Todo é mentira?

As persoas que me coñecen saben que non son eu, precisamente, un fan de todas estas novas tecnoloxías e aplicacións que se poden descargar – din que “de balde” – no teléfono móbil. Observo a enorme adición que temos con el, que xa está presente en calquera momento e lugar. As boas formas e a educación están a quedar a un lado. Pero, o único que provoca este situación é que vivimos de xeito máis axitado e, curiosamente, tenos illados e para nada comunicados.

Estes días ensináronme unha nova aplicación diso que chaman “intelixencia artificial”. Tras tirar unha simple foto, a “ia” da que falo a transformaba nun vídeo con movemento e poñía á persoa en cuestión a falar nun idioma estranxeiro.

Non dubido que hai enormes posibilidades para estas novas “intelixencias” (como as que se aplican na medicina), mais os perigos son evidentes. Se hai denuncias xudiciais, baseadas en recortes oportunistas de prensa, para provocar un calvario a determinadas persoas que non caen en graza aos da longa noite de pedra, non quero saber que pode pasar cando se usen vídeos falsos, que simulen cousas que non fixemos. O certo é que conseguen que ninguén saiba o que é verdade ou mentira. E así gañan eles, non nós.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-11-20/todo-e-mentira-819515.html

Ortografía

Nunca pensaron que a ortografía ía coller tanta relevancia, verdade? É unha das cousas que trae a pandemia, máis cando moitas das relacións interpersoais estanse a dar a través das redes sociais, do WhatsApp, do Messenger e outras aplicacións. A falta do tradicional achegamento a través dos locais de ocio, agora ter a capacidade de escribir axeitadamente é necesario para causar unha boa impresión, á marxe de puntuais erros.

Claro que manter unha conversa escrita obriga a espir a alma. Así que recomendo tamén achegarse ás librerías e se me apuran, quizais para o que moitos están a pensar, viríalles mellor por exemplo Benedetti (“El amor, las mujeres y la vida”), e de aí a ter a sorte de poder pasar un fin de semana nun dos hoteis de Ferrol que si manteñen a súa actividade – grazas a esa necesidade da vida de buscar sempre unha alternativa – xa depende das capacidades das persoas de seducirse mutuamente.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ortografia/20201201224807292609.html

Palabras

Estarán de acordo que, a pesar deste tempo que non é unha cousa nin a contraria, non estamos para debates de altos voos. Que á maioría o que lle apetece é sentar nunha das moitas terrazas que ten neste mes Ferrol, e se ten que caer un chisco de auga que caia.

Pero, si é certo que hai moito misticismo arredor das palabras. De aí que, os máis inocuos parágrafos, poidan servir de escusa para un “incendio dialéctico”. Desde que existen as “redes sociais”, hai quen debe considerar que fronte á dureza da militancia é moito mellor “impoñer o relato”.

Así é capaz de descualificar ao articulista máis parco, insultar ao alcalde ou raiar coa difamación en contra da primeira concelleira da que – simplemente – aprendeu o seu nome. Vese que aquí o importante é o “relato”, aquela surrealista conversa entre Manquiña e María de Medeiros en “Airbag”: “o concepto é o concepto”. O demais, para el, é instrumental.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/palabras/20190807204304262303.html

https://youtu.be/rVh2wnE-xoM

Fender leña

Tomo prestada a expresión. Non descubro de quen é, simplemente, porque son o único responsable do que se diga aquí. O asunto vén por esa morea de xente que sabe e opina de todo, máis nun tempo no que algúns están empeñados en volver a tempos pretéritos. Todo isto acrecentado pola relevancia que agora dan as redes sociais. E como se di nestes “tempos modernos”, abro fío.

A partir do 2005 houbo unha explosión de blogues, aos que apuntouse medio país. Eu aínda manteño o meu. Pero, teño un amigo (espero que benevolente) que a cada “post” meu, el facía a disección oportuna. Así ata que un día canso, díxenlle que abrira un propio. Así fixo, publicou 3 ou 4 veces. Quizais esta é a cuestión, o falar non ten cancelas pero trasladar ideas ten un custe.

Por iso, como di Mercedes, o mellor é que moitas veces vaiamos a fender leña ao monte. É o tempo de limpalo e de acumular madeira para o inverno.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/fender-lena/20180808232118233562.html