Solidarízate coa túa firma co pobo palestino

Solidaridade con Palestina

A Asociación Fuco Buxán estivo presente na reunión celebrada a instancias da Fundación Araguaney e a Asociación Galicia Jenin, ante a gravedade da situación da poboación palestina acosada polo inhumano embargo do ocupante israelí.

O manifesto presentarase ante a Embaixada de Israel e o Ministerio de Exteriores do Goberno de España.

Manifesta a túa solidariedade co pobo palestino, asigna e difunde o escrito que atoparás no enlace da Fundación Araguaney (pincha aquí).

Este sábado encontro en Apoio ao Pobo Palestino en Santiago

Abaixo o Muro israel�O sábado 26 de xaneiro ás 12.30, a Fundación Araguaney – Ponte de Culturas e a Asociación Galaico – Árabe Jenin organizan un encontro con representantes da vida política, social, empresarial e cultural de Galicia nas que o Sr. Ghaleb Jaber, presidente da Fundación Araguaney ofrecerá unha Roda de Prensa para comentar os últimos acontecementos en Palestina, denuncialas recentes actuacións do Goberno de Israel e explicalas consecuencias destas actuacións sobre o pobo palestino e a complicada situación actual de Palestina e os territorios ocupados.

O obxectivo desta reunión é subscribir un Documento de Denuncia firmado polos asistentes que será presentada pola Fundación na Embaixada de Israel en España e no Ministerio de Asuntos Exteriores de España.

Esta invitación esténdese ao público en xeral e terá lugar no Salón Rahid do Hotel Meliá Araguaney.

Máis info na web da Fundación Araguaney, http://www.fundacionaraguaney.com

Resistencias en Palestina

 

Cartel Expo Palestina Nov 2007

A principios de setembro presentábamos na Fundación Araguaney de Santiago esta mesma exposición fotográfica, que este vindeiro 8 de novembro inauguramos na Galería Sargadelos de Ferrol. Como sabedes é un acto conxunto da ONG ACSUR – Las Segovias e a Asociación Fuco Buxán.

A exposición, que leva como título: “Resistencias en Palestina: Vidas ao outro lado do Muro”, consta dunha serie de fotografías de Haneen Kandalaft de Nazareth, Jamal Aruri de Ramallah, de Mathew Cassel e Gary Fields dos EE.UU., do español Raúl Gallego e da campaña “Stop The Wall”. Estará en Ferrol, na Galería Sargadelos, até o 27 de novembro.

Contaremos desde Fuco Buxán coa presenza de Verónica Martínez, directora da propia Galería; de Mohamed Safa, da OLP; e do amigo Jordi Pedret, vicepresidente de ACSUR, deputado socialista por Barcelona e Coordinador do Intergrupo por Palestina do Congreso dos Deputados.

Esta exposición chega nun momento moi complicado para o pobo palestino, onde Israel aproveita a complicidade de EE.UU. e a Unión Europea, así como da división entre Al Fatah e Hamás, para seguir na súa política de limpeza étnica. O Muro non é máis que un instrumento, non defensivo, senón de expulsión contra os palestinos e os seus dereitos sobre as súas terras, e as súas vidas.

Hoxe Gaza é o maior campo de concentración da historia da humanidade. E é evidente que retráese por moito tempo a posibilidade a unha solución ao conflito, e deixa fóra de xogo a posibilidade dun estado palestino viable.

Invítovos a ver esta exposición, comprobaredes como se extermina a un pobo, curiosamente no nome da democracia. A historia de Palestina é a da limpeza étnica feita por Israel, cuxo único obxectivo é perpetuar a política colonialista deseñada hai tempo polo Reino Unido, que a mediados do século pasado foi substituído polos americanos no mundo árabe.

Unha política acorde cos dereitos humanos, coa democracia, contra o terrorismo… esixe a libre autodeterminación de Palestina, ademais, de frear as ansias colonialistas do mundo occidental no Próximo e Medio Oriente.

Podedes seguir os traballos pola paz, das organizacións españolas pro palestinas pichando aquí.

Vémonos este xoves, ás 20 horas na Galería Sargadelos de Ferrol. ¡Viva Palestina libre!

 

Tríptico explicativo da exposición (ver)
Resistencias en Palestina (en español)

 

Dereitos palestinos á sombra do Muro

Levo un tempo tendo desasistido este blog. A verdade que ando moi liado con Fuco Buxán. Entre a montaxe final do documental que fixemos con ACSUR sobre a ría de Ferrol e a exposición fotográfica “Dereitos palestinos á sombra do Muro”, que leva desde o 30 de agosto no Hotel Araguaney de Santiago de Compostela, e que hoxe pechamos.

Esta é unha exposición traída a Galicia por Fuco Buxán, grazas tamén a ACSUR – Las Segovias, e que ademais, sería imposible sen a colaboración da Fundación Araguaney. A exposición reflicte os efectos do Muro israelí sobre a poboación palestina dos territorios ocupados.

Eu_Isaac_Rosa_V�ctorNovásNa inauguración estiveron Lalán (presidente de Fuco Buxán), Jaber (presidente da Fundación Araguaney) e Isaac Díaz Pardo. E na Conferencia do día 6 de setembro contamos coa presenza de Rosa Méndez (directiva de Fuco Buxán), de Mohamed Safa (OLP), Magali Thill (ACSUR) e do Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo.

O día 30 a xente de Fuco desprazada a Santiago puidemos compartir varias horas con Isaac e pasear pola cidade vella con el. Desde a súa homenaxe en Ferrol non tiveramos ocasión de contar coa súa presenza. De verdade que esta persoa é un verdadeiro patrimonio do conxunto do pobo galego. Persoalmente aproveitei para lle pedir que me dedicara o libro que nós editamos. A dedicatoria é unha autentica pasada, non sei como lla poderei agradecer de por vida. A omito por simple pudor.

E o xoves 6, tamén, e unha vez rematada a conferencia tivemos tempo para coñecer máis de preto tanto ao presidente da Fundación Araguaney como ao propio Alcalde.

A Fundación leva existindo desde hai vintecinco anos. A súa dimensión e a súa profunda raíz no pobo palestino fan dela unha das grandes Institucións que transmiten cultura, solidariedade e aire renovado a prol da liberdade en Galicia. É evidente que Jaber transmítelle toda a súa personalidade. Este tipo de institucións non poden existir senón hai un fondo compromiso coa túa xente, unha auténtica paixón pola túa terra, porque sempre é moito máis fácil adaptarse á sociedade que che dá acollida, que ter a mente e o corazón noutro lado do Mediterráneo, sobre todo con tantos anos de exilio.

E a Safa o coñezo desde hai moitos anos. Foi ao primeiro a quen lle oín falar da palestinidade, de pertencer a Palestina, incluso sen ser palestino. Esa palestinidade de aqueles que nin falamos árabe, nin nunca estivemos alá, pero que entendemos que temos de estar coa causa palestina, simplemente por dignidade fronte á barbarie colonial e a limpeza étnica que no nome do “mundo occidental” fai Israel. Fágovos unha confesión: Safa é o culpable da miña conversión palestina.

Rosa_Magali_Safa_BugalloDe Magali hai que dicir que vén de vivir tres anos en Palestina, e polo tanto, coñece perfectamente e de primeira man a política de humillación e de limpeza étnica que Israel practica coas xentes palestinas. Espero que canto en novembro a exposición veña a Ferrol, tamén nos sirva para que ela veña, entre outras cousas por aquel documental onde vese como unha familia palestina vai vendo tapiada as ventás da súa casa pola construción do Muro fascista.

Non coñecía de preto a Bugallo, recoñezo que me sorprendeu positivamente. Unha vez que remata o acto oficial xa non hai posible asesor que oriente ao político. Senón tes peso específico, na distancia curta acabas por perder. Compostela acerta con el.

E para finalizar, agradezo a Enrique Castro a súa visita á exposición. Mágoa que desta vez non puidera estar con nós o amigo Jordi Pedret. Pero, que saiba este último que nos debe unha cea.

Creo que esta exposición, que tanto traballo dounos, saíu ben.