É posible a felicidade?

Agora que xa quedan atrás o Nadal, os excesos e o xogo da aparencia da alegrías por decreto, igual Bertrand Russell faríanos a pregunta enunciada ao comezo desta columna de hoxe. Pero, previamente temo que, tal como están as cousas, haxa que lembrar que a persoa mencionada é un dos filósofos e Premio Nobel de Literatura máis importantes do século vinte.

Dicía el que a felicidade podía ser de dúas clases: a de corazón e a de cabeza. Que o prudente era non ser demasiado orgulloso, nin demasiado modesto nos nosos proxectos. Que o cinismo é unha mistura do confort e de pobreza. E que esta última leva ás persoas a crer que nada vale a pena e, así o confort, fai soportable a tristura que este razoamento provoca.

Pero, tamén consideraba que a fraternidade e a cooperación son esenciais para a felicidade da maior parte da poboación. Mais, a fundamental depende, sobre todo, dun interese non hostil polas outras persoas e polas cousas. É dicir, o secreto estaría en que os nosos intereses (sans) sexan os máis amplos posibles e que as nosas reaccións cara as cousas, os entretementos e ás persoas interesantes sexan positivas. Isto necesita, obviamente, do noso entusiasmo por todo iso que chamamos “vida”.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-15/e-posible-a-felicidade-830416.html

Adeus ás clases medias

A mediados de decembro foi presentado o IX Informe de FOESSA, de Cáritas España sobre a exclusión e desenvolvemento social no conxunto do Estado. Evidentemente, nesta columna é imposible facer unha valoración de esa completa radiografía ao país que temos.

Pero, si afirmar que o que fallan non son as persoas, senón as trabas estruturais. En España hai máis de catro millóns de persoas en exclusión severa. Os catro factores contra a pobreza e a exclusión social son: educación, orixe familiar, saúde e relacións sociais.

A vivenda é un factor fundamental por estar esta inaccesible e o emprego, cada vez, é máis precario, a pesar de toda a regulamentación estatal. Dentro das persoas excluídas o 70% son poboación autóctona e o resto de orixe migrante. Dous millóns e medio de xente moza viven con precariedade estrutural.

A primeira consecuencia é a fragmentación social e as clases medias desprázanse cara abaixo. Aumentando as desigualdades, o individualismo e un sistema insostible.

O certo é que a xestión do que afecta maiormente á vida das persoas, como son vivenda, educación, saúde, industria ou dependencia son competencias das Comunidades Autónomas, á marxe dos regulamentos estatais ou da UE.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-12-31/adeus-as-clases-medias-827659.html

Paiporta

Hai momentos na vida que as palabras achícanse, reducen a nada o seu tamaño e parece que até perden os seus significados. A dor faise plena e a traxedia deixa de ser unha invención cultural grega para ser a existencia humana mesma. As imaxes desta semana están a dar exemplos que amosan que as portas do inferno están sempre preto.

Acompañando á traxedia e á dor está o caos do momento, que algúns pretenden aumentar, tanto para eludir responsabilidades na xestión directa como para as súas avaricias persoais como políticas. A estes represéntalles un vello lema capitalista: “Cando vexas sangue nas rúas, fai bos negocios”. Patético.

As mentiras, os bulos, a incompetencia, o odio e o desprezo aos servizos públicos precarizados, a violencia e o atentando contra o presidente Pedro Sánchez, contra todo e contra todos, pretenden manipular a angustia e a ira lexítima das persoas afectadas. Non vencerán os partidarios da escuridade.

Fronte a todo isto están esas forzas que a xente saca de dentro de si, que amosa o por que da nosa existencia como comunidade. O tirar cara adiante, sobrepoñerse ás catástrofes para volver a levantarnos. A pesar da dor a fraternidade abrirá as fiestras para a luz da xustiza.