Unha reflexión post electoral desde Ferrol

Estes días ando mirando os resultados electorais nos breves momentos dos que dispoño. É unha costume que teño xa que, normalmente, sirve para ver as tendencias dos votantes, de onde a onde van e porque sube un partido ou baixa o outro. Creo que unha vez máis amosan que o PSOE para gañar ten que facelo pola esquerda, e que practicamente non hai transvase entre as esquerdas e as dereitas; a diferenza do dito por Soraya Sáenz de Santamaría e, posteriormente por Mariano Rajoy tras anunciar a súa continuidade ao fronte do PP. Opinións contrarias ás emitidas por Gabriel Elorriaga que dicía ao Financial Times: “Sabemos que eles nunca votarán por nós, pero se podemos sementar bastantes dúbidas acerca da economía, a inmigración e as cuestións nacionalistas, entón, quizais eles queden na casa”.

Polo tanto, ¿de onde sae esa suba de catrocentos mil votos do PP? Se collemos a lexislatura da maioría absoluta de Aznar veremos que Rajoy, recupera parte de eses case seiscentos mil votantes que non recibiu hai catro anos, ademais, están os votos que recibe en Andalucía procedente da dereita andalucista do PA, probablemente, máis de cen mil. É dicir, que en teoría Rajoy aínda non chegou ao teito electoral da dereita española.

Quizais o máis salientable é co PSOE sácalle votos a IU e ERC, pero non logra mobilizar a unha parte do electorado de esquerdas que queda na casa. Esa é a miña impresión.

Neste senso non é bo que quen ten sido un socio preferente non capitalice a súa achega. Para eles é moito máis fácil chegar á conclusión de que os pactos cos socialistas lles prexudican a reflexionar sobre as súas eivas estruturais. Non coñezo a realidade catalá, pero no caso de IU, á marxe de que se ben é certo que o sistema electoral failles dano, o seu é a falta dun proxecto político claro para España. ¿Son socialdemócratas, ecosocialistas, trotskistas, radicais, ácratas, nacionalistas, federalistas, que son? Xunto coas loitas internas polo reparto do seu escaso poder institucional.

A posible desaparición de IU abre a perspectiva de que un amplo sector de votantes de esquerda, que non van vir ao PSOE, queden sen representación. Ademais, unha forma de afortalar o sistema democrático é facer participar del a cantas máis persoas e opcións. Así mesmo, tendo en conta que algún día o PP xirará cara á moderación – se quere gobernar- este acabará entendéndose coas dereitas nacionalistas, coas que a pesar de todo, comparten un mesmo modelo de sociedade e xa gobernaron. É dicir, a falta de IU obrigaría, nese futuro hitopético ao Partido Socialista, a depender da procura da maioría absoluta.

Sigo a pensar que foi un erro o apoio a Manuel Fraga a partir de 1982 co obxectivo de fomentalo bipartidismo, evitándolle ao PSOE competidores polo centro e pola esquerda. Hoxe a existencia dun partido centrista obrigaría a moderarse a esta dereita radical nacional católica e permitiría abrir o abano de pactos máis alá dos grupos nacionalistas periféricos, ou do amplo grupo mixto.

Habería que facer unha análise máis fonda de porque tivemos tantas dificultades nesta campaña, cando esta foi, probablemente, unha das lexislaturas máis progresistas, tanto no eido social como no eido dos dereitos das persoas. Eu apunto, alomenos catro razóns: a) A aposta por parte do aparato e dos cargos públicos do Partido Socialista, basicamente, polas Institucións; b) A intercomunicación cos cidadáns a través da prensa, maioritariamente, de dereitas, e non a través das agrupacións locais e dos movementos sociais; c) un duplo discurso que por momentos chega moi confuso aos cidadáns, por unha banda, un netamente de esquerda en materia social, fronte a outro monetarista e de déficit cero, neoliberal; d) o discurso progresista da España plural non só ten enfronte á idea de nación tardofranquista do PP, senón que destacados membros do PSOE fan de proa contra Zapatero, neste eido.

(Sería tamén interesante analizalos erros dos socialistas en Madrid, que probablemente beneficien a Rosa Díez nesa Comunidade, xunto co seu discurso patrioteiro, a diferenza dos seus pobres resultados nas restantes circunscricións españolas).

Pero, o certo co PSOE é o partido que máis se parece a España: 1) Ten un desenvolvemento uniforme ao longo do Estado, sendo goberno ou con opción de gobernar en todas as Comunidades Autónomas. 2) É o representante da maioría social no senso de que representa á maioría das clases traballadoras españolas e dos sectores máis dinámicos das clases medias asentadas. E 3) Sigue a ser o Partido que está a transformar a realidade española, desde a restauración da Democracia en 1978.

Para finalizar este apartado, dicir que me inclino por un goberno de Zapatero en minoría con apoios preferentes no amplo grupo mixto (IU, ERC, BNG e NaBai; resúltame difícil encadrar a Rosa Díez dentro do campo progresista) e acordos en materia autonómica e antiterrorista, tamén con CiU e PNV. Xa veremos que fai nestes derradeiros asuntos o PP mariano. E probablemente os dous deputados de Coalición Canaria poidan, por momentos, cubrir a falta de acordo con outros do propio grupo mixto.

Os resultados galegos

Seguir lendo

Electores confusos

A dous meses das xerais do 2008 os fundamentalistas católicos encheron Madrid con máis de cento cincuenta mil manifestantes, contra o Goberno de Zapatero. Esta manifestación, que pretende acosar á España democrática, non é máis que unha mostra de que a dereita radical tomou as nosas rúas, que non están dispostos a perder a hexemonía e o control político, aínda que perdan as eleccións como así aconteceu hai catro anos co triunfo socialista. 

A isto súmase a confusión que desde a esquerda estase a vivir con esta fin de lexislatura, onde tras unha boa xestión progresista, produto do acordo básico dos socialistas con IU e as esquerdas dos nacionalismos, vense a  evidenciar, outra vez, que a dereita logra marcarlle a axenda ao Goberno, cando este último está a facer propostas electorais, especialmente nunha redución insolidaria de impostos, xunto co anuncio dun xiro ao “centro político”. ¿Anúnciase a implementación dunha política económico – social neoliberal, onde os traballadores e as capas máis modestas paguen, aínda máis, o tan cacarexado déficit cero e o axuste económico derivado deste modelo de construción europea, que de xeito ostensible está a reducir o noso nivel de vida, visible sobre todo, tras a entrada do euro?

Seguir lendo