Turismo de masas

Acaba a Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao de amosar a súa alegría polo incremento dos cruceiros que amarran en Ferrol. Resulta entendible, porque para eles todo isto representa xestión, tráfico e, obviamente, pago de taxas ao porto. Levan máis de vinte e seis cruceiros e máis de vinte mil turistas. O obxectivo é duplicar os números do ano pasado.

Pero, desde o punto de vista da cidadanía, cal é a achega deste turismo de masas a Ferrol? Sabemos que veñen coa viaxe, as excursións e o peto pechados, que non teñen

maior pretensión na nosa cidade, no noso patrimonio nin moito menos no coñecemento da comarca. No mellor dos casos, os que quedan non pasan da praza de España, de tomar un café na Magdalena ou mercar unhas sandalias.

Sabemos, tamén, que estamos ante un modelo esgotado. Só hai que mirar estes días a televisión para ver a invasión de coñecidos destinos turísticos. Así que resulta entendible que na nosa cidade haxa inquietude sumada ao malestar pola proliferación desoutro, depredador e excluínte, que representan os pisos turísticos. Igual, o mellor, sería pensar que tipo de turismo queremos antes de que sexa tarde e até onde e como queremos crecer. Que ninguén esqueza que Ferrol son as súas xentes.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/turismo-masas-4947237

Amar Ferrol

A cidadanía. Si, tendemos a falar das e dos veciños como se fóramos un só corpo. Como se tiveramos unha vontade única, pero o asunto é saber se cando menos existe algunha, alén de irmos resolvendo o noso día a día, sen comprometernos.

Talvez, a querenza pola cidade quede supeditada á saudade que algunhas persoas poidan ter. Pódese amar un territorio, unha rúa ou unha praza? Xaora, é produto dese romanticismo que agroma en nós, ao menor dos nosos descoidos. Seguramente, para eludir a falta de respostas ante o sentido e os avatares da vida. Así, cada certo tempo pretendemos crer que a cidade soñada xa vén. Que deus cumpre a súa promesa de darnos a terra prometida. Mais, que mudou neste último ano en Ferrol? Os argumentos que nos den só serven para convencer a unha exigua parroquia.

Na recente presentación da Axenda 2030, na sala Carlos III do Museo Naval, o alcalde falaba da peonalización da Magdalena. Houbo quen – na parte participativa dixital – expuxo o seu rechazo á mesma. Eu creo que si, haberá. Pero, non para mellorar a vida das persoas e do comercio local. Senón, para os pisos turísticos que converterán o centro de Ferrol nun parque temático, expulsándonos. Xentrificación chámase.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/amar-ferrol-4848077