Carrillo súmase á Homenaxe galega a Isaac Díaz Pardo

A Asociación Cultural Fuco Buxán acaba de editalo libro “I. Díaz Pardo. Homenaxe Galega”. O principal obxectivo desta obra, compilada por Rosa Méndez, é profundizar no coñecemento da traxectoria de Isaac nas súas múltiples vertentes: artista, industrial, escritor e galeguista comprometido con Galicia e a súa cultura dende os seus tempos de adolescencia.

Exposición D�az Pardo

Consta de 260 páxinas e cerca de 100 ilustracións e fotografías relativas a Isaac e a súa obra, e recolle as intervencións dos participantes nas Mesas Redondas, do 9 e 23 deste mes febreiro, na Fundación Caixa Galicia: Camilo Díaz, Manuel Aznar, Xosé Neira Vilas, Euloxio Ruibal, Fernando Salgado, Fermín Bouza e Andrés Varela;

E as composicións que recitarán, o 2 de Marzo, no Acto Central da Homenaxe Galega no Teatro Jofre, os poetas: Eva Veiga, Xosé Leira, Jose Viale Moutinho e Rosa Méndez

Seguir lendo

Comeza a Homenaxe galega a Díaz Pardo. ¡Participemos nel!

portadatarxetaisaac.jpg

Este venres comeza en Ferrol, organizado pola Asociación Cultural Fuco Buxán a Homenaxe de Galicia a Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.

Conta esta homenaxe coa colaboración das Consellerías de Cultura, Economía, Presidencia e Política Territorial. Así como, dos Concellos de Ourense, Narón, Santiago, Lugo, Pontedeume, A Capela, Fene, Valdoviño, Mugardos, Neda, Verín, Cariño, Oleiros e as concellerías de cultura de Ferrol e A Coruña. Tamén colaboran Caixanova, Caixa Galicia, Autoridade Portuaria Ferrol – S. Cibrao, Igape, Fimo e a Cofraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol.

Os actos programados, no mes de Febreiro, por Fuco Buxán son:

8 de febreiro: inaguración dunha Exposición Antolóxica no Centro cultural Torrente Ballester, ás 20.30 horas. Na que se recolle a rica traxectoria vital de Díaz Pardo, xunto a Luis Seoane, no Laboratorio de Formas.

9 de febreiro: Mesa Redonda. Na sede da Fundación Caixa Galicia en Ferrol, 20 horas. Coas intervencións de Xosé Luis Axeitos (coordinador), Manuel Aznar Soler, Xosé Neira Vilas e Camilo Díaz.

23 de febreiro: Mesa Redonda, sede da Fundación Caixa Galicia, en Ferrol, 20 h. Coas intervencións de Euloxio Ruibal (coordinador), Fermín Bouza, Andrés Varela e Fernando Salgado.

Os actos programados, no mes de Marzo, por Fuco Buxán son:

2 de marzo: Acto Central de Homenaxe a Isaac Díaz Pardo, no Teatro Jofre de Ferrol, a partir das 19.30 horas.

Coas intervencións dos poetas: Salvador García – Bodano, Eva Veiga, Xosé Leira, Laura landeira, José Viale Moutinho e Rosa Méndez.

Actuación Musical de Milladoiro.

A continuación celebrarase unha cea. Podedes ver máis información na páxina de Fuco Buxán.

8 de marzo: Clausura da Exposición Antolóxica no Centro Cultural Torrente Ballester.

Sobran argumentos para o por qué desta Homenaxe a Isaac Díaz Pardo.

 

O Nadal; ACSUR e Eblogtv.es.

Estamos, desde principios de novembro en Nadal, porque así o queren os comerciantes e as grandes áreas comerciais. A verdade que me parece un exceso. Levo algún tempo, e o repito cada ano por estas datas, dicíndolle á miña xente, que abonda con consumir un pouco menos.

Árbol NavideñoEn España pasamos dun incipiente Estado de Benestar, que inda non temos desenvolvido adecuadamente, a unha Sociedade de Consumo, cuxas regras son que para estar integrado hai que consumir cada vez máis, sobre todo se o que adquires non o necesitas realmente.

Até onde imos chegar. Agora para que un rapaz de once anos este integrado cos seus compañeiros necesita ter un móbil. ¿É isto normal? ¿Cara a onde imos?As nosas cidades están repletas de luces que non necesitamos. Un consumo irresponsable e innecesario. Despois virán as grandes empresas enerxéticas a nos defender a enerxía nuclear, como desculpa da suposta demanda cidadá. O que agachan é que basicamente é rendible porque a eles lle aporta uns enormes beneficios (aínda cós residuos hipotequen o futuro). Se o sistema está colapsado, quizais vai sendo hora de que apostemos por outra forma de xerar enerxía. Unha proposta: co mesmo sistema que privatizou as grandes empresas enerxéticas, deixando fóra da propiedade común á inmensa maioría dos cidadáns, recuperemos o uso social destas empresas.

Unha empresa social xeradora de enerxía non necesita repartir beneficios económicos aos seus accionistas. De feito, eses grandes beneficios poderíanse usar en implementar as instalacións, o seu paso a enerxías limpas e renovables, e a baixalo custe do recibo da luz. Outro xeito de facer democracia.

En todo caso, retomando a idea primeira. Un menor consumo persoal supón unha maior liberdade.

ACSUR e Eblogtv.es

Tedes aquí unhas fotos de Miguel Romero e Jordi Pedret, persoas vinculadas á ONG ACSUR, dos que xa vos falei aí atrás (débovos uns comentarios específicos sobre estas dúas persoas. Fareino máis adiante).

Por outra banda, aínda non acabo de me explicar porque Enrique Castro, na súa televisión por internet, chamada Eblogtv, e que está a preparar un documental titulado “Galicia”, considerou de interese vir a Ferrol a entrevistarme. Toda unha honra, pero estou seguro que hai moita xente máis interesante pola blogosfera galega. Grazas, Enrique.

Para finalizar: os que me seguides sabedes que Bitacoras. com., ten cada día máis problemas, tanto para publicar como para acceder ao meu blog. Tamén levo a bitácora do Comité Cidadán, e ten o mesmo problema.

O asunto é que levo un tempo reflexionando sobre qué facer. Estes días tomarei unha decisión definitiva (ou case). En calquera caso, o dominio http://manuelcendan.com, sempre vos redireccionará á miña páxina. Estes días estou aprendendo a traballar con wordpress, pero aínda non sei como vai acabar esta historia.

En todo caso: Feliz Festas e Feliz 2007. Os crentes lle daredes o perfil relixioso (o cal paréceme ben, faltaría máis), aos demais nos abonda celebrar o fin de 2006 e a entrada do 2007 (si algo únenos a crentes e aos que non o somos é precisamente a laicidade democrática do país).

Unha aperta a todos e a todas (católicos, protestantes, xudeus, musulmáns, agnósticos, ateos…). Unha aperta fraternal ao pobo palestino.

O Muro de Israel: Un castigo máis para o pobo palestino

Venres, 15 de decembro, ás 20 horas en Sargadelos Ferrol.

Presentación do Libro:

Libro Muro“Los derechos a la sombra del Muro. Un castigo más para el pueblo palestino”. (Editorial Los libros de la Catarata).

Presenta: Manuel Cendán (Coordinador de Movementos Sociais da A.C. Fuco Buxán)

Intervén: Jordi Pedret (Vicepresidente da ONG ACSUR e deputado socialista por Barcelona)</b>
Sinopsis do libro:

O 9 de xullo de 2004 a Corte Internacional de Xustiza emitiu unha Opinión Consultiva pola que declaraba contraria ao Dereito Internacional a construción do Muro que Israel levanta no territorio palestino ocupado. No mes de setembro de 2005, un grupo de xuristas realiza unha viaxe a Palestina co propósito de comprobar sobre o terreo a situación real dos dereitos fundamentais dos palestinos tras a negativa do goberno israelí a asumila decisión da Corte. Este libro é o resultado de aquel viaxe, das entrevistas e das reunións cós autores mantiveron alí con membros da sociedade civil palestina e israelí, con políticos e xuristas de diferente signo e con representantes de organizacións internacionais; pero tamén do impacto de esta experiencia en cada un deles; os encontros e as conversas coa poboación afectada, coas persoas que día a día sofren os estragos que supón a ocupación israelí dos seus territorios.Unha ocupación que, lonxe de chegar ao seu fin, amosa agora a súa última e máis terrible cara: o Muro. A pesar da Opinión Consultiva e do que ela esixe ao Estado de Israel e ao resto da Comunidade Internacional, o Muro continúa implacable coa súa senda de destrución polos territorios palestinos de Cisxordania, adéntrase máis alá das fronteiras internacionalmente recoñecidas entre Palestina e Israel, acaba con todo o que encontra no seu camiño, impide o normal desenvolvemento da vida cotiá e fai imposible o exercicio do dereito dos palestinos a súa libre determinación política.

Este é un libro colectivo onde participan:

Fátima Aburto Baselga (Deputada socialista e portavoz adxunta da Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso dos Deputados).

David Bondía García (Profesor de Dereito Internacional da Universidade de Barcelona)

Rafael Escudero Alday (Profesor de Filosofía do Dereito a Universidade Carlos III de Madrid)

José Antonio Martín Pallín (Maxistrado da Sala do Penal do Tribunal Supremo)

Jordi Pedret i Grenzner (Deputado socialista por Barcelona, Vicepresidente de ACSUR – Las Segovias e da Fundación ArtSur)

Carme Pérez-Carballo Veiga (Subdirectora económico-financeira da Comisión Nacional da Enerxía, Membro da Presidencia Federal de Izquierda Unida)

Mª Fernanda Pizzini Bontempo (Colaboradora no Institut de Drets Humans de Catalunya e Profesora da Universidade Nacional de Mar del Plata)

Jaume Saura Estapá (Profesor de Dereito Internacional da Universidade de Barcelona, e foi Coordinador Rexional da Unidade Electoral da Unión Europea en Palestina 1995 / 1996)

Organiza: a Asociación Cultural Fuco Buxán en colaboración da ONG ACSUR – Las Segovias, e a Galería Sargadelos – Ferrol.

En español

A nova Radio Galega e dous libros

Logo CRTVG Hai un tempo que quero escribir unhas liñas sobre os cambio acontecidos na Radio Galega, tras o cambio de goberno na Xunta de Galicia.

Eu son un oínte de radio, gústame a radio. Quizais sexa que como só tes que escoitar non hai outras cousas que che distraen e permite que a comunión co que escoitas sexa maior. De feito é moito máis difícil enganar a un oínte que a un tele espectador.

Vinculéime hai anos á Radio Nacional de España porque de aquela, era, e con diferenza a que mellores programas tiñan. Pero, nesto chegou Aznar e aquelo xa non era o que era, e houbo que cambiar. A Radio Galega, tampouco, xa que o dominio Fraga convertía a esta nun recuncho estreito de “folclóricas galegas” mal entendidas, paseime á SER, pero, aínda que sendo unha boa radio tamén ten os seus defectos, a pretensión de tutelar ao Partido Socialista, por exemplo. Ademais, agora sinte moito a marcha de Iñaki Gabilondo a Cuatro.

Houbo un momento que ía facendo zapping. Pasando dun dial a outro, dun programa a outro. Quedábame a Radio Clásica, os programas da UNED – que acabaron recluíndoa na fin de semana pola mañá, unha mágoa-, o “Lume na Palleira” e os informativos estatais da SER ou os locais de Radio Voz ou Cadena Dial. En fin, moito aburrimento. Nunca houbo tanta liberdade de empresa, e tan pouca liberdade de información.

Volvendo á Radio Galega, que salvándose, xa digo “Lume na Palleira” e os enormes esforzos do “Diario Cultural” para facer cultura sen colisionar co poder fraguista; non había por onde collela. Mais, o cambio de goberno trouxo na Galega, cambio profundos que no caso da Radio, non sei que pasa coa TVG, que supoño que será máis difícil, aínda que só sexa polo tipo de espectador medio galego, o certo é que está irrecoñecible.

Agora, probablemente, sexa unha das mellores radios que hai en España. Estamos a vivir unha etapa de creatividade radiofónica galega sen precedentes. A “Lume na Palleira”, sumouse outros programas como a “Lanterna Máxica” (e mira que é difícil facer un programa de cine cos tráilers en castelán), sobre a inmigración en Galicia coa “Vía Libre” dos venres pola noite, o “Plis Plas” (recoñezo que sigo a ser un neno), ademais, tiveron a xenial idea de engadir o “Preescolar na Casa”, “Aberto por Reformas”, as “Qimbambas”, e o meu preferido o “Extrarradio”.

Estamos ante una nova Radio Galega, que recolle toda a creatividade cultural e social do noso país, que está a no camiño de aqueles programas históricos da RNE e Radio 3. Unha Radio de calidade, feita desde aquí, e agora si, para o Mundo.

Parabéns a nova Radio Galega.

Por último permítome recomendarvos dous libros. Un é o de Xosé Luís Barreiro Rivas, “A terra quere pobo” (Editorial Galaxia); e o outro é de Umberto Cerroni, “El pensamiento de Marx” (Ediciones del Serbal).

A terra quere pobo“, é un ensaio que partindo da realidade actual galega busca respostas de cara á Galicia que temos que construír neste mundo globalizado. Que ninguén se deixe levar polos prexuízos, Barreiro será un señor procedente de AP, que hoxe está no nacionalismo galego de centro, pero é un dos mellores analistas actuais e con capacidade de facer propostas de país que, coas matizacións que se queiran, poderían ser asumidas polo conxunto da sociedade. Sobre todo nun país onde os nosos políticos están orfos de ideas e limítanse á xestión do existente e pouco máis.

“El pensamiento de Marx”, distribuído en España pola Fundación Federico Engels, é unha introducción ao marxismo, sen aditivos. Que reflicte a actualidade do marxismo na necesidade de construír ese mundo novo que é posible. A crítica á precariedade laboral, a necesidade de afortalar o sistema democrático e as organizacións de esquerda, a crítica ao neoliberalismo que está a levar á Terra ao borde do colapso, a defensa radical da liberdade, a emancipación do ser humano.