USA e o SPD

A exportación da tortura a países do leste europeo por parte da CIA amosa claramente o retroceso nas liberdades cidadás e no respecto aos dereitos humanos.
Aínda ca maioría dos países de Europa oriental rexeitaron a súa colaboración na existencia de cárceres secretas (todo apunta, segundo os medios de comunicación, á pro norteamericana Polonia), a noticia crea unha grave crise no conxunto da Unión Europea.
O noso continente non pode permitir baixo ningún concepto a vulneración dos dereitos básicos das persoas. En todo caso, tras o apoio de Blair e Aznar á ocupación de Iraq, este suceso non sería máis que o desenvolvemento lóxico de mirar para outro lado.
Non é estraño que os EEUU rexeiten estar baixo a xurisdición do Tribunais Internacionais. O avance da democracia e dos dereitos humanos esixe a retirada das forzas anglo – norteamericanas de Iraq.
Outro paso importante sería poñer a todos os exércitos da OTAN baixo mandato de Nacións Unidas e baixo a xurisdición do Tribunal Penal Internacional.

Volvendo á crise do SPD, non acabo de entender a súa teima de gobernar coa CDU. Europa non pode optar, neste mundo global, por ser un gran polo económico que compita cos EEUU, China, India… esnaquizando o estado de benestar. A redución do nivel de vida, a precariedade no emprego, o debilitamento dos dereitos sindicais, son unha forma de atacar á democracia. Unha democracia de baixo perfil é a morte da Europa das liberdades.
Alemaña é fundamental como corazón da vella Europa. Unha volta ás orixes do SPD é imprescindible, sobre todo, porque hai unha maioría de progreso. En calquera caso, a elección dunha nova dirección ao fronte do partido debería servir para abrir as portas á esperanza. As súas fraquezas fan crecer o papel de Lafontaine, convertido, sen dúbida, no líder da nova esquerda no seu país. Máis, a unidade das forzas de progreso (SPD, Verdes, Wasg – PDS) sería a mellor garantía para os alemáns, e para o conxunto de Europa.
Outra Alemaña e outra Europa son posibles.

España Racista

Hoxe vin na televisión a volta aos seus países dos subsaharianos desde Marrocos. Ao subir ao avión un deles dixo: ¡España Racista!
E a verdade que ten razón. O PP dun xeito irresponsable ao principio pedía explicacións a Zapatero e insultaba a Marrocos. Unha vez que as autoridades marroquís actuaron con man dura, pretendían poñerse ao fronte da pancarta na defensa dos dereitos humanos. ¡Hipócritas!
A verdade que como militante socialista non me gustou a actuación do Goberno de España. Ten que haber outra forma de face-las cousas, sen estar acosado por esta dereita irresponsable, xenófoba e racista. Ademais, guste ou non, a xente ten dereito a escoller onde quere vivir.
Preocúpame que estamos cambiando. Somos xa un país racista. Nunha web dun medio galego o 75% dos encuestados estaban a favor da expulsión dos inmigrantes. Non vaia a ser que o medo á “invasión” nos converta en fascistas.
Esquecemos que nós tamén fumos inmigrantes. E na nosa Constitución falamos, no preámbulo e no título primeiro, da paz, da colaboración entre os pobos e dos dereitos humanos.
Ademais, qué autoridade ten Europa para dicirlle non aos africanos. A situación de guerra e fame en África é herdeira do colonialismo dos séculos XIX e XX. Acaso, non son os grandes grupos financeiros os responsables do que acontece, todo para roubarlles as súas riquezas.
A Conferencia proposta por Zapatero ten que ser xa e ter solucións pronto, e apostar decididamente polo desenvolvemento destes países. Non hai nada que valga tanto como unha vida humana.
Santiago Carrillo no seu libro “La Gran Transición” (Editorial Planeta) fala de que hoxe veñen pacificamente, pero mañá poden vir en son de guerra. Recomendo a súa lectura.
A fame e a humillación transformadas en odio dos subsaharianos, como hoxe pudimos ver na televisión, é a semente que pode frutificar a medio prazo (lembrade a Al Qaeda). A globalización neoliberal pode acabar creando unha gran fosa para todos.
Outra Europa, e outra África ten que ser posible.

Á marxe: o meu recoñecemento a Eduardo Haro Tecglen.

Oskar Lafontaine

Acaba de celebrarse as eleccións na Alemaña e resúltame curioso ver como a prensa reflicte este acontecimento.
En primeiro lugar hai unha derrota en toda regla da dereita e un claro triunfo da esquerda plural. Tamén supón un serio toque de atención ao SPD, a súa política de recorte social é rexeitado por unha parte fundamental do máis activo da sociedade alemana.
Se nos anos 90 o SPD sufría a perda dos sectores liberais de esquerda que hoxe están representados polo Partido Ecoloxista, agora, a súa supeditación ás recetas neoliberais que se preconizan desde os poderes económicos das multinacionais, trae consigo o nacemento dunha nova formación, a nova esquerda de Oskar Lafontaine.
Que o que fóra presidente do SPD e ministro de economía, encabece unha nova formación política debería facer reflexionar á socialdemocracia alemana. Deberan entender que hai outra política posible, outra política que defenda o Estado de Benestar e a profundización da democracia.
En calquera caso, fronte aqueles que falan dunha gran coalición de centro dereita (CDU – SPD), o máis acertado sería buscar formas de entendemento do conxunto da esquerda.
Buscar un goberno que nucleado polo SPD, en coalición cos ecoloxistas, tamén recibira, cando menos nas cuestión sociais, o apoio do grupo de Lafontaine.
É dicir, un goberno de progreso que vaia desde o centro socialdemócrata do SPD, a esquerda liberal do Partido Ecoloxista, xunto coa esquerda socialdemócrata e poscomunista encabezada por Lafontaine e Gysi.

Santiago Carrillo e Mario Soares, xuntos en Ferrol

O 9 de setembro a Asociación Fuco Buxán celebrará un acto público de homenaxe a Santiago Carrillo. Xunto coa poesía e a música galega haberá intervencións do mundo sindical, social e político. O acto conta coa colaboración de diversos Concellos da comarca de Ferrolterra, a Fundación 10 de Marzo, e a adhesión de múltiples entidades e personalidades, tanto de Galicia coma de fóra.
Así mesmo, intervirá un amigo persoal de Santiago, Mario Soares, expresidente socialista de Portugal.
Esta é unha homenaxe que se foi atrasando desde principios de ano. Santiago é socio de honra da Asociación Fuco Buxán desde novembro de 2003. A súa contribución á consolidación democrática en España, ás ideas da esquerda e a defensa dos traballadores fan deste un acto sentido.

Morrer en Afganistán

Hoxe son os funerais de estado en honra aos dezasete soldados españois mortos en Afganistán. Dez deles galegos, e Isaac ferrolán. O meu recordo para as víctimas, do que parece se confirmar coma un accidente, e a miña solidariedade para as súas familias.
As diferencias da actual xestión gobernamental con feitos pasados, deixan claro que sempre se poden face-las cousas de xeito cas familias, cando menos, se sintan respeitadas, ao igual que os seus seres queridos.
Pobre papel o que está a face-lo PP. É un erro utilizar politicamente o sucedido. Pretender con esto provocar unha forte crítica contra Zapatero, pode traerlles outras consecuencias políticas non desexables á dereita.
Todos sabemos que aumentou a nosa presenza en Afganistán como “compensación” pola saída de Iraq. Son consciente que iso da “Misión de Paz para axudar a consolida-la democracia”, é un eufemismo. En Afganistán non hai bases económicas, nin sociais para un réxime democrático. Porén, é un territorio estratéxico, a medio camiño de Rusia, Irán, India e China, fortes potencias rexionais chamadas a desenvolver un papel no mundo que poden acota-lo poder americano.
Agora, o primeiro interese de Bush é garantir as conduccións do petróleo das repúblicas musulmáns postsoviéticas cara aos peiraos de Pakistán.
Evidentemente, non podemos provocar impunemente aos EEUU. Mais, deberíamos ir vendo de que xeito, máis pronto que tarde, traemos ás nosas tropas.
Un apunte. Este é un país democrático. Non ten sentido un oficio católico como o previsto para hoxe. De feito, é contrario ao sentir da Constitución. Debería ser un acto laico de recoñecemento ás víctimas e ás familias.