A Asociación Cultural Fuco Buxán acaba de editalo libro “I. Díaz Pardo. Homenaxe Galega”. O principal obxectivo desta obra, compilada por Rosa Méndez, é profundizar no coñecemento da traxectoria de Isaac nas súas múltiples vertentes: artista, industrial, escritor e galeguista comprometido con Galicia e a súa cultura dende os seus tempos de adolescencia.
Consta de 260 páxinas e cerca de 100 ilustracións e fotografías relativas a Isaac e a súa obra, e recolle as intervencións dos participantes nas Mesas Redondas, do 9 e 23 deste mes febreiro, na Fundación Caixa Galicia: Camilo Díaz, Manuel Aznar, Xosé Neira Vilas, Euloxio Ruibal, Fernando Salgado, Fermín Bouza e Andrés Varela;
E as composicións que recitarán, o 2 de Marzo, no Acto Central da Homenaxe Galega no Teatro Jofre, os poetas: Eva Veiga, Xosé Leira, Jose Viale Moutinho e Rosa Méndez
O libro está prologado por Fuco Buxán, a Conselleira de Cultura Ánxela Bugallo e Presidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño. A presentación oficial deste libro terá lugar na Cea-Homenaxe que se celebrará ó remate do Acto Central, o 2 de Marzo, entregándose un exemplar, como agasallo, a cadaún dos asistentes.
A fin de acadar unha difusión o máis amplia posible, da personalidade e obra do homenaxeado, unha boa parte da edición irá destinada a Bibliotecas, Asociacións e Entidades onde poda estar a disposición de tódalas persoas interesadas. Aquí no enlace podedes acceder á edición en pdf.
A esta Homenaxe a Díaz Pardo, no acto central a celebrar o venres 2 de marzo no Teatro Jofre, sumarase o seu amigo Santiago Carrillo. Este último o día antes – xoves 1 de marzo estará en Fene, na Casa da Cultura ás 20 horas – nun acto conxunto con Iván Puentes, secretario comarcal do PSOE e candidato socialista nesta localidade onde se ubica Astano.
Finalmente, Santiago Carrillo non estará en Ferrol. Nin no acto do Teatro Jofre, nin o día anterior na conferencia organizada pola Agrupación Socialista de Fene e Iván Puentes.
Santiago ten un proceso gripal, que con 91 anos impídelle poder achegarse nestas datas a Ferrolterra. Unha mágoa.
Esperemos velo pronto por aquí. Déixovos en todo caso o enlace ao anuncio publicado na prensa local coa presenza de Carrillo en Fene.
Unha aperta Santiago.