Cultura ao chou?

É certo que o actual goberno municipal comezou o seu mandato cunha proposta moi interesante arredor da figura de Gonzalo Torrente Ballester. Agora, a novidade está na recuperación dos premios Carvalho Calero. Pero, a xestión municipal esixe moito máis.

Unha das cousas que quedou listo do mandato municipal anterior é o Plan Estratéxico de Cultura. Dicíase, entón, que se “avogaba por unha política cultural baseada en tres piares metodolóxicos: participación cidadá, planificación estratéxica e transversalidade”. Ferrol foi a primeira cidade galega en presentar unha proposta neste senso.

No mundo cultural ferrolá fálase moito de ordenar e racionalizar. É certo que coa cantidade de ofertas que hai neste ámbito, con deixar facer ás diversas entidades culturais, o Concello podería dicir que xa ten xestión. Mais, hai que dar un salto cualitativo que precisa de planificación e consensos. Só desde a participación efectiva poderemos integrar a pluralidade de voces ferrolás. Así como dotar de continuidade á acción cultural municipal alén dos ciclos políticos locais. Tras todo este tempo “madurando”, igual estaría ben implementar e aproveitar as sinerxías que pretendía o Plan Estratéxico de Cultura.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cultura-ao-chou-5342696

A outra muralla

As obras en Irmandiños, que están reformando a entrada do acceso principal dos vehículos ao recinto militar, acaban de deixar ao descuberto unha parte da muralla orixinal do século dezaoito. Todo indica que Defensa vai na liña de restaurar a muralla e integrala na nova reurbanización, que se está a acometer. Iso é facer o correcto.

En setembro fará dous anos, que o actual equipo de goberno de Ferrol decidiu o tapado expeditivo de aquel tramo correspondente á antiga muralla medieval, a carón da Praza Vella. Nin a Dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia foi quen de dicir algo. Desde a concellaría de Urbanismo deixaban, para un futuro indeterminado, a posibilidade de facer algún tipo de intervención que puxera en valor este ben cultural.

Mais, a data de hoxe, ningunha autoridade local ou autonómica ten presentado plan de recuperación da vella muralla medieval de Ferrol. Todo indica que se aposta polo esquecemento? Non hai capacidade de xestión, nin un proxecto que permita recuperala ordenando a vida cotiá? Tan difícil é?

Nada teñen que dicir desde Patrimonio Histórico? Non cren que sería un valor máis, na aposta a prol da candidatura de Ferrol a patrimonio mundial ante a Unesco?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/outra-muralla-5334736

Stefan Zweig

Hai un relato breve deste escritor austríaco, onde describe a súa viaxe a Alxeria e a súa relación cun camareiro mozo italiano analfabeto. O cal produce nel un fondo estupor, porque nunca coñecera a ninguén que non soubera ler. Seguramente, similar ao que sentín eu, cando me contaban a de xentes que mandan audios polo “WhatsApp” por estar na mesma situación.

E como poder imaxinar a situación dunha persoa que non sabe ler? Esta mesma pregunta que facíase Zweig ten plena vixencia se, ademais, a acompañamos por toda esa xeira de “analfabetos funcionais” que non entenden o que len ou, simplemente, desbotan os libros e toda a súa capacidade creativa e crítica que estes dan a cada lectora, a cada lector.

A virtude da lectura radica na necesidade de usar a nosa cabeza para entender e ver alén de nós mesmos. É un antídoto contra a manipulación. Fainos libres e, talvez, produce unha chaga na alma que obriga a seguir buscando máis e máis respostas. Imaxinan que asalten o seu fogar – como pasoulle a Zweig – para facer desaparecer os libros da súa biblioteca? Imaxinan un mundo sen libros? Pegados ás pantallas do nosos teléfonos móbiles, vendo ducias de vídeos curtos que só pretenden a nosa indolencia?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/stefan-zweig-5327362

Cartas de amor

Hai salvapantallas de todo tipo, aquí cada quen escolle ao seu gusto. Durante moito tempo tiven no móbil a foto dunha cría de elefante, que – para min – significaba a alegría de vivir. Agora baixei a dunha caixa de correos, que ten unha anotación para carteiros e remitentes que di: “Nada de publicidade. Só cartas de amor”.

Lembran cando de pequenos tirábamos eses anacos de papel con mensaxe, que realmente tíñanos avergoñados, para simplemente pór un “quérote” ou “me gustas”? Ás veces, éramos moito máis vehementes e, sen sabelo, escribíamos os nosos primeiros versos en tres ou catro liñas, produto dunha incipiente paixón de aquela nin entendida e, rara vez, correspondida.

Nestes tempos da comunicación inmediata vía aplicacións, na que asasinan a ortografía, e que vemos que case necesitamos a alguén para descifrar eses textos, talvez sexa moito máis importante mandar – recomendo que cada día – unha mensaxe que só diga: “beixos, meu amor”. Quizais, debéramos procurar escribir algunha que outra carta. Seguro, que resulta moito máis necesario querer e saberse querido. Que saiban que hoxe esta columna só é unha escusa. Saber entrever que, incluso estas Letras de Cambio, hoxe ten destinataria.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cartas-amor-5320064

Diario de Ferrol: a arte de contar as cousas

A construción e o desenvolvemento dunha sociedade necesita atrapar os seus soños e transformalos en palabras. Mais, elas poden ser levadas polo vento ou acabar por non significar nada, senón tes os instrumentos e os soportes axeitados.

Así cando as xentes teñen autoestima e conciencia de seu, buscan avanzar e mellorar a súa vida, inician unha aventura única como é levantar, polo seu esforzo, unha voz propia como comezou nesta comarca un dous de xuño de mil novecentos noventa e nove. A transformación do papel en páxinas que contan as cousas que nos están a pasar, mesturado cos desexos da poboación local, configura unha alma única da que nace o Diario de Ferrol.

Un proxecto colectivo deste tipo ten nomes e apelidos que deben ser recoñecidos. As das e dos periodistas e traballadores, que co seu saber facer abonaron (no pasado e no presente) as raíces e danlle unha terra fértil no que crecer. Souberon sortear as dificultades e estar nesas rachas tanto malas como boas, que o devir da vida vainos dando a todos. A maiores, o Diario de Ferrol marca un plus no periodismo galego ao ser a única cabeceira que ten a unha muller, Cristina R. Calvo, como directora.

Múltiples son os intereses, incluso contraditorios nunha sociedade como a que engloba ás comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Aí, un xornal local, é quen de facer a síntese necesaria e darlle acougo a tan variados sectores. Desde traballadores a Empresas, así como autónomos e pequenos empresarios, colectivos culturais e cívicos de toda índole. Afortunadamente, unha cabeceira como o Diario de Ferrol non sofre a fraxilidade das formacións políticas locais, nin ten os pés pesados das diversas institucións e entes similares.

O Diario de Ferrol ensinounos a todos que sempre hai un camiño polo que andar, tan importante como as metas que nos propoñemos, que hai alternativas, que somos unha sociedade europea con problemas europeos, que o futuro é un presente continuo que obríganos a dar o mellor de nós. Traballo e esforzo, así é a vida. O seu compromiso e con nós e con ninguén máis.

Precisamente, para evitar a melancolía que traen os contratempos e as inxustizas sociais, é necesaria a acción intelixente de pensar, facer e aglutinar propostas de presente e futuro, desde aquí á nosa sociedade. Un auténtico “think tank” para as tres comarcas. Un verdadeiro “lobby” aglutinador de vontades e esforzos, que van servir para romper eses muros invisibles, que temos as xentes e as comarcas que vivimos nesta terra situada ao norte do norte oficial. Por iso, o Diario de Ferrol é un verdadeiro xermolo e aditivo de sentimentos e iniciativas que dan lugar a un ser vivo que ten a vontade da alegría que – sempre – é imparable.

Diario de Ferrol, altofalante de Ferrolterra, Eume e Ortegal. De aquí e para aquí, con sede na cidade do mar. A arte de contar as nosas cousas e que así fainos maiores de idade. Unha obra colectiva, aberta e inacabada que precisa ser cuidada por todas e todos.