Babel

Hai quen cre que ter máis dunha lingua debe ser castigado, considerándoa unha ameaza para o seu xeito de vida. Até pode chegar a consideralo unha ofensa ou crerse en dereito de se proclamar un novo señor dos exércitos. Máis se considera que: “Aquí hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería privalos desde agora de faceren o que lles veña á cabeza” (Xen 11,6).

Un considera que pode haber outras formas de afrontar a cuestión. Considerar que a existencia de múltiples linguas non é ningún castigo. Indubidablemente, supón un esforzo aceptar a pluralidade da realidade. As persoas temos a mala costume de oír pero non escoitar. Pasa moito cando se comparte a mesma fala.

A existencia de outra lingua implica a necesidade de prestar atención a quen temos diante, intentar escoitar e procurar entender e facermos entender. Obriga a poñerse na pel da outra persoa. Buscar un espazo común. É unha oportunidade para romper as fronteiras imaxinarias que fanos reféns das nosas eivas. É unha oportunidade para a convivencia, aceptando as nosas diferenzas.

Nós temos a capacidade de usar o castelán e coa nosa lingua propia, co galego, ábresenos un mundo inmenso como a Lusofonía.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/babel-4602388

Dique Flotante

Hoxe non quero falar das nosas festas. Nin dun programa sen imaxinación, cheo de improvisación e caos; da visión cutre que a dereita ten do ocio e da cultura. Nin da morea de xentes, que estes días ocupan as rúas ferrolás, necesitadas de esquecer a recesión e os recortes provocados irresponsablemente pola dereita.

Esgótase o tempo. Esta cidade naceu pola construción naval e non pode seguir esperando por aquela comisión do PP ou por un Feijóo desleixado que veña a revendernos o seu contrato (lixo) con Ferrol, nestas novas eleccións autonómicas.

Ferrol necesita o dique flotante, con prazos de execución e con asignación orzamentaria suficiente. Non é un entretemento, é unha ferramenta de traballo para asegurar o futuro e a competitividade. Defender o naval – e carga de traballo – non é cuestión de monocultivo. É defender a supervivencia da nosa cidade.

Enlace á columna “Letras de cambio” (Diario de Ferrol).