Casa de Poetas

José é capaz de debullar a vida.

Os seus dedos están cheos de tinta azul.

Soamente leva uns cadernos.

É así como lle fai apuntes ao Mundo.

Todos os días son para contar historias.

Outras veces son fonemas feitos versos.

Rebusca en cada palabra,

Reafirma cada unha con novos significados.

Espera traballando á Musa da Alegría.

Golpe a golpe, corpo a corpo.

Rescata os sons que leva o vento.

Osa escribir un rap con rip.

Só traza novos camiños para cada palabra.

A súa é casa de poetas militantes.

A canción do pirata para Clarisa, Catalina e Aníbal.

Melodía profana na noite estrelecida.

Impacientes tartarugas,

Gravan

Os seus nomes na area mollada.

Iguala José a Quevedo, a León Felipe.

Reconstrúe o Mundo, el tecla a tecla.

Mirámonos na súa humanidade,

Á espera de sumarmos

No camiño da liberdade.

Palabras que fan revolución.

Abordaxes que cambian o Mundo.

Igualdade, liberdade, fraternidade.

(Homenaxe a José Torregrosa, Teatro Jofre, sábado 1 de abril 2023).

O mestre Torregrosa

Hoxe á tarde temos unha cita no Teatro Jofre. Alí diversos colectivos e moitas e moitos cidadáns, como boa representación da cidade, xuntarémonos para render homenaxe a unha das grandes persoas deste Ferrol noso: José Torregrosa.

Periodista, crítico de cine, novelista, autor teatral, poeta e mestre. Persoa comprometida desde sempre e que pasou polas cárceres franquistas. Si, moitos son os seus perfís, pero permítanme subliñar a súa calidade humana. El forxador de historias, forxador de cultura, do dereito á liberdade e á vida digna, mestre de xente libre. Mestre de vida.

Somos o que somos pola xente que nos acompañan, máis cando permiten que as nosas vidas sexan mellores e poden ser vividas como deben. Polo tempo e polo esforzo que fixeron por cambiar as cousas e deixarnos abertas as grandes alamedas por onde pasan as persoas libres, para facer unha sociedade mellor.

Unha homenaxe sentida a unha persoa xenerosa e a que debemos reivindicar, máis porque el escapa do merecido recoñecemento, sempre por priorizar o ben colectivo. El que tanto nos ten ensinado, el que reconstrúe cada día o mundo, tecla a tecla. Permítanme darlle as grazas publicamente a José Torregrosa, amigo, irmán, pai.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/mestre-torregrosa-4237421

Bonifacio Borreiros

A Bonifacio coñecino da man de Carmelo Teixeiro ao calor das municipais de 1991. Era o secretario xeral da comarcal e deputado autonómico polo PSdeG, Carmelo era entón o secretario de organización. Foron anos intensos, moitas cousas vividas, ata leváronnos ao xulgado por defender Ferrol, tíñamos razón -e gañamos aquel xuízo- pero case quedamos de aquela expulsados das filas socialistas. Eu era un mozo que foi aprendendo dos dous moitas cousas, igual iso explica a miña rebeldía.

O dezanove de xuño vai haber unha homenaxe a Bonifacio en Narón. A cargo da Asociación de Amigos do Arte, en forma de primeiro premio de pintura, cunha inauguración onde estarán uns bos amigos del, como o presidente González Laxe -xuntos compartiron militancia no PSG e responsabilidades na Xunta- ou como o libreiro Álvaro Espilla. Así como Narciso Pillo, Andrés Pena e Julia Dopico Vale. Parabéns pola iniciativa.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/bonifacio-borreiros/20180523235049226635.html