Amar Ferrol

A cidadanía. Si, tendemos a falar das e dos veciños como se fóramos un só corpo. Como se tiveramos unha vontade única, pero o asunto é saber se cando menos existe algunha, alén de irmos resolvendo o noso día a día, sen comprometernos.

Talvez, a querenza pola cidade quede supeditada á saudade que algunhas persoas poidan ter. Pódese amar un territorio, unha rúa ou unha praza? Xaora, é produto dese romanticismo que agroma en nós, ao menor dos nosos descoidos. Seguramente, para eludir a falta de respostas ante o sentido e os avatares da vida. Así, cada certo tempo pretendemos crer que a cidade soñada xa vén. Que deus cumpre a súa promesa de darnos a terra prometida. Mais, que mudou neste último ano en Ferrol? Os argumentos que nos den só serven para convencer a unha exigua parroquia.

Na recente presentación da Axenda 2030, na sala Carlos III do Museo Naval, o alcalde falaba da peonalización da Magdalena. Houbo quen – na parte participativa dixital – expuxo o seu rechazo á mesma. Eu creo que si, haberá. Pero, non para mellorar a vida das persoas e do comercio local. Senón, para os pisos turísticos que converterán o centro de Ferrol nun parque temático, expulsándonos. Xentrificación chámase.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/amar-ferrol-4848077

Ferrol 2030

Historicamente, o deseño de Ferrol vén dun feito constatado ao longo dos anos: as liñas fundamentais do desenvolvemento da cidade parten sempre de gobernos municipais socialistas, onde os demais acaban seguindo a súa estela. Pero, por tanto cambio de cor nas súas sucesivas corporacións, indo a tiróns e a velocidade lenta. Máis agora cunha nova administración local cun baixo nivel de xestión, a pesar da súa maioría absoluta.

Aí está o que acontece coa política de aparcadoiros ou alugueiro, a xestión da empresa de turismo, a falta de iniciativas para a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial, a biblioteca municipal, as multas da Malata… Todos son anuncios e poucas as realidades.

Así, será moi interesante a vindeira reunión do foro urbano convocado polo actual goberno local de Ferrol. Un debate enmarcado dentro da axenda 2030, que busca un consenso institucional e cidadán sobre o futuro inmediato das nosas cidades.

Fronte a un modelo de cidade hostil, excluínte, invivible para amplos sectores da poboación pola agravación das desigualdades urbanas, que só resérvanos o papel de consumidores, debemos desenvolver outro inclusivo dos nosos dereitos á cidadanía. A “civitas” fronte a “polis”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-2030-4683379