As Sete Saias da música galega

Hai uns días escoitei na Radio Galega, creo que foi en “Lume na Palleira” a un novo grupo formado por dúas mulleres alumnas do Romaní. As Sete Saias.

No vídeo poderedes comprobar que son moi boas nesto da música (como curiosidade dicir que as arpas pesan sete quilos). Recoméndoas e agradezo a quen mo mandou ao meu correo electrónico o enlace a youtube.

Este grupo é unha mostra máis da grande explosión cultural e musical que vivimos en Galicia dende hai uns anos. Unha conversa, esta, que mantíñamos na cea posterior á Homenaxe Galega Lois Armada (alcalde socialista de Cariño), Salorio (concelleiro do BNG de Pontedeume) máis eu, nunha mesa preto de Isaac Díaz Pardo. A cousa empezou facendo un recorrido pola historia de Milladoiro e acabamos falando de que en cada recuncho do país hai un grupo de mozos/as facendo música e a distribución pola Rede.

Cousa que non me deixa de sorprender porque nesto da música en Galicia é algo máis que voluntarismo. Faltan canles axeitadas de distribución, mercado e consumidores para non depender das Institucións públicas ou financieiras galegas.

Aquí os músicos necesitan compaxinalas súas carreiras artísticas con outros traballos alleos. Desto da música non se vive. É algo militante, agás moi poucos grupos ou solistas.

Non me deixa de sorprender tampouco a incapacidade dos medios de comunicación españois para facilitar e propagar a música desta e nesta España plural, sobre todo pola contaminación tan grande que as radio fórmula teñen do mercado anglosaxón.

Aquí hai un bo momento cultural e musical, non soamente no folk, senón no pop, jazz galego, teatro, literatura… e non debería ser só cousa de iniciativas particulares a propagación da cultura, aínda que en algúns sectores haxa que vela forma de racionalizalo e traballar a prol dunha viabilidade á marxe do principal promotor cultural galego (a Xunta de Galicia), estou a pensar, por exemplo, no numeroso grupo de pequenas editoriais que existen e dependen basicamente da políticas de subvencións.

Déixovos co Sete Saias e o seu “Rompendo a Marea”. Que vos guste.

Milladoiro participa na Homenaxe Galega a Díaz Pardo (Ferrol, 2 Marzo 2007)

Xa está todo a punto, maña venres 2 de marzo no Teatro Jofre, e por iniciativa da Asociación Cultural Fuco Buxán, da que Isaac Díaz Pardo é socio de honra, terá lugar o acto central da súa Homenaxe Galega.

O grupo Milladoiro pechará o acto central cunha dedicatoria especial para Isaac. Este acto central empezará co son da Marcha do Antigo Reino de Galicia que será tocada polo gaiteiro Victor Agulló, tamén en honra a Isaac.

Haberá unha serie de intervencións, tanto de dirixentes políticos, sindicais como dunha serie de poetas.

O programa previsto é o seguinte:

Acto Central da Homenaxe Galega a Isaac Díaz Pardo

Teatro Jofre: Venres, 2 de Marzo, ás 19,30 horas

Seguir lendo

¡Vaia paxaros!, diría o Pocholo.

Sigo a pensalo mesmo, o PP aburre. Inclúo a todo o seu poder mediático, por suposto, encabezado polo inefable Pedro J.

¿Quen vai a asumila responsabilidade da falsificación dos informes dos peritos para implicar a ETA no 11M? Será capaz Rajoy de aproveitar e facer limpeza no PP, desfarase dos Acebes, Zaplana, Juncal…? ¿É Rajoy recuperable para a España democrática?

¿Quen son os indutores, os autores intelectuais que queren levar a España a unha espiral de enfrontamento, aínda que sexa tirando pola ventá as Institucións e a convivencia democrática?

Pero, hoxe non quero estenderme, nin pecar de pesimista. Se sae ben, abaixo poderedes ver o vídeo do alcalde “popular” de Ortigueira con Pocholo. Amosa claramente que tipo de dereita hai en España.