Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

O diario do centro do mundo

Vinte e cinco anos compartindo un mesmo camiño. Xuntos o Diario de Ferrol e as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Expresando un xeito de vivir e unha concepción do mundo. Rompendo silencios que pretendían frear o desenvolvemento da nosa sociedade. A terra da Ilustración, das e dos traballadores de marzo, a terra de todos os acentos e de todas as cores. Este territorio feito de aceiro líquido, auga e barcos.

O Diario de Ferrol suma varios ingredientes que faino diferente: darlle voz á opinión pública das nosas comarcas e o dereito a vivir dignamente na nosa terra. Opinión pública e dereito á cidade. Rompe censuras e o discurso hexemónico de aqueles que din que estamos na fin da historia e que, polo tanto, tanto ten e pretenden impoñer a apatía. Pero, fronte a isto: alegría! Si, alegría porque participamos nesta festa popular que é o aniversario do noso xornal local.

Acusarannos de ter pensamentos perigosos. Xa saben que non temos medo en construír ese outro relato que fala de traballo, dignidade, esforzo, causa común, presente e futuro. A alegría crea comunidade. Unidade e avance. Por iso ter voz propia é perigosa. Este xornal local serve para conformar un sentir xeral contra a tiranía do conformismo e da ignorancia. Un periódico como o Diario de Ferrol é unha aposta contra a uniformidade que impón a globalización, que en nada respecta as identidades propias e alleas.

Somos palabras, somos xornal, soños, metas por alcanzar. O Diario de Ferrol leva vinte e cinco anos sendo o alter ego das nosas comarcas. O orballo que empapa, un poder civil que deixa ben claro que existimos e temos obxectivos como sociedade. Fronte á intemperie, no amor e no desamor. O Diario é a proa do noso sentir colectivo. Desta terra e deste tempo. Os tempos son chegados. Diario de Ferrol, vinte e cinco anos de militancia por esta terra infinita, no centro do mundo. Parabéns!

https://www.diariodeferrol.com/articulo/25-aniversario/25-aniversario-diario-do-centro-do-mundo-4883987

Especial 25 Aniversario- Diario de Ferrol – Domingo 2 de xuño 2024.

Amar Ferrol

A cidadanía. Si, tendemos a falar das e dos veciños como se fóramos un só corpo. Como se tiveramos unha vontade única, pero o asunto é saber se cando menos existe algunha, alén de irmos resolvendo o noso día a día, sen comprometernos.

Talvez, a querenza pola cidade quede supeditada á saudade que algunhas persoas poidan ter. Pódese amar un territorio, unha rúa ou unha praza? Xaora, é produto dese romanticismo que agroma en nós, ao menor dos nosos descoidos. Seguramente, para eludir a falta de respostas ante o sentido e os avatares da vida. Así, cada certo tempo pretendemos crer que a cidade soñada xa vén. Que deus cumpre a súa promesa de darnos a terra prometida. Mais, que mudou neste último ano en Ferrol? Os argumentos que nos den só serven para convencer a unha exigua parroquia.

Na recente presentación da Axenda 2030, na sala Carlos III do Museo Naval, o alcalde falaba da peonalización da Magdalena. Houbo quen – na parte participativa dixital – expuxo o seu rechazo á mesma. Eu creo que si, haberá. Pero, non para mellorar a vida das persoas e do comercio local. Senón, para os pisos turísticos que converterán o centro de Ferrol nun parque temático, expulsándonos. Xentrificación chámase.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/amar-ferrol-4848077

Deitado fronte ao mar

Hai uns dous anos, tiven a sorte de ser invitado a presentar o meu segundo poemario na Biblioteca Municipal de Miño. Alí atopeime como en casa e, quizais por iso, sen pudor faleilles de que a mellor forma de ler poesía era pensar que cada poema non é máis que unha posible candidata a letra de canción. Eu era plenamente consciente de que esta “confesión” para moitos é un anatema.

Ser “poeta” é algo recoñecido socialmente, mais o oficio de “letrista” é unha “arte menor” que nin sequera chega a ter categoría. Talvez non sexa máis que unha falsa controversia. Na música que eu gardo están poemas musicados de xente como Celso Emilio Ferreiro. O “Deitado fronte o mar” é un poema que defende a lingua galega e, tamén, aos desherdados deste país.

Se rascamos un pouco veremos que a poeta máis cantada polos nosos músicos é Rosalía. Así como todos aqueles poetas de relevancia para a nosa cultura. Quizais, sexa porque eles teñan interiorizado melodías. Mais, para os galegos a escrita, e a poesía en primeiro lugar, é un xeito efectivo de compromiso militante, apostar pola transformación social e volvendo a Celso Emilio, para saber que nunca debemos perder o norte na procura da felicidade das persoas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/deitado-fronte-ao-mar-4839822

Ler en voz alta

Escoitei a Ramón Loureiro que O Quixote de Cervantes era un libro para ler en voz alta. Seguramente, polos poucos exemplares que debían circular nesa época e polas poucas persoas que tiñan o privilexio de saber.

Xurxo Souto citando a Irene Vallejo conta que ler no pasado non era algo mudo, como acontece case sempre hoxe. Que nos tempos antigos considerábase que ler en voz alta encerraba un feitizo inquietante. Os gregos e os romanos crían que o texto escrito necesitaba apropiarse dunha voz para alcanzar a plenitude, que se sufría unha posesión espiritual e vocal. Que a lectura en voz alta exercía unha posesión sobre o lector que superaba o espazo e o tempo. Un acto promiscuo que podía acabar en vicio se non se facía con moderación.

Talvez por iso o primeiro libro impreso sexa a Biblia de Gutenberg. Desde aquela todos os libros tiveron a deus, omnipresente en cada liña, e a Igrexa foi a institución encargada de transmitir a cultura baixo a doutrina da fe. Isto foi así até que fronte á teoloxía, unha arte puxo ao ser humano por diante: a poesía.

Estes días celebramos a nosa cultura na nosa lingua. Celebramos a escrita, a poesía e – como ben sabía Luísa Villalta – a música. O feitizo pola vida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ler-voz-alta-4832633

Anxo Rajó escritor

Permítanme que hoxe comparta con vostedes a miña alegría, porque un bon amigo como Anxo Rajó -profesor, escritor e filólogo- vén de publicar un novo libro, baixo o patrocinio da editorial Ir Indo. Unha biografía destinada ao profesorado e ao alumnado sobre Luísa Villalta, da que nestes días a cultura galega está a festexar a súa obra literaria.

Sendo ela, ademais, unha persoa vinculada á cidade de Ferrol polo seu paso como profesora do Instituto de Canido hai xa bastantes anos. O amigo Anxo fala da relación de Luísa coa poesía e coa música, pero tamén dos seus vínculos cunha entidade senlleira como é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Do seu feminismo e compromiso social. De amigos como Fernán-Vello, Pepe Cáccamo ou Carlos López.

Mais, non vou ser eu que pretenda falarlles de Villalta. Pero, si, de Anxo Rajó. Activista da cultura galega, estreitamente vinculado aos premios da crítica, con traballos moi importantes de personaxes como a súa compañeira de estudios Xela Arias ou patriarcas como Otero Pedrayo ou Francisco Fernández del Riego. Non lles minto: hoxe escribo cun interese persoal, porque sempre hai que celebrar os éxitos dos amigos. Por iso esta columna é para Anxo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/anxo-rajo-escritor-4825005