Avatar de Descoñecido

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Menos turistas?

Á espera de como vaia o mes de agosto, todo indica que levamos un par de anos sen esa invasión do turismo de masas, que parecía unha marea que ía expulsar á poboación da nosa cidade. Xa non se ven eses feixes de foráneos, “madrileños” na xerga galega, que tanto molestaban e nada aportaban a Ferrol, nin tampouco á hostalaría local.

Non dubido, tampouco, das cifras oficiais sobre o crecemento do Camiño Inglés, pero tamén todos entendemos que están de paso e usando os albergues habilitados, a meirande parte deles.

É certo que oímos con moita frecuencia outros idiomas, de xeito especial polo centro da cidade, pero dá sensación que son sectores de clase media que poden teletraballar desde calquera punto do mundo, ou ben xente que pasa longas tempadas na cidade, pero que ou son xubilados ou pouco fáltalles para esa nosa etapa.

De algún xeito, volvemos a transitar polas nosas prazas, sen a asfixia humana da saída da pandemia do Covid-19. É de supoñer que os aforros que supuxo tanto pechamento nesas datas, xa hai tempo que está esgotado. Iso si, na nosa comarca os prezos foron crecendo de maneira exponencial, como no conxunto do país. Seguro, que isto obriga a unha parte da xente a facer números.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-08-06/menos-turistas-872183.html

Somos galegos

En dous momentos, por separado, tiven a mesma conversa con Miguel Toval de Edicións Embora e Quique Alvarellos de Alvarellos Editora. Con eles o meu aserto ía sobre a nula relación entre o mundo do libro portugués e o galego, das dificultades para atopar os libros editados ao sur do Miño nas librarías galegas e da nula presencia das autoras e autores galegos en Portugal. Sendo isto algo extraordinario, podemos atopar algunha cousa de Rosalía.

A nosa historia, o devir da nosa cultura e da nosa lingua só pode ser explicada en íntima relación co desenvolvemento que deu lugar ao nacemento separado de Portugal. O certo é que, a relación coa lingua portuguesa, ao galego vaille moi ben. Os tempos son chegados, e non hai nada como a verdade e saber do erro de non asumir, na Transición democrática, a “valentía” da normativa de Carvalho Calero.

Agora, que os partidos con representación no Parlamento de Galicia – esperemos que tamén o BNG se sume – están a debater un novo acordo a prol da lingua galega, deberan co seu apoio e da propia Xunta de Galicia apostar por unha relación fluída, hoxe inexistente, entre o mercado do libro galego e portugués. Dicía Castelao que somos galegos por mor do idioma.

Xente

Olla a rúa de atrás. Olla o chan e o mar. Oe o son do andar. Xente que namora a xente. Xente diferente, divertida, distendida. Xente que comprende, que sorprende. Xente. Estes son versos da canción de Berrogüetto que se pode escoitar na voz de Guadi Galego. Teño que confesarlles que fai vinte anos merquei o CD e desde aquela forma parte de min.

Hai unha relación especial entre todas as variantes da arte, das e dos artistas cos seus seguidores. Cando un grupo musical, como neste caso, logra que unha persoa faga súa as achegas deles, establécese unha “apropiación colectiva moral”. De algún xeito se – por exemplo – a canción “Xente” forma parte da banda musical de quen a escoita, tamén pasa a ser parte do seu “patrimonio inmaterial”.

Mais, tiven un tempo de desapego cando Berrogüetto deixou que un partido puidera usar esta mesma canción para a súa campaña electoral. De algún xeito sentiume roubado, ninguén me pedira un permiso que eu nunca daría para iso. Vaia por diante que si creo que os artistas deben ter compromiso social, pero se andas nesas lides, debes facer algo ex professo. Tiven que dar tempo ao tempo e, agora si, podo volver a escoitar “Xente” como algo propio e íntimo. Grazas Berrogüetto.

Cántico de Salomón

Hai moitas versións do “Cântico dos cânticos” en todos os textos xudeu-cristiáns, que se poidan citar: o Tanaj, a Biblia de Xerusalén, a Biblia evanxélica, a galega. Pero, a versión da poetisa Eugénia de Vasconcellos, publicado pola editorial lisboeta “Guerra e Paz”, cunha presentación de Bessa-Luís, ten como virtude precisamente ser publicada á marxe de aqueles textos relixiosos.

O Shir Hashirim – Cántico ou Cantar dos Cantares – non ten encaixe fácil por ser un poemario que amosa, sen andar ás agachadas, o amor humano e o desexo carnal. Darlle un aspecto divino, do suposto amor de Deus (cando nin o cita) polo seu pobo, son interpretacións que chocan con eses 117 versículos, que son máis para unha festividade específica de aquel ámbito cultural do Mediterráneo oriental.

O Cántico atribuído a Salomón sofre as mesmas influencias que moitos dos textos do Antigo Testamento que, no seu conxunto, parecen querer dar lexitimidade a unhas costumes elevadas a leis e a unhas liñaxes reais que necesitan dicir que son herdeiros directos de Deus.

En calquera caso, collan a versión portuguesa ou de calquera Biblia que teñan a man e aproveiten para ler un poemario que xa supera moitos séculos de vida.

https://www.e-cultura.pt/artigo/28420

Pedrayo e o profeta Daniel

Ando a ollar a edición de Patricia Arias Chachero, “Ramón Otero Pedrayo: A miña amizade con Castelao e outros escritos”, Editorial Galaxia 2026. Un novo libro que reúne publicacións dispersas feitas ao longo de toda a súa vida, que contextualiza a sólida amizade deste con Daniel Rodríguez Castelao. Fronte aos falsos prexuízos de moitas décadas, esta recompilación abre as portas a unha nova e máis axeitada lectura, sobre dúas persoas, que tiveron un papel esencial na historia e na resistencia democrática do noso país.

Otero, levado polo seu recoñecemento a Castelao, identificaba e este co Profeta Daniel da Catedral compostelá. É de supoñer por ser dos poucos que ri no Pórtico da Gloria. Sabemos que a risa está asociada á mocidade e á creatividade, que Don Ramón consideraba a Castelao un gran artista e intelectual, ao mesmo nivel dos seus contemporáneos europeos.

Con este traballo Patricia Arias axuda a rachar estereotipos dun Don Ramón “tan de dereitas”, que pretendían poñelo de costas a un Castelao que foi ministro de España, e a un Partido Galeguista que anos antes acordou participar na Fronte Popular ou que fixo de Galaxia o principal foco de resistencia do galeguismo político – cultural.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-07-11/pedrayo-e-o-profeta-daniel-867280.html

https://editorialgalaxia.gal/wp-content/uploads/2026/04/A-mina-amizade-con-Castelao.jpg