Movemento asociativo

Unha das sinais de identidade de Ferrol é a existencia dun amplo movemento asociativo, dos maiores da media galega. Coherente co final dos anos setenta do século pasado, onde o antifranquismo foi capaz de ter plataformas desde onde provocarlle buratos á ditadura, sumando a sectores importantes da poboación. Pero tamén é certo que unha parte dese movemento asociativo está baixo mínimos e sen relevo, hoxe non hai asociación capaz de marcar os sons da cidade.

A precariedade, a emigración e o envellecemento están no problema. Aínda así, o fundamental é a falta dun novo relato, antaño foi a incorporación á democracia e a construcción dun buscado progreso. Alén dun corta e pega de programas electorais, resulta necesario unha nova forma de entender a cidade, a súa reinvención desde dentro. Cambiar Ferrol para cambiar a vida das e dos seus moradores. Un exemplo é ese novo Canido da man de artistas como Edu Hermida.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/movemento-asociativo/20160811005208162724.html

Meninas

“As Meninas” por Leandro Lamas

A imaxinación e a capacidade de Eduardo Hermida, expresada este sábado no barrio de Canido, deixa ás claras que hai outra forma de sentir, facer e construír Ferrol en positivo. Ser capaz de unir un centenar e medio de pintores e músicos, a toda a veciñanza, así como ao sector hosteleiro; co que en principio é un formato e unha idea sinxela, como a figura das Meninas, é salientable.

Este feito ten moitas lecturas. Dende a propia sociedade civil que reocupa o seu espazo vital, dende a arte comprometida ata a reinterpretación propia e moderna dun Velázquez universal (e a partir de agora cun inegable selo galego). Pero, tamén da interacción entre culturas que viven xuntas e mistúranse, reiventándose mutuamente.

Se alquén quería dar títulos de galeguismo ou tutelar o xeito de sentir un barrio, dicir cómo hai que vivir; este día todo Canido e un artista galego como Hermida, acompañado por amigos como Leandro Lamas, amosaron publicamente que este é o tempo das xentes e da vida que abre todas as fiestras á alegría. Parabéns Eduardo.

Enlace web ao @DiarioFerrol