimoniais, á marxe de que haxa moitos movementos sociais de esquerda sen tradución electoral que traballan na defensa dos dereitos dos inmigrantes, contra o cambio climático, contra a guerra de Iraq, ou outros de diverso tipo.
Un dos problemas básicos da debilidade estrutural da esquerda estadounidense é que a clase obreira norteamericana, a diferenza da europea, non se reivindicou como clase emerxente que reclama para si o exercicio do poder democrático. Non asumiu que son os descamisados – como diría Alfonso Guerra – traizoados polos burgueses da Revolución Francesa e Norteamericana, que unha vez aupados esqueceron as súas promesas de igualdade, fraternidade e liberdade, defendendo a súa supremacía como clase dominante, tanto na política, como nas relacións económicas e sociais.
¿Cal sería entón a ubicación de Obama na tradición europea? ¿Un social liberal de moitos que comparten comigo militancia socialista? Pode. ¿Ou máis ben iso tan difuso e indefinido que se chama “centro político”? En España, iso chamábase “CDS”, ¿lembrades?
Así, dentro deste panorama, Obama representa un salto cualitativo, incluso fronte a Hillary Clinton. O problema dela (incluido o seu apoio á política de Israel) é que tamén é unha representante do status quo, da vella clase política necesitada dun cambio de programa, de renovación dos discursos e xeneracional. Pero, ¿o programa de Obama vai máis alá das vellas receitas dos liberais de esquerda? ¿Terá as mans libres, sen ataduras coas multinacionais que financian as campañas dos candidatos? ¿Cal sería a súa política para oriente medio e para Europa? ¿Será capaz de convencer e mobilizar á ampla clase traballadora americana apática, aos inmigrantes nacionalizados e aos sectores máis dinámicos das clases medias urbanas? Oxalá!
Quizais, por iso esperamos moito de Obama (o fracaso da esquerda norteamericana tamén é o noso fracaso). Quizais, por iso nos confundimos e nós tamén dicimos… Yes, we can!
Nota á marxe: Creo que nos gusta máis a campaña americana que a nosa. ¿E iso?



Palestina desángrase. Antonte oía as declaracións de Mr. Pesc, o compañeiro Javier Solana, que pedía aos palestinos a “renuncia á violencia” e a Israel “unha resposta axeitada”.