Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

ONG Lena

Permítanme empezar o ano cunha reflexión arredor da idea de solidariedade, agora que a crise neoliberal está a piques de acabar con todo e porque a idea mesma estase a desvirtuar.

O vemos claramente en Ferrol, onde o actual goberno do PP está a asignar convenios e repartir subvencións a entidades cuxo primeiro obxectivo normalmente é o que eles chaman a “Evanxelización”; ou sexa o adoutrinamento relixioso ou a alienación social. Aí está a polémica coa chamada “Red Madre”, vinculada aos sectores integristas do nacional – catolicismo e ao chamado “Tea Party español”.

En contraste, hai pouco o Pazo da Cultura de Narón acolleu o VII Festival da ONG Lena. Unha entidade que para poder exercer a verdadeira solidariedade cumpre co primeiro requisito: ser laica. É dicir, non busca adoutrinamentos relixiosos, nin lle interesa saber a filiación política, nin o modelo de familia dos beneficiados… Neste caso, teñen como sinal de identidade o axudar ás xentes de Lençois en Bahía (Brasil), cando por outra banda a crise serve de escusa para retirar o apoio a verdadeiros proxectos de cooperación e desenvolvemento.

Precisamente, este último modelo de ONG é o que debera ser imitado; Lena si é solidariedade. O outro é vicario do vello concepto de “caridade”, que exercen os promotores das diferenzas sociais deixando como esmola o que lles sobra, para despois pasar a factura correspondente da submisión.

Enlace a Diario de Ferrol

Autocrítica

Por momentos parecen despertar os socialistas. Mais os responsables da derrota seguen empeñados en non darse por aludidos; estanse a presentar como promotores da necesaria renovación. Non teñen asumido que, se ben o PP si ten teito electoral, os socialistas xa non teñen chan. A partir de agora xa non vale con esperar a que o Gürtel e as mobilizacións cidadáns leven novas augas ao vello muíño.

Deben facer propósito de enmenda, pedir perdón por non querer pelexar contra a dereita, por asumir as políticas neoliberais do dúo Merkozy e dicir que estas eran imprescindibles, por facer da política unha profesión. Moitos están tan cómodos, que prefiren estar na oposición que en levantar unha alternativa crible contra a dereita, especialmente, porque agora teñen que render contas.

Para recuperar a credibilidade necesítase elaborar un novo discurso, transparencia e recuperar o partido militante e a moitos dos que xa marcharon. Para recuperar credibilidade deberán facer sacrificios persoais, asumir que os novos tempos necesitan novas voces.

E hai que empezar dende a base. Por iso, son tan importantes asembleas como a de mañá a celebrar pola Agrupación Socialista de Ferrol. Os militantes deben tomar a palabra, deben apostar por unha nova alternativa que os reconcilie cos traballadores e con Ferrol. O novo discurso do socialismo ferrolán pasa por outra práctica e superar as poses mediáticas.

Enlace a Diario de Ferrol.

A construción dunha esquerda nova tras o 20N

A xestión da crise e as renuncias do Partido Socialista en favor do neoliberalismo (reforma constitucional, laboral, das pensións…) abriron un novo ciclo de hexemonía da dereita, non vista probablemente dende a ditadura franquista. Mais agora, a derrota do movemento obreiro e da esquerda tradicional vén dada pola non comparecencia no campo de batalla dos seus dirixentes; só o movemento plural, aínda confuso do 15M e os tres millóns de afiliados dos sindicatos, quedan fronte á hexemonía conservadora.

Nos anos noventa Adam Schaff(1)afirmaba que o xiro ao liberalismo dos socialdemócratas traía consigo que os antigos comunistas ocuparan o espazo ideolóxico dos anteriores. Evidentemente, a responsabilidade da socialdemocracia oficial do PSOE é fundamental; pero tamén a falta de alternativa tanto do nacionalismo galego como dos sucesores do PC vén dada porque substancialmente defenden o mesmo modelo, e porque ás súas prácticas políticas son de feito intercambiables. É dicir, fáltalles programa e acción reais na sociedade. Isto explica o rexeitamento da inmensa maioría da poboación, a forza do “todos son iguais” e do “non nos representan”.

A falta de conexión directa cos partidos de esquerda do movemento plural representado polo 15M, xunto a que o triunfo do PP vén dado pola desafección dos traballadores e das clases medias polas listas electorais das esquerdas tradicionais, abre unha etapa inmediata de deslexitimación do parlamentarismo e do actual sistema de partidos. Nun momento onde o PP fala dunha “nova transición histórica” co pretexto de romper os consensos constitucionais e pechar o ciclo político que naceu co Referendo de 1978. Unha dereita coas raíces nunha Alianza Popular que recollía a sectores do tardo franquismo, que se viron na obriga de sumarse á democracia se non querían ser laminados. Agora, coa crise das esquerdas e de sociedade que padecemos, permítelles apostar por un sistema onde a maioría da poboación non se sinta representada (abocándoa á auto-marxinación política), e avogando por un réxime “censitario” similar ao do século XIX.

Dende o socialismo oficial non entenderon que a renuncia a intervir politicamente na economía, a falta dun poder certo dos traballadores – a súa verdadeira base social – e dos seus sindicatos na xestión directa das empresas, impide o desenvolvemento dunha democracia real. O traballo segue a ser o eixo central da nosa sociedade, e se se desenvolve en condicións abusivas en favor da patronal, a democracia é imposible; incluso políticas sectoriais como a conciliación da vida familiar ou de igualdade de xénero caen, xa que non teñen base de apoio. E aí están as propostas da CEOE a prol dunha auténtica ditadura do capital. Volveremos ás mobilizacións polos dereitos de folga, manifestación e opinión, xunto coas actuais provocadas pola avaricia dos financeiros? Seguir lendo

Cores escuras

O alcalde Rey Varela vive un momento doce coa súa maioría absoluta reforzada; e co apoio do presidente Feijóo acaba de chegar á presidencia da Fegamp, evidenciando a pretensión de converterse en referente da dereita galega.

Mais, o seu mandato empeza a tinxirse de cores escuras. O recente acto de celebración da Constitución, así como a actuación do seu concelleiro de participación cidadá, están a amosar as incapacidades dos conservadores ferroláns para facer do Concello a casa de todos os seus administrados.

Confundir a maioría absoluta coas formas absolutistas é unha grave erro xenético da nosa dereita patria. Por moi maioritario que sexa un Partido, debe saber que o respecto aos outros forma parte da esencia democrática. E pola contra, pretender instrumentalizar un acto institucional de todos, ou tocar corneta para que os seus militantes vaian a axudar a abortar un encontro veciñal, e así trastocar o concepto democrático de participación, son erros de quen confunde a presente democracia con aquela outra orgánica do réxime franquista.

O PP local estalle declarando a guerra a aqueles que teñen outro modelo social e de cidade? Teñen maioría no Concello, pero senón hai unha rectificación no camiño emprendido polo actual equipo municipal, atoparanse cunha crecente contestación social. Dicía Maquiavelo que a exhibición inxustificada do poder acompaña o rexeitamento e sedición dos gobernados.

Ver en Diario de Ferrol