Coidar o Ateneo Ferrolán

Unha cidade e unha comarca tamén son as súas obras colectivas. Máis, aquelas que van de unhas xeracións a outras, e así son testemuñas das vivencias de cada unha delas. Hai entidades senlleiras como o Ateneo Ferrolán que son a casa común da súa cidadanía. Cento corenta e catro anos de historia ás costas sendo fiel a esa “illa de Faro”, que cita Homero na Odisea, e aquí baixo o coidado de Atenea, protectora da civilización, da cultura e da xustiza.

Estes días anda o Ateneo Ferrolán a presentar aos seus socios a súa xestión cultural e económica, como a renovar a súa xunta directiva. Todas e todos somos coñecedores dos seus éxitos e, obviamente, das dificultades que tivo que ir superando. Hai poucas entidades que coma esta poida dicir que está intimamente ligada á historia local e comarcal, que necesita e merece o coidado non só das diversas institucións como da súa cidadanía.

O Ateneo Ferrolán, son ese case século e medio de vida e as súas socias e socios. Pero, tamén, e sobre todo, as persoas que traballan por mantela en pé, día a día. Por iso, hai que recoñecer o traballo do seu persoal, hoxe na persoa de Cristina Meizoso, soporte e apoio fundamental durante tres décadas desta institución.

http://ateneoferrolan.org/

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/coidar-ateneo-ferrolan-4636637

Un traxe a medida

Esta semana temos un par de convocatorias no Teatro Jofre. O ferrolán Javier Gutiérrez regresa a casa cunha nova obra teatral: “El Traje”. Obra escrita e dirixida por Juan Cavestany, e onde comparte escenario con Luis Bermejo. Só dous actores, pero capaces de abrir todo un mundo para a nosa imaxinación. Din as críticas que é un xogo de humor negro, case un thriller contra o consumismo feroz, a tolemia, a corrupción, a soidade e outros problemas da sociedade actual. Pero, tamén intriga e comicidade.

Un orgullo para Ferrol por ter a un dos nosos, como Gutiérrez, sobre a táboas do Teatro Jofre. Un orgullo por quen é un habitual e que podes atopar na rúa ou en calquera café ou restaurante da nosa cidade, que presume dela polo mundo adiante. Saber que hai xente, que co seu esforzo abre camiños para unha cultura, que aporta unha visión crítica e sacude a nosa zona de confort. De quen é un dos grandes actores deste país por méritos propios.

Son de aqueles que ten fe cega no poder sanador e emancipador da palabra. Aquí convertida en obra teatral, pero moi necesaria neste tempo, cando algúns, queren impoñer o pensamento único e volver -nunca mellor dito- aos tempos de aqueles traxes que buscaban comprar vontades.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/traxe-medida-4443876

A Biblioteca Municipal

Si, a Biblioteca Municipal foi un elemento de confrontación contra o anterior goberno municipal. Ademais, sen importar que o deterioro non era tanto por causa da propia xestión socialista, senón dunha situación de anos que ten moito que ver co estado xeral dos diversos servizos municipais, do seu financiamento e da capacidade exigua que toda administración local ten para repoñer as prazas laborais.

Feitos que, sorprendentemente, parece descubrir de súpeto o actual concelleiro responsable Ponte Far. O cal non deixa de ser unha emenda á totalidade ás políticas da dereita, que sempre frearon a autonomía local por apostar pola tutela dos concellos por parte da Xunta ou, incluso, polas Deputacións cando eles as controlan.

Para calquera que quixo seguir as mobilizacións do persoal da Biblioteca Municipal, que foron obxecto de apoio por parte de FeC, BNG e do PP hoxe gobernante, chama a atención que se poña en marcha unha suposta solución con catro bolseiros, que en nada mellora a proposta do anterior goberno municipal.

Igual estamos equivocados, igual atoparon a solución aos problemas da Biblioteca Municipal, aínda que esta resúltenos estraña á cidadanía, cando as esixencias laborais quedan tan lonxe?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/biblioteca-municipal-4383811

Concepción Arenal no Ateneo

Estes días Ferrol, xunto con outras moitas cidades, tivo mobilizacións a prol da cultura, que está sendo unha das principais vítimas colaterais do Covid-19. De feito as festas deste verán ían nesa liña, a pesar de críticas feroces nas redes sociais por parte de quen avogaba por non facer nada, desde a comodidade da súa casa. Pero, a vida segue.

Quizais, por iso é importante a resposta da sociedade civil neste pulso por recuperar a “nova normalidade”. Aí está o papel que a primeira entidade cultural da cidade, o Ateneo Ferrolán, está a desenvolver neste “arranque de temporada” con múltiples e variados eventos.

Permítanme sinalar un deles, para este próximo venres, que fai nas súas instalacións o Consello da Cultura Galega e o seu Centro de Documentación en Igualdade, coordinado pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro, sobre o bicentenario da ferrolá Concepción Arenal. Alí estaremos.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/concepcion-arenal-ateneo/20201013232926289720.html