Dique Flotante

Hoxe non quero falar das nosas festas. Nin dun programa sen imaxinación, cheo de improvisación e caos; da visión cutre que a dereita ten do ocio e da cultura. Nin da morea de xentes, que estes días ocupan as rúas ferrolás, necesitadas de esquecer a recesión e os recortes provocados irresponsablemente pola dereita.

Esgótase o tempo. Esta cidade naceu pola construción naval e non pode seguir esperando por aquela comisión do PP ou por un Feijóo desleixado que veña a revendernos o seu contrato (lixo) con Ferrol, nestas novas eleccións autonómicas.

Ferrol necesita o dique flotante, con prazos de execución e con asignación orzamentaria suficiente. Non é un entretemento, é unha ferramenta de traballo para asegurar o futuro e a competitividade. Defender o naval – e carga de traballo – non é cuestión de monocultivo. É defender a supervivencia da nosa cidade.

Enlace á columna “Letras de cambio” (Diario de Ferrol).

Solidariedade con Nicasio Malde

Nicasio MaldeO despedimento de Nicasio Malde, delegado de CCOO en Maymo S.A. e vicepresidente do seu Comité de Empresa, é totalmente inxustificado e ten como obxectivo atemorizar aos traballadores para reprimir a loita polas reivindicacións laborais que o Comité de Empresa e o persoal de Maymo – empresa subcontratista da Petroquímica de Tarragona – veñen a desenvolver nos últimos meses.

Súmome á esixencia da readmisión inmediata de Nicasio Malde, manifestando, ademais, o total apoio aos traballadores de Maymo e as súas xustas reivindicacións. Fágoo, tanto a nivel persoal como en función de ser o secretario de organización de MCA – UGT Megasa Siderúrxica de Narón.

Os que sodes da comarca de Ferrolterra, o lembraredes como delegado sindical de Quinafe, empresa cuxos traballadores foron integrados na hoxe Navantia Ferrol.

Tedes máis información na web dos Traballadores de Contratas da Petroquímica de Tarragona. Enviade correo de protesta á empresa, así como copia ao seu Comité (comitemaymo@hotmail.es), como manifestación de solidariedade con Nicasio.