Ferrol non ten tren

No seu día foi unha noticia que pasou desapercibida. O Concello de Ferrol, instigado pola Xunta de Galicia, deixou de pertencer ao Eixo Atlántico como “castigo” ás declaracións do seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, contrario á implantación de Altri na nosa Comunidade. Non deixa de ser un símbolo de como faise política no noso país.

O certo é que estamos fóra do corredor ferroviario do Atlántico Norte, que o famoso “bypass” de Betanzos coas outras “melloras” previstas, para a conexión coa Coruña, só gañará dez minutos. Todo para que o porto exterior de Ferrol perda tempo en optimizar a súa potencionalidade. Hai quen non entende que sería moito máis rendible sumar todas as sinerxías.

Quizais, alguén debera – agora que tanto fálase da seguridade global – explicar por que Ferrol, coa principal base naval española, e da OTAN no sur de Europa, non ten as infraestruturas ferroviarias adecuadas e así, tamén, a principal empresa militar como é Navantia. Seguramente, no informe “Armada 2050” deberan dedicarlle un capítulo a isto. O illamento ferroviario de Ferrol non é un problema local, senón de país. Centrado este debate si poderemos facer o deseño do que queremos aportar á construción europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-non-ten-tren-5248710

Un reto para Ferrol e Coruña (Suso de Toro ten razón)

Publicaba este domingo o escritor un artigo titulado “Puerto exterior e invisibilidade”, onde fai unha crítica ácida á construción disparatada – di – do que será a futura instalación portuaria de A Coruña.

Considera que o Porto Exterior coruñés é un gran disparate, dunha etapa de propaganda, desidia e despropósitos. O pago de Aznar a aquela acollida, en medio da marea negra do “Prestige” no Pazo de María Pita, por parte do xa ex alcalde Paco Vázquez (e que supuxo unha ferida fonda aos militantes socialistas).

E segue a ter razón cando di que este Porto é produto do lobby coruñés que naceu como unha manobra especulativa – moitos así o creemos – nun lugar disparatado onde están a tirar miles de millóns ao mar, onde é máis perigoso. Un porto a onde levalos barcos será algo semellante ao que facían as sereas con Ulises. Un imposible irracional.

Tamén ten razón nas súas dúas conclusións; pregúntase senón somos un país irresponsable que tiramos o diñeiro da Unión Europea en buratos negros, cando ademais, moi preto está xa construído o Porto Exterior de Ferrol.

A segunda conclusión, que tamén comparto con Suso de Toro é en implementalas dotacións do Porto Exterior ferrolán, as súas instalacións e comunicacións.

Sen dúbida, este é un asunto que a Xunta e os galegos debemos plantexarnos sen localismos, en vez vincular o noso futuro ás eivas herdadas como pago a unha visión raquítica resumida na “Cidade – Estado”. Incapaces de entender que na unión das dúas cidades (Coruña e Ferrol), está o futuro.

Claro que isto obrigaría a unha nova relación político – territorial. Unha relación de igualdade, colaboración e confianza, allea ao sucursalismo. Quizais algúns, alá na cidade herculina e aquí en Ferrol, aínda non están preparados. Mais, o interese dos cidadáns ( e o galego tamén) o esixe.

Este é en definitiva, un reto para todos.