A media tarde o Comité Cidadán de Emerxencia emitía a súa nota oficial, condenando a agresión que onte, sufriron os veciños da Pedreira e Meá. Como xa sabedes houbo algún descerebrado que fixo estoupar un artefacto no aparcadoiro da Escola de Novás, onde se reúnen habitualmente a Plataforma veciñal contraria á ubicación da planta de gas de Reganosa. O estoupido afectou a dúas vivendas causando diversos danos.
A miña solidariedade cos afectados/as e os compañeiros/as da Plataforma mugardesa.
Resulta cando menos curioso que algúns medios falen deste feito como se fose unha protesta contra Reganosa, cando os seus tanques están a uns 600 metros de distancia, e fose tan só a uns metros da entrada do local onde se reúnen en Mugardos as persoas que loitan contra esa tolemia, e que supón instalar dentro da ría de Ferrol a planta de gas, incumprindo as leis vixentes.
O Delegado do Goberno deixaba a porta aberta á autoría desta agresión. Pero, non teño dúbida que os autores da mesma buscan asustar aos veciños. Non ten sentido adosar un artefacto explosivo a unhas vivendas para protestar contra unha instalación que está moito máis alá, a 600 metros. As autoridades están emprazadas para dar pronto cos responsables desta tropelía e entregalos á Xustiza.
Hai anos que aqueles que son contrarios a Reganosa sofren todo tipo de presións, especialmente a xente máis coherente que como Luz Marina leva desde a fundación do Comité, hai xa oito anos. Meu cariño especial e recoñecemento para esta amiga, que é xa un símbolo popular desta loita democrática. Polo que parece, hai algún tolo que quere dar un toque de atención aos amigos e membros do Comité Cidadán de Emerxencia.
A mellor resposta é participar na manifestación deste domingo contra Reganosa, que como sabedes sae ás 12 do mediodía do Porto de Ferrol. En solidariedade cos afectados, coa Plataforma de Meá, con todas as entidades que participan no Comité.
¡Reganosa fóra da ría de Ferrol!
Nota posterior: a manifestación de hoxe domingo, un gran éxito do conxunto da cidadanía e das asociacións participantes. Ler máis.