Os libros alargan a vida

Permítanme un trisco de fachenda. Comparto con Umberto Eco un ateísmo interesado no mundo relixioso e na paixón polos libros. Nos anos noventa do século pasado, publicaba o autor de “O nome da rosa” un artigo no que explicaba como fora aquel salto, onde a nosa memoria comeza a ser transmitida pola escrita. Así como a invención de novas máquinas e aplicacións informáticas que parecían querer esquecelas.

Umberto Eco sempre alertaba sobre os analfabetos que van sobre rodas. Na súa devoción polos libros consideraba que a escritura, en xeral a linguaxe, prolongan a vida. Antes, e da transmisión oral, as persoas nacían sen experiencia e non tiñan tempo para facerse con ela, para finalmente morrer. A vantaxe dos que len sobre os quen non, é que estes últimos só viven a súa vida, mentres os primeiros todas. Ademais, ler axuda a detectar as mentiras.

Así, o autor “Da estupidez á loucura” considera a lectura e os libros un antídoto contra a nosa propensión natural cara o odio, que resulta moi fácil cultivalo polos novos aspirantes a “caudillos pola gracia de Deus”. O odio é xeneroso, filantrópico e abraza a inmensas multitudes. O libro é un seguro de vida, e si, un pequeno anticipo da inmortalidade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/libros-alargan-vida-4514796

Fra Molinero, narrador

Estes días, que ando ordenando libros, dinme conta de que Fra Molinero e Saramago si, comparten vocación literaria, pero tamén título novelesco. As dúas obras, aínda que diferentes, xiran arredor do mito da caverna. Na miña memoria, de ex alumno do Concepción Arenal, están aqueles comentarios – máis próximos á filosofía que a súa materia de Historia – que Fra facíamos del. Así que para nada “La caverna de Platón”, esta editada por Edicións Esquío e cunha portada de Manuel Patinha, fórame un título estraño para o meu profesor.

A capacidade de contar historias vén de algo tan subxectivo como a apreciación que temos do que vemos ou pensamos. Por iso, se partimos dun mesmo feito ou dunha mesma lenda, unido isto a posibilidade de fabular a realidade – que diría Vargas Llosa – levaranos por múltiples camiños e algúns impensables.

Todo comezou arredor das sombras dunha fogueira hai miles de anos, e á necesidade de manter a súa memoria. De que transcendera alén na nosa propia existencia persoal. Así, hai tempo que o asunto é a disciplina de sentarse a escribir. Coñecer aquelo sobre o que vas ficcionar e ter as palabras axeitadas para cambiar esa realidade. Si, as palabras que cambian o mundo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/fra-molinero-narrador-4409042

A Biblioteca Municipal

Si, a Biblioteca Municipal foi un elemento de confrontación contra o anterior goberno municipal. Ademais, sen importar que o deterioro non era tanto por causa da propia xestión socialista, senón dunha situación de anos que ten moito que ver co estado xeral dos diversos servizos municipais, do seu financiamento e da capacidade exigua que toda administración local ten para repoñer as prazas laborais.

Feitos que, sorprendentemente, parece descubrir de súpeto o actual concelleiro responsable Ponte Far. O cal non deixa de ser unha emenda á totalidade ás políticas da dereita, que sempre frearon a autonomía local por apostar pola tutela dos concellos por parte da Xunta ou, incluso, polas Deputacións cando eles as controlan.

Para calquera que quixo seguir as mobilizacións do persoal da Biblioteca Municipal, que foron obxecto de apoio por parte de FeC, BNG e do PP hoxe gobernante, chama a atención que se poña en marcha unha suposta solución con catro bolseiros, que en nada mellora a proposta do anterior goberno municipal.

Igual estamos equivocados, igual atoparon a solución aos problemas da Biblioteca Municipal, aínda que esta resúltenos estraña á cidadanía, cando as esixencias laborais quedan tan lonxe?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/biblioteca-municipal-4383811

As privanzas de Quevedo

En algún sitio teño escrito que en Ferrol comeza o mundo e, polo tanto, esta cidade única e irrepetible sempre vainos a dar sorpresas que nunca un podería esperar. Así, que permitan que faga unha suxestión de lectura para este verán. Por esas cousas da vida caeu na miña man o estudio da filóloga ferrolá Eva María Díaz Martínez, hoxe inspectora de educación, titulado: “Discurso de las privanzas” de Francisco de Quevedo (Editorial Eunsa).

Seguramente, a maioría coñecemos a Quevedo como escritor do século de ouro español. Mais, poucos seríamos capaces de situalo como alto funcionario no reinado de Felipe IV e, menos, nos seus quebrantos políticos – cen anos despois – que en algunha medida lembran ao italiano Nicolás de Maquiavelo.

Tanto é así, que con este libro recóllese a visión de Quevedo sobre o que debe ser un bon goberno do católico rei de España e do seu principal colaborador o privado, en parte en contraposición co pragmatismo de Maquiavelo. Un traballo que recupera unha obra pouco coñecida do que apenas hai uns poucos exemplares e algunha que outra breve referencia.

Di Quevedo que “Dios como Dios tuvo un privado que fue Luzbel, y Dios como hombre otro que fue San Juan: el uno escarmienta y acobarda; el otro incita y anima.”

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-privanzas-quevedo-4373562

A Biblia

Un atrevemento. E máis por parte dun non crente. Aínda que supoño que cada quen é froito da cultura na que se desenvolve, á marxe das oportunas reformulacións acorde coa evolución persoal. Máis recoñezo que estiven durante moito tempo tras as edicións da Biblia da Editorial Sept (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos). As tres primeiras esgotadas e, por fin, puiden facerme coa cuarta a saída do prelo.

A xeira de colaboracións, as traducións partindo dos orixinais en hebreo, arameo e grego ao galego actual, o coidado da edición xunto coas súas numerosas anotacións fan deste un gran traballo. Debera interesar non só aos crentes, senón a todas aquelas persoas interesadas na cultura, da que sen dúbida forma parte todo o que ten que ver coa fe cristiá, incluídas todas as súas expresións artísticas, como acabamos de ter ocasión en Ferrol coa música sacra en San Xiao ou as propias procesións de Semana Santa.

A Editorial Sept, con medio século de existencia, é unha entidade peculiar ao sumar cristianismo e galeguismo. Por ela pasaron xente senlleira como Xaime Isla ou Domingo Fernández del Riego, cuxo irmán Francisco xunto co propio Isla serán promotores tamén da emblemática Editorial Galaxia.