A auga, patrimonio do conxunto dos veciños de Ferrol (26-12-1999)

Estos días somos testigos das presas que algúns e algunhas teñen en liquidar un patrimonio do conxunto dos veciños de Ferrol. Nos derradeiros tempos a auga convirteuse nun sector estratéxico, cun alto valor económico e engadido, fundamental para a planificación e desenrolo social e económico da cidade. No século XXI quen teña a auga terá unha parte de nós moi importante. Un poder que non pode escapar ao control democrático dos cidadáns.

Alguén terá que explicarmos por que se tenta privatizar un servizo municipal, que foi saneado economicamente, e que produce actualmente beneficios para o Municipio. ¿Por que os técnicos municipais negáronse a valora-la súa concesión? ¿Cal foi a alegalidade que viron e que ademais acabou no xulgado?

Si finalmente non hai marcha atrás na constitución da “Empresa Mixta de Augas de Ferrol” dende o Concello, o Alcalde e tódolos Portavoces dos grupos municipais están obrigados a explicar cales son as súas respectivas posturas. ¿Por que entregar a unha empresa privada un ben colectivo que só necesita vontade política para acadar unha boa xestión é un bo servizo para os cidadáns? ¿Por que non se apostou por unha empresa municipal pública como os nosos veciños d’A Coruña?

A explicación que necesitamos os cidadáns non pode ser que é unha “herencia do anterior goberno do PP”, ou non pode quedar na petición a gritos de que se poña en marcha por parte da concelleira de augas ou que a de facenda xa conte coa súa privatización nos próximos presupostos municipais.

A actitude do goberno municipal (BNG / PSdG-PSOE) ante a privatización da auga é unha das cuestións que marcará o seu carácter como goberno de progreso, tendo asemade en conta que as súas correspondentes militancias non a aprobaron.

Os que se reclaman progresistas ou de esquerdas saben que a defensa do público e a súa xestión democrática é un dos seus referentes. Non é serio ter un discurso fóra do concello e dentro face-lo contrario, é obrigado a diferenciación coa dereita. Os veciños estamos á espera dunha resposta convincente.

REFLEXIÓN SOBRE O XURADO POPULAR (9-11-1999)

Estos días asistimos, tras o dobre crime acontecido na nosa cidade – que sen lugar todos rexeitamos – a un debate sobre o xurado popular e a súa idoneidade. O presunto homicida anteriormente foi absolto noutro xuízo por falta de probas.
Ao carón dun feito tan deleznable, atácase unha Institución de nova criazón que supón un avance con respecto á situación anterior. Asemade, provócase un linchamento moral público das persoas que participaron como xurado. ¿Se o autor da sentencia absolutoria fora un xuíz, algúns serían tan belixerantes? ¿Pedirán tamén, esos algúns, a figura xurídica do desacato para o xurado popular?
Estos ataques son xa comúns e sempre dan un rodeo, dicindo que o xurado popular cando menos non debería xulgar determinados casos. Din que os cidadáns temos “ansias absolutorias” ou “frívolas”. ¿Buscan afogar un instrumento fundamental para achegar a Xustiza aos cidadáns? ¿Quen asegura que o veredicto dun xuízo e máis xusto si o decide unha persoa que un grupo de cidadáns?
Para impartir xustiza non é necesario ter coñecementos xurídicos, só sentido común e un criterio do que é xusto ou non. Para asesorar en cuestións técnico – xurídicas, xa está todo o aparello xudicial da Administración. Entón, ¿por que tanta polémica?
Dende sectores inmobilistas da Administración de Xustiza sempre rexeitaron esta Institución, porque pon nas maos da xente corrente un instrumento importantísimo. Non só invalida a visión elitista dunhas persoas, que se consideran por riba dos demais, senón fundamentalmente, porque supón un control real por parte dos cidadáns, de algo tan importante como é a Xustiza e os seus principais integrantes: xuíces, fiscais e avogados. Ven-se na obriga de render contas ante nós, cando ata agora moitos deles estaban no Limbo dos Patriarcas. É unha forma máis de cumprir un precepto da nosa Constitución, tódolos españois somos iguais en dereitos e obrigacións.
Os cidadáns estamos na obriga de defender todo o que supoña un avance na participación democrática. Corrixindo para mellorar e tamén ampliar, a nosa toma de decisións en todo aquelo que sexa xestión dos nosos asuntos.
Non debemos aceptar que as complicacións que leva participar ou a simple comodidade, permita considerar a nosa sociedade inmadura e pre – democrática. Si somos cidadáns maiores de idade temos que asumilo.