Felipe González en 1993 dixo que entendera a mensaxe. Non foi así. Nomeou a Solbes Ministro, e pactou con CiU unha política plenamente neoliberal, sen concesións. Déficit cero e Pacto de Estabilidade. En 1996 os votantes socialistas máis á esquerda quedaron na casa. Aznar gobernou co apoio de CiU.
Nunha acción conxunta dos tiburóns financeiros e da dereita europea dobregaron a Zapatero e agora, escríbenlle o plan de axuste. Foron axudados polo sector neoliberal do PSOE, Felipe incluído.
Agora este último reclama militancia pura e dura. Leninismo neoliberal. Aínda que para si, Felipe sempre reclamou a heterodoxia socialista. Quizais, por aquelo que dicía Bensaïd: “A miúdo hai máis fidelidade política na infidelidade crítica”. Eu tamén reclamo a mesma heterodoxia.
O plan de axuste e a reforma laboral coloca ao PSOE onde quere o PP. Estamos abocados a afondar na crise coas medidas que queren os que a provocaron. Necesitamos un xiro á esquerda. Banca pública e nacionalización das empresas enerxéticas, participación dos traballadores na xestión das empresas, loita contra a fraude e por unha progresividade fiscal. Democracia económica.
Peche da Bolsa. As pequenas e medias empresas non se financian así, nin sequera as grandes, que acaban recorrendo á banca tradicional. A Bolsa só serve para especular, espoliar e atacar os dereitos dos cidadáns. Usura depredadora.
Militancia pura e dura, si. Pero, para defender á nosa base social, a democracia e o socialismo.
Tamén aparecerá no número 28 da revista de “Razón Socialista” (a piques de saír do prelo).