A outra muralla

As obras en Irmandiños, que están reformando a entrada do acceso principal dos vehículos ao recinto militar, acaban de deixar ao descuberto unha parte da muralla orixinal do século dezaoito. Todo indica que Defensa vai na liña de restaurar a muralla e integrala na nova reurbanización, que se está a acometer. Iso é facer o correcto.

En setembro fará dous anos, que o actual equipo de goberno de Ferrol decidiu o tapado expeditivo de aquel tramo correspondente á antiga muralla medieval, a carón da Praza Vella. Nin a Dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia foi quen de dicir algo. Desde a concellaría de Urbanismo deixaban, para un futuro indeterminado, a posibilidade de facer algún tipo de intervención que puxera en valor este ben cultural.

Mais, a data de hoxe, ningunha autoridade local ou autonómica ten presentado plan de recuperación da vella muralla medieval de Ferrol. Todo indica que se aposta polo esquecemento? Non hai capacidade de xestión, nin un proxecto que permita recuperala ordenando a vida cotiá? Tan difícil é?

Nada teñen que dicir desde Patrimonio Histórico? Non cren que sería un valor máis, na aposta a prol da candidatura de Ferrol a patrimonio mundial ante a Unesco?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/outra-muralla-5334736

Tapado expeditivo

Recoñezo o meu estupor, ante a última actuación do actual equipo de goberno de Ferrol. O tapado expeditivo dos restos, do que parece ser parte da antiga muralla medieval, a carón da Praza Vella, amosa un xeito moi preocupante de xestionar a cidade ante o afán de priorizar o tráfico rodado. Pódense entender as molestias para a cidadanía directamente afectada, pero a obriga de todo gobernante solvente é non caer no populismo simplón e buscar solucións axeitadas e en tempo prudencial. Isto último é xestión.

Teño curiosidade por saber se este “incidente” conta cos parabéns tanto do concelleiro de cultura, o señor Ponte Far, como da concelleira de Patrimonio Histórico, a señora Carmen García. Imaxinan que ante as dificultades que ten a Biblioteca Municipal, alguén decide soterrar os seus libros? Son conscientes do dano que pode ter para a imaxe exterior da cidade, así como para a candidatura de Ferrol ante a Unesco, esta actuación contra da muralla medieval?

Que dicir do papel xogado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia? Como mínimo, o seu papel debera ser moito máis “conservador”, en sentido estrito. Renunciar a un papel dinámico, en defensa do legado histórico, non é de recibo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/tapado-expeditivo-4423354

A defensa de Ferrol

A partir do 1 de abril na sala de Cureñas do Castelo de San Felipe abrirá a exposición permanente sobre a Batalla de Brión de 1800, de cando España era aliada da Francia napoleónica e, por iso, fomos atacados polas tropas británicas. Vinteún buques de guerra con quince mil soldados ingleses que desembarcaron nas nosas costas e que acabaron volvendo por onde viñeran.

Aquel episodio chegou incluso a ser tratado, cinco meses e medio despois, no propio Parlamento británico. Pero, como por estes lares somos como somos, igual non lle dimos a importancia que realmente tivo. Indubidablemente, é un deses episodios máis que suficientes para marcar o perfil de calquera cidade, e en Ferrol hai máis, aí está Ucha, a semana santa, a loita antifranquista, etc. Parabéns por esta sinerxía entre Patrimonio Histórico e Turismo, así facemos cidade. Grazas a todos aqueles que durante anos estiveron sós con este evento.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2806492/defensa-ferrol

Foto de @jorgemeis