Represión brutal en Ferrol

Cando saía do traballo, foi na Radio Galega onde por boca do periodista ferrolán Pichi Varela, souben que os aplausos dos concentrados diante do Xulgado ao Patrón Maior, Bernardo Bastida, e un pequeno empuxón serviron de escusa á policía para cargar brutalmente contra os cidadáns.

É lamentable que Reganosa este a conseguir que os poderes públicos sigan as súas consignas. E cométese un grave erro xudicial e a indefensión dos cidadáns, contra os abusos empresariais e das administracións.

Levamos anos de xulgado en xulgado, cos recursos contra a instalación da planta de gas, e nunca vimos que se actuara coa mesma contundencia contra as ilegalidades de Reganosa e os seus cómplices. A prisión incondicional decretada contra o Patrón Maior, non polo acontecido cos gaseiros, senón por outros procesos que seguen abertos, amosa que a operación política contra os defensores da vida e da nosa ría estaba ben planificada.

Ao igual que a operación militar que onte mércores deixou illada a ría de Ferrol. En todo caso, o achegamento das barcas ao gaseiro, xa atracado no peirao da planta de gas, amosa, unha vez máis a falta de seguridade para as persoas. Onte, dirixentes sindicais evidenciaban a non existencia dun Plan de Emerxencia para a poboación, e que desde a regasificadora din que é competencia da Xunta de Galicia.

Pero, está claro que nesta loita os argumentos técnicos, medio ambientais, de defensa da nosa ría e das nosas vidas, non van valer nada, ou iso queren. Teñen decidido que debemos fincar os xeonllos ante Reganosa. Só unha axeitada e fría resposta cidadá pode poñer as cousas no seu sitio, sobre todo porque hai quen quere provocar unha saída irracional á situación, violentando o estado de dereito.

Para este domingo está xa convocada unha manifestación, ás doce do mediodía, para esixir que a planta de gas sexa traslada ao Porto Exterior, en defensa dos dereitos fundamentais, entre eles o dereito a vivir sen perigos, de solidariedade con Bernardo Bastida.

Ao saír do traballo, compañeiros meus comparaban o acontecido con Marzo do 72. Probablemente, pouco teña que ver. Máis, é a referencia dunha loita democrática contra as inxustizas e de defensa da democracia, cando ademais os poderes públicos teñen abandonados aos cidadáns.

Moita calma. Esta é unha loita moi longa, que deberemos saber gañar a pesar dos atrancos e as provocacións. Calma, moita calma. Usemos a cabeza.

 

Fotos

Enlace Audio Radio Galega 30maio2007

En español

Na ría de Ferrol: ¡Bastida Liberdade!

Bastida retidoCheguei hai pouco do Cuartel da Garda Civil, situado no barrio de Canido, onde teñen detido ao Patrón Maior da Confraría de Pescadores, Bernardo Bastida. Xa sabedes que os cidadáns da ría de Ferrol foron quen de deter a entrada ilegal dun novo gaseiro para Reganosa, o Mourad Didouche, que agora está fondeado na ría de Ares, co obxectivo de intentar asaltar a ría ferrolá na tarde de mañá.

Aínda que xa un está curtido nestas lides, sigo sorprendéndome de cómo aqueles que tiñan que defendela legalidade vixente en materia de seguridade marítima e a vida dos cidadáns, convértense en forza de choque dos intereses espúreos dun grupo de depredadores económicos que lle importa un carallo o respecto aos dereitos cidadáns.

Hoxe houbo represión tanto no mar, como en terra. As grandes barcazas da Garda Civil intentaron tirar ao mar á xente que ía nas pequenas embarcacións que frearon a entrada ilegal do gaseiro, e en terra fun testemuña en primeira persoa de cómo as forzas policiais agredían, persoas maiores a maioría, que só estaban a aplaudir e recibir aos traballadores/as do mar e aos dirixentes cidadáns que chegaban ao embarcadoiro. Unha mágoa que isto pase en democracia.

Alí estábamos un fato de xente pacífica que non somos precisamente un problema de orde público. Cidadáns sen adscricións, membros das asociacións ferrolás, coñecidos militantes nacionalistas como Luísa Sabio, de esquerda unida e do partido socialista. Xente pacífica que defenden a legalidade vixente en materia de seguridade e o seu dereito a non ter ameazada a súa vida.

A Policía Nacional detido a Bastida, e curiosamente levouno ao cuartel da Garda Civil en Canido. Non detiveron nin aos dirixentes do Comité Cidadán, nin a Yolanda Díaz voceira de Esquerda Unida, que baixaban das embarcacións. Supoño que é unha estratexia para dar a impresión de que esta é só unha loita dos mariscadores. Equivócanse, esta é a loita dun pobo contra os que ameazan a nosa vida e incumpren a legalidade vixente en materia de seguridade e medio ambiente.

“Compañeiro” Ameijeiras: ¡así non se fan as cousas! Deben saber os irresponsables políticos que dan cobertura ás ilegalidades de Reganosa que están asumido a peor herdanza do fraguismo. Asumen unha grave responsabilidade persoal, están encadeándose ao que pase coa planta de gas. ¿Estades dispostos a asumir un accidente grave na ría de Ferrol por culpa da tolemia de Reganosa?

Isto non será esquecido polos cidadáns, e máis pronto que tarde terán que dar conta das súas accións.

Así que: ¡Planta de Gas fóra da ría de Ferrol! ¡Bastida Liberdade!

Para máis información, pincha aquí.

 

Post Data: Xa hai unha nova convocatoria para mañá ás 3 da tarde (ver aquí). ¡Se podedes, ide!

Nota do 30 de maio: Concentración no Porto ás tres da tarde. Déixovos cunha serie de fotos que acabo de subir á páxina do Comité Cidadán feitas o día 29.

Unha nova etapa contra Reganosa

Contra o Spirit do Prestige

Unha boa parte dos políticos están moi enfadados con Reganosa. A chegada do Galicia Spirit á ría de Ferrol, sitúa no centro do debate electoral as ilegalidades da planta de gas de Mugardos e a súa ubicación mugardesa. Pensan, que ben puideron esperar a que pasaran as eleccións locais do 27 de maio.

A este tío vivo, súmanse que o Ministerio de Industria confirmou aos avogados do Comité de Emerxencia que Reganosa non ten o permiso de funcionamento, e polo tanto, non pode facer “probas” con gas natural, ata que obteña os permisos correspondentes (se é que os consigue). É dicir, que a Delegación do Goberno, o Capitán Marítimo, o Presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol e o Director da Área de Industria e Enerxía da Coruña, utilizando unha acta irregular, decidiron meter o Galicia Spirit na ría, con grave risco para a poboación e a utilización tanto de recursos públicos como das forzas policiais; por vulnerar o Estado de Dereito (ver para crer).

Desde o nove de maio, a actitude destas irresponsables autoridades provoca un salto cualitativo na ría de Ferrol. Os cidadáns estamos nun perigo permanente de estar afectados por unha explosión que puidera acontecer en Reganosa. Os servizos sanitarios advertiron que en caso de necesidade non hai capacidade para atender as potenciais víctimas. Non hai un plan de emerxencia que informe á cidadanía, que garanta a súa evacuación e a súa vida; quizais, sexa porque é imposible por estar o radio de destrucción dentro de zonas urbanas (corenta mil afectados). A normativa esixe que alomenos este a máis de dous quilómetros. Os núcleos de poboación en Mugardos é de 150 mts. e a cidade de Ferrol está a menos do quilómetro.

Outra das cousas que vimos estes días, é que coa entrada dos gaseiros bloquéase toda a ría. Estes grandes buques necesitan entrar en pleamar, con axuda e a necesidade de medios impide aos demais unha actividade normal; quedando fóra de xogo con baixa mar e sen saída en caso de necesidade ou urxencia.

Por certo, ¿onde estaba o Alcalde actual Juan Juncal estes días? A súa obriga como máxima autoridade local é protexer a vida dos seus veciños. Desde logo o que evidencia os incidentes do Galicia Spirit é que o interior da ría é a peor das situacións posibles. Mentres na Coruña din facer o Porto Exterior para sacar as mercadorías perigosas fóra da cidade, aquí métennos unha regasificadora. Nos EEUU anularon proxectos parecidos, e agora levan as súas plantas a plataformas en alta mar.

O debate non é que está mal feito, pero é unha realidade que non ten revés. A cuestión está en que hai quen xoga á ruleta rusa coas nosas vidas. Que seguen en marcha sete contenciosos contra Reganosa, e que hai outros dous gañados. Indubidablemente, os veciños non podemos estar contentos pola pouca axilidade da Xustiza. Mais, erran aqueles que pensan que os xuíces están por riba da xente, eles saben que teñen que enfrontarse a un lobby mediático financeiro moi importante. ¿Lembrades canto tempo estiveron solos os veciños da rías de Arousa ou Pontevedra?

Os que crían xa gañaran a guerra, erraron. O mesmo mércores nove, nun acto convocado coa omisión dos periódicos, é dicir, co boca a boca, encheu a Aula Magna da Facultade de Humanidades. Presentouse o libro “Muros de Silencio. Corrupción e ameazas na ría de Ferrol. O caso Reganosa”. Este libro fai un recorrido polas ilegalidades de Reganosa, os seus cómplices, así como polo nacemento e consolidación do Comité de Emerxencia. O libro está editado pola Asociación Fuco Buxán.

(Pola parte que me corresponde aparezo como co fundador do Comité, xunto a outros compañeiros en nome de Fuco Buxán. Ademais, de que moitas das fotos son miñas).

Concentración 12 maio 2007Así este sábado 12 xa houbo outra manifestación, que probablemente sería moito maior de ser na mañá do domingo (na Radio Galega falaban de mil cincocentas persoas, as cifras do Comité as elevan a dúas mil). É dicir, Reganosa e os seus cómplices o teñen igual de difícil, cando menos. Con dous graves problemas: hai un amplo consenso cidadán en contra de Reganosa (e agora máis, xogan coa nosa vida) e os dirixentes cidadáns amosaron as súas calidades como líderes sociais (de feito, unha parte fundamental proceden da loita contra a Dictadura). Esta non deixa de ser a loita democrática dun pobo contra os depredadores.

Déixovos tamén 26 fotos (do Galicia Spirit e no Porto de Ferrol) que podedes ver pinchando aquí, no blog do Comité Cidadán de Emerxencia. En fin. Unha nova etapa contra Reganosa… agora con máis razón.

En español

¡Vivan as mariscadoras e os mariscadores de Ferrol!

01.jpg02.jpg03.jpg04.jpg05.jpg06.jpg07.jpg08.jpg09.jpg10.jpg11.jpg12.jpg13.jpg14.jpg15.jpg16.jpg17.jpg18.jpg19.jpg20.jpg21.jpg22.jpg23.jpg24.jpg25.jpg26.jpg27.jpg28.jpg29.jpg

Hoxe foi un día duro para a ría de Ferrol, e para quen a protexe contra dos depredadores. Aquí tedes 29 fotos que son públicas e quedán, polo tanto, baixo unha licenza Creative Commons.

Están dedicadas a quen son herdeiros/as das mellores tradiccións de loita democrática e dos traballadores/as en Ferrol: As Cofrarías de Pescadores e as súas persoas integrantes, así como, ás persoas e asociacións do Comité Cidadán de Emerxencia.

Hoxe nada acabou. Senón que empeza unha nova etapa para seguir esixindo o traslado da ilegal Planta de Gas de Reganosa ao exterior da ría. Esta é unha loita democrática dun pobo que non admite a especulación, a corrupción e a sumisión dos poderes democráticos aos grupos mediáticos e económicos, que esquilman a nosa terra e a nosas rías.

¡Galicia non se vende! Seguimos adiante.

PD. Modifiquei o titular orixinal para incluir as mariscadoras (Rosa ten razón). Miñas desculpas.