Por momentos parecen despertar os socialistas. Mais os responsables da derrota seguen empeñados en non darse por aludidos; estanse a presentar como promotores da necesaria renovación. Non teñen asumido que, se ben o PP si ten teito electoral, os socialistas xa non teñen chan. A partir de agora xa non vale con esperar a que o Gürtel e as mobilizacións cidadáns leven novas augas ao vello muíño.
Deben facer propósito de enmenda, pedir perdón por non querer pelexar contra a dereita, por asumir as políticas neoliberais do dúo Merkozy e dicir que estas eran imprescindibles, por facer da política unha profesión. Moitos están tan cómodos, que prefiren estar na oposición que en levantar unha alternativa crible contra a dereita, especialmente, porque agora teñen que render contas.
Para recuperar a credibilidade necesítase elaborar un novo discurso, transparencia e recuperar o partido militante e a moitos dos que xa marcharon. Para recuperar credibilidade deberán facer sacrificios persoais, asumir que os novos tempos necesitan novas voces.
E hai que empezar dende a base. Por iso, son tan importantes asembleas como a de mañá a celebrar pola Agrupación Socialista de Ferrol. Os militantes deben tomar a palabra, deben apostar por unha nova alternativa que os reconcilie cos traballadores e con Ferrol. O novo discurso do socialismo ferrolán pasa por outra práctica e superar as poses mediáticas.
Enlace a Diario de Ferrol.