Contar contos

A Biblioteca Municipal de Valdoviño ten mirada, directa e afectuosa, sobre o faro de Meirás e a ese inmenso mar que baña as praias. É un lugar que fai cultura a carón da auga salgada e as olas que surfean os soños e a luz do Sol. Comprenderán que é unha casa incomparable para o Foro Galego Literario, que está conducido polo mestre de poetas e narradores Antón Cortizas.

Estes días atrás tivemos a fortuna de poder falar dunha das obras deste último: “Tenrura”, editada por Galaxia. Que como di o seu autor, é un libro que tamén poden ler os máis pequenos. Porque se unha cousa quédanos claro, é que a etiqueta de “literatura infantil” non pode ser unha barreira para que todos nos acheguemos a ela. Neste xénero está a estrutura básica e os instrumentos necesarios para poder desenvolver unha grande literatura de calidade. Son unha magnífica ponte inicial ás outras narrativas.

Persoalmente, este encontro literario foi quen de permitirme lembrar aqueles relatos de antes de durmir – que hai moitos anos – eu contáballes ás miñas fillas. E pódolles asegurar que non hai público máis esixente que unhas nenas pequenas. Para min foi unha oportunidade para sentarme e pasar á escrita un de aqueles contos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/contar-contos-5239807

O “Runrún” de Ana Varela

Acaba de chegar a todas as librarías do país. E quen subscribe esta columna xa ten na man esta primeira novela da naronesa Ana Varela, premiada anteriormente co XXI Certame Francisco Añón e o VI Premio Gonzalo López Abente, ambos os dous de poesía.

A miña primeira achega á súa obra foi en “Onde nacen as hedras” (Editorial Xerais) e tiven a enorme sorte, de que xunto con Henrique Dacosta, quixera ela participar na presentación do meu segundo poemario “Terra e Mar” na Libraría Galiano de Ferrol.

Agora, Ana publica esta primeira narración coa Editorial Galaxia, na sección Ronsel que busca dar cabida a “novas voces e novas temáticas das nosas letras”. Non lles vou destripar o argumento do libro. Iso si, recoméndollo encarecidamente. A maiores, vou “apropiarme” dunhas letras da autora escritas no meu exemplar do seu segundo poemario: “porque nacemos como as hedras, entre as pedras da casa, que caen e aínda así sobrevivimos”. A vida é isto e escribir é sobrevivir buscando a esperanza do futuro.

Xa saben que os bos acontecementos hai que compartilos, saudar con alegría que sexamos unha terra, neste caso, de creadoras e aos máis que seguros éxitos dunha novela como esta de “Runrún”. Parabéns Ana.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/runrun-ana-varela-5043441

As cebolas non menten

O Foro Galego Literario de Valdoviño, do mestre de poetas e narradores Antón Cortizas, vén de pechar este curso coa presenza de Rosa Aneiros. Nun ateigado acto conducido pola poeta Ana Varela, con música de Óscar Fojo e patrocinado polo Concello, presentando a súa nova novela: “A noite das cebolas”.

Debemos recoñecerlle a Rosa Aneiros a cualidade de traspasar o seu xénero narrativo primixenio. Hai na súa capacidade creativa un lirismo que sobrepasa o propio texto e acaba por se converter en verdadeira metaliteratura. Unha fase superior onde a palabra non ten límites, sendo tan infinita como a nosa propia imaxinación. “A noite das cebolas” ten voces que trasladan ao lector a unha poética que logra alcanzar a beleza.

Déixolles algunhas frases soltas desta novela: “Agás agora. Agora tiña un faro. A noite estrelada de Van Gogh. As chagas no corazón non son doadas de ver, e moito máis se ninguén mira para elas. Arela. Todo sucedeu na beleza do corazón dunha cebola. En cada semente que botamos hai un desexo oculto, o de sobrevivir. A procura da beleza ás veces agocha unha violencia aterradora. Habitar a mentira para poder sobrevivir… A faísca que prende o mundo. E así, sorprendentemente, foi”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-cebolas-non-menten-4866038

Unha historia que contar

Hai unha íntima relación entre escritura, literatura e periodismo. Sei que non digo nada novo, mais ás veces convén lembralo. O asunto é ter talento que, necesariamente, debe unirse á disciplina e á longa paciencia. Sen a suma destes elementos, non seríamos conscientes da importancia da liberdade. Incluso cando a escrita é pura ficción, esta só amosa a insatisfacción que temos co mundo realmente existente que, como todos vostedes saben, este último está construído sobre as ruínas da mentira.

Lembren que escribir e ler son xeitos de protesta, por iso un libro, un xornal son tan perigosos para a orde establecida. Lembren que os grandes movementos de liberación humana saíron da capacidade de poñer as súas reivindicacións en negro sobre branco, e sempre acompañados dun xornal que facía de voceiro. A escritura, en todas as súas facetas, é o camiño que temos para superar as nosas eivas e chegar á fraternidade.

Así, esta capacidade da escrita fixo que tanto a literatura como o xornalismo, sexan un xeito de resistir, de avanzar na adversidade, de sutil protesta, de escapar e debuxar outro mundo mellor. Agora ben, como dicía hai pouco Paula Carballeira, no Foro Galego Literario de Valdoviño, o importante é ter unha historia que contar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/unha-historia-contar-4667782