Os galegos traballan arreo

A verdade que non esperaba que, naquela sobremesa, un dos comensais fóra a mencionar a Paul Lafargue e – menos – nos lembrara aquela pasaxe do “Dereito á preguiza” que consideraba que os galegos eran un pobo que vivía, unicamente, para a súa paixón polo traballo. Recoñezo que o tiña totalmente esquecido.

O marido de Laura Marx, ao longo da súa vida, será xornalista, escritor, crítico literario, ensaísta e sobretodo, propagandista da Primeira Internacional. Acabará tendo unha grande influencia na España do século XIX. Tanta que haberá unha representación do noso país no enterro de ambos os dous, en París.

Lafargue defendía a redución da xornada laboral e o aumento dos salarios, como paso previo para saír da miseria e para que as clases populares poideran acceder aos bens de consumo e á participación democrática. Consideraba que este era o único camiño para obrigar á perfección da tecnoloxía e da industria, que así iría reducindo a necesidade do traballo humano.

Imaxino os seus comentarios cando as dereitas en Grecia acaban de impoñer a xornada laboral de trece horas, ou á promesa de Cuca Gamarra á patronal española de volver á reforma laboral de M. Rajoy e baleirar o fondo das pensións públicas.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-10-22/os-galegos-traballan-arreo-813205.html

Residencias públicas?

A atención ás persoas maiores require de moito persoal, altamente especializado e con grandes investimentos para asegurar un trato axeitado e humano. De feito, todos sabemos que as pensións dos usuarios das residencias de maiores non cobren os gastos, tendo que ser complementados polas familias e a administración autonómica. O fondo da cuestión radica en saber se estamos ante un servizo público esencial ou isto queda suxeito ao “libre mercado”.

Sabemos que en outubro a Xunta recepcionará en Ferrol a nova residencia “pública” que a Fundación Amancio Ortega entregaralle vía doazón. Así, o que debería facer a Consellería de Política Social sería dotar de orzamento e convocar as prazas para ter o persoal necesario, pero isto non vai a ser xa que vaise privatizar a xestión.

O primeiro obxectivo da concesionaria será deseñar unha xerencia que lle permita gañar diñeiro. Para iso son unha empresa. Lexítimo interese que choca cos dereitos dos usuarios a unha atención axeitada. Máximo nun sector tan precarizado, con pouco persoal e en moitos casos por debaixo do salario mínimo. A Xunta aínda pode apostar por unhas verdadeiras residencias públicas e poñer orde tanto no sector público como privado.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/articulo/opinion/residencias-publicas-5429659

Fake News

Dirán que son un friki, pero eu estou subscrito ao canal do Concello para avisos vía “guasap”. E máis, porque a xente que me coñece sabe que odio esta “aplicación”. Pero, foi así como coñecín o desmentido de que novamente a auga de Ferrol non valía para consumo, era unha falsa noticia difundida estes días polas redes sociais. Iso que agora, pomposamente, chaman “fake news”. E ese é o problema, a difusión de cousas falsas co ánimo de crear problemas.

Así tamén, hai uns días chegoume -tamén vía whatsapp- unha que aseguraba da necesidade de solicitar ante a Seguridade Social a actualización das pensións das viúvas sen máis ingresos. Así que como bo fillo presenteime -incauto de min- co impreso correspondente na esquina da rúa Catalunya, a carón da praza de España, e non vexan que cara de parvo se me tivo que quedar cando a funcionaria contábame que a aplica de oficio a propia Administración.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/fake-news/20180919221450237522.html

Pensións

O PP non para de meterse en charcos. Non contento con estar imputado en coñecidos casos xudiciais, que poden acabar con sentenzas que o leve a unha situación similar á antiga Convergència, dispara contra todo. Ou ben están nunha burbulla que lles impide ver a realidade ou dan por finalizado o seu tempo. Só así enténdese que agora maltraten aos actuais pensionistas, esquecendo que foi precisamente esa xeración a que fíxolle fronte á ditadura.

A avaricia dos seus amigos e a pretensión de pasar a todo o mundo a un sistema privado, levoulles a ir baleirando o peto das pensións, unha das bandeiras de Zapatero con preto de setenta mil millóns de euros, e que eles foron malgastando en cousas alleas. Así, tamén o intento de Montoro de enganar cunha rebaixa fiscal -que non afectaría máis que a un de cada nove pensionistas- evidencia que están fóra de xogo. Toca abrir un novo tempo político.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/pensions/20180228233528217996.html